Opinión

A construción europea que nos ía salvar non era tal

Durante anos o BNG defendeu que Galiza non precisaba da súa incorporación á Comunidade Económica Europea (actual Unión Europea) para ser moderna e que non ían ser os burócratas de Bruxelas quen nos desen a nós o carné de europeístas, pois Galiza sempre foi Europa.

Durante anos o BNG defendeu que Galiza non precisaba da súa incorporación á Comunidade Económica Europea (actual Unión Europea) para ser moderna e que non ían ser os burócratas de Bruxelas quen nos desen a nós o carné de europeístas, pois Galiza sempre foi Europa.

Daquela desgraciadamente non pelexabamos exclusivamente contra as tres variantes do españolismo, conservador, socialdemócrata e chamada esquerda democrática, senón que tamén nas filas do nacionalismo había xente que consideraba apostar pola Europa da CEE, de Maastricht e do tratado constitucional como un atallo no proceso de autodeterminación do pobo galego, un atallo que segundo dicían ía permitir que pasásemos por enriba do estado español dando supostos pasos firmes cara a construción dunha Europa das nacións.

O BNG negaba a existencia de tal atallo e explicabamos que canto máis lonxe estivesen aqueles que adoptaban unhas decisións políticas que afectaban negativamente á nosa nación máis doado lle ía ser a calquer gobernó do estado español desviar os tiros, e ao tempo máis difícil lle ía ser ao noso pobo adquirir conciencia de quen era o inimigo ao que debía combatir.

Queda xa lonxe aquel 1 de xaneiro de 1986 no que o estado español ingresou na CEE e nestes vinteseis anos os nosos sectores produtivos básicos foron desmantelados sen que se nos presentasen propostas alternativas para o noso desenvolvemento económico e social; nin I+D+I, nin turismo verde, nin xacobeo,…..; todo foi propaganda para engaiolar a un pobo desprovisto maioritariamente de conciencia de seu.

Hoxe cando estamos inmersos na crise máis grave do capitalismo, unha crise moito máis grave que a famosa do 1929, xa non hai excusas, CEE- Mercado Común-Unión Europea ou o novo nome que se lle queira dar nun inmediato futuro, non é máis que un instrumento do sistema para aumentar o nivel de explotación dos pobos, entre eles o galego.

Podo aceptar que alguén tivese dúbidas daquela pero hoxe si que non, se hoxe hai alguén que aínda se atreva a defender o modelo de construción europea saído da segunda guerra mundial, unha de duas, ou está cego ou é un quinta-columnista. E por favor que non me veñan coa ladaíña de ser modernos que xa non cola.

O nacionalismo galego nos está orgulloso de que estes vinteseis anos lle deran a razón, non teríamos o mínimo problema en recoñecer que estabamos trabucados se así fose, pero a realidade é que facíamos unha análise correcta e por tanto do que si estamos orgullosos é de manter todos estes anos ergueitas as bandeiras da dignidade e da confianza nas capacidades da nosa nación. Son esas bandeiras as que nos permiten hoxe resistir e as que nos permitirán nun futuro que agardo non lonxano avanzar.

Comentarios