Opinión

A continuidade do proceso bolivariano

Sobre as eleccións celebradas o domingo en Venezuela poucas dúbidas había e todos os observadores coincidían nas últimas semanas en que na elección de 23 gobernadores e máis de 237 lexisladores estatais o pobo venezolano ía referendar o apoio á continuidade do proceso revolucionario bolivariano dado o pasado 7 de outubro coa relección de Hugo Chávez como presidente para o novo período 2013-2019, un referendo que foi incluso superior ao agardado ao vencer o PSUV en 20 dos 23

Sobre as eleccións celebradas o domingo en Venezuela poucas dúbidas había e todos os observadores coincidían nas últimas semanas en que na elección de 23 gobernadores e máis de 237 lexisladores estatais o pobo venezolano ía referendar o apoio á continuidade do proceso revolucionario bolivariano dado o pasado 7 de outubro coa relección de Hugo Chávez como presidente para o novo período 2013-2019, un referendo que foi incluso superior ao agardado ao vencer o PSUV en 20 dos 23 estados, quedando en mans da oposición só tres estados; o estado de Miranda que ten por gobernador a quen foi en outubro candidato presidencial da oposición Henrique Capriles e os estados de Lara e Amazonas nos que os gobernadores reelixidos foron no seu momento apoiantes de Chávez.

Se ben os resultados das eleccións supoñen un avance no proceso bolivariano, ao terlle arrebatado catro estados á oposición, a celebración deste triunfo non pode agachar o delicado momento que está a vivir Venezuela pois o camiño que siga o país vai estar condicionado en grande parte pola evolución no estado de saúde de Chávez; sendo esta unha das poucas cuestións nas que nunha sociedade tan polarizada como a de Venezuela podemos poñer dacordo a defensores do goberno e da oposición.

Se nun artigo que publiquei hai un par de meses sobre as presidenciais falaba de que un dos retos que agardan ao proceso revolucionario bolivariano nos vindeiros seis anos é “…dar resposta á interrogante de quen serán os novos líderes que xurdan para un posíbel relevo de Hugo Chávez.” os acontecementos dos últimos días fan que esa resposta deba darse antes. No caso desexábel de que Chávez saia ben desta nova fase da súa enfermedade é indiscutíbel que non vai contar coa mesma forza que o levou a pilotar ao longo de case catorce anos dun xeito moi personal o proceso de cambios no país; un xeito de conducir a revolución bolivariana no que influiron moito o seu carisma e a súa formación militar, asumindo un liderazgo que en Europa ás veces renxía ao comprobar por exemplo como o presidente era quen de reunirse con importantes líderes políticos do planeta cantándolles as corenta e ás poucas horas realizar xestións para solucionar o problema dunha cidadana humilde en directo desde desde o seu programa televisivo Aló Presidente.

Esa personalidade arrolladora e a súa capacidade para facerlles ver aos máis desfavorecidos de Venezuela que teñen dereitos e que os gobernos deben garantirllos entendo que son os maiores activos na popularidade e no apoio repetidamente acadado, e está claro que sen a figura de Hugo Chávez a revolución bolivariana non se tería producido; pero ese liderazgo indiscutíbel que o ocupa todo crea tamén problemas importantes cara o futuro.

Hoxe ningún dos posíbeis candidatos a sustituir a Chávez conta con popularidade e autoridade suficiente, todos son persoas de segundo nivel estando o seu papel e responsabilidades até o de agora sempre en función das decisións adoptadas polo propio Chávez, o exemplo máis claro é a decisión persoal de indicar a Nicolás Maduro en caso de non poder continuar el á fronte do goberno. E se falamos da estrutura organizativa que deba manter e facer avanzar o proceso tampouco podemos dicir que o PSUV sexa un partido suficientemente asentado tanto no ideolóxico como no organizativo, segue a ser moi dependente das decisións do presidente, e os distintos intentos de crear unha dirección colectiva do proceso revolucionario na que participen todos os partidos e organizacións comprometidas co mesmo até agora pouco teñen avanzado.

Pouco a pouco a evolución da saúde de Chávez, que desexamos positiva, irá despexando algo o camiño, e agardamos que poida abrir el mesmo un novo período no que o liderazgo carismático dea paso a un maior compromiso e dirección colectivos. Neste momento a preocupación é moita en todos aqueles que seguimos o proceso bolivariano dado que os últimos días deixaron ao descuberto que a maior fortaleza da revolución bolivariana pode ser tamén a súa maior debilidade.