Opinión

A construción do poder popular (nunha colonia da Europa occidental)

A pasada semana estivo na Galiza a socióloga arxentino-cubana Isabel Rauber, analista dos movementos sociais e que ten feito unha importante contribución a respeito da construción do poder popular.

A pasada semana estivo na Galiza a socióloga arxentino-cubana Isabel Rauber, analista dos movementos sociais e que ten feito unha importante contribución a respeito da construción do poder popular. Dicía que hai uns meses promoveu na Arxentina (onde vive na actualidade) unhas xornadas de debate sobre a transición ao socialismo, nas que ademais ían participar Samir Amin e François Houtart, que por diversas razóns non se puido realizar. É unha magoa, porque este é un dos aspectos fundamentais que necesitan ser debullados a fondo, para superar erros conceptuais e métodos de traballo trabucados, presentes en todos os partidos e forzas antisistémicas. Algo esencial para que as mudanzas en varios países de América Latina se podan consolidar, e dar novos pasos que afonden no proceso. Son reflexións que terían utilidade tamén para todas as organizacións que loitan pola soberanía e o socialismo.

Até a caída da URSS este debate non tiña tanta importancia, porque despois da Segunda Guerra Mundial nun mundo bipolar todo proceso de cambio revolucionario podíase garantir unha vez tomado o poder, se contaba coa hexemonía interna, xa que se contaba co arroupe desta potencia nuclear. Así se aseguraba en boa medida a non inxerencia imperialista e a colaboración do bloque socialista. Hoxe practicamente ningún recuncho do mundo está exento do control e/ou rápida intromisión dos Estados Unidos e de países aliados, ou sexa do imperialismo. Como está a acontecer abertamente en Iraq, Afganistán, Libia, Siria, Malí, Costa de Marfil, Honduras, Paraguai, etc. Tamén o fai, aínda que dun xeito menos evidente, en todos aqueles estados que se poden constituír en novas potencias, ou que representan modelos económicos e sociais que afectan negativamente á centralización e concentración da riqueza e do poder. Daquela, o proceso de cambio está mediatizado por esta realidade xeopolítica, así como polo inmenso avance da globalización neoliberal. Este último aspecto non é unha cuestión menor, pola financiarización da economía, os avances tecnolóxicos e o control da información e da cultura de masas. Por non falar da agresiva competencia polos escasos recursos enerxéticos e de materias primas. Tamén se lle deu folgos ao auxe da especulación financeira e todo tipo de actividades delituosas (droga, prostitución, trafico de persoas, escravitude laboral, etc.), así como á privatización da seguridade, das forzas militares e á fabricación de armamento.

"Hoxe practicamente ningún recuncho do mundo está exento do control e/ou rápida intromisión dos Estados Unidos e de países aliados, ou sexa do imperialismo".

 Polo tanto non estamos no mesmo contexto económico e social de hai catro décadas, algo que é moi evidente no ámbito político. Por iso, aínda que algúns economistas teimen nas súas propostas (e que ademais nos parezan positivas), as medidas keynesianas non dan resultado, porque sería necesario recuar a uns niveis demográficos, de recursos, de intercambio comercial, xeopolítico e de ligazón das clases dominantes autóctonas cos estados de orixe, que xa non existen. Non hai base material para que estas propostas permitan crecer durante un longo período. Só nalgúns países da periferia conseguíronse éxitos parciais (e conxunturais), moi dependentes da situación da economía mundial e da riqueza de materias primas e enerxía (o petróleo en Venezuela, a soia en Arxentina, etc). Ou sexa, non se foi polo de agora capaz de rachar coa dependencia e o modelo dominante, e substituílo por outro que responda ás necesidades nacionais. Este é un dos motivos que atrancan un medre constante da economía nos estados que integran a ALBA, eivas que, só con medidas de maior protección aos excluídos e unha maior distribución dos ingresos das riquezas enerxéticas e de materias primas, non se poden canear.


Nesta etapa, polo avanzado do proceso de concentración e centralización do poder e da riqueza (e daqueles mecanismos económicos, sociais, culturais e militares que o garanten) non hai posibilidade de recuperar e manter a soberanía nacional, e acadar a xustiza social, por parte dos países dependentes, coloniais, semicoloniais e neocoloniais, se non se avanza cara novas relacións de produción, que muden radicalmente a correlación de forzas entre as clases sociais. E para levar adiante este proxecto cómpre unha poderosa organización antisistémica. Porén, nun país colonial, nesta etapa, é inviábel que esta tarefa sexa produto dunha alianza entre as clases populares e unha franxa da burguesía, polo grao de alienación e a incorporación ás clases dominantes foráneas da alta e media burguesía autóctona. Unha realidade que constatamos arreo no noso país, mesmo en temas identitarios tan básicos como o lingüístico ou o da defensa dos intereses económicos máis básicos (aforro, investimentos, etc.). Por esa razón as loitas nacional e social están estreitamente unidas na Galiza, e privilexiar unha delas sobre a outra non liberaría totalmente as clases populares (e a clase obreira).

"Por esa razón as loitas nacional e social están estreitamente unidas na Galiza, e privilexiar unha delas sobre a outra non liberaría totalmente as clases populares (e a clase obreira)".

No noso país, aínda que ás veces sectores da clase traballadora acomodada e algúns profesionais asumen o papel político dunha teórica burguesía nacional, na práctica carecen do poder económico que aquela tería e tampouco teñen capacidade para atraguer ao proxecto os poucos empresarios que manifestan na intimidade simpatías (mais no cotiá, preocupados por acumular lucro). Pola contra, fai que as clases populares se afasten, e co tempo mesmo terminan asumindo os comportamentos das clases dominantes. Lémbrense os moitos fracasos de partidos que quixeron cumprir este papel na nosa nación. Por se non abondara, hoxe, diante da grave crise económica, do desemprego e precariedade social, hai un sector minoritario da clase traballadora acomodada que se abraza a unha escenificación do drama dos de abaixo, coa mesma teimosía que antes o facía teoricamente en relación ao tema nacional. Mais, sen por iso, recoñecer o papel fundamental e protagónico da clase obreira como suxeito social e político.

Sintetizando, todo indica que neste momento histórico as propostas keynesianas non permiten medrar dun xeito constante e xerar emprego digno, e tampouco ampliar a base social e política das forzas progresistas de modo que garantan un cambio na correlación de forzas e aseguren a continuidade do proceso. Nen sequera reverten o medre acelerado da explotación social e opresión nacional. A ruptura democrática só será posíbel se se sustenta na mobilización social e o protagonismo organizado e consciente das clases populares (especialmente da clase traballadora), unha gran representación nas institucións, e conquistando a través da loita política dereitos nacionais e de xustiza social que muden a correlación de forzas (é dicir garantindo a soberanía nacional, unha democracia popular, e que o sector público e cooperativo sexa dominante na actividade económica). Analicemos máis polo miúdo estes retos.

"A ruptura democrática só será posíbel se se sustenta na mobilización social e o protagonismo organizado e consciente das clases populares"

1) A mobilización social é fundamental (¡importantísima!), mais non se pode entender só como un problema cuantitativo, senón que debe ser un pulo cualitativo no conflito e servir para xerar maior nivel de conciencia, dar protagonismo ás clases populares e acumular forzas. Moitas veces, cunha entrega heroica da clase traballadora e outros sectores populares, lévanse adiante centos de manifestacións e outros actos de protesta todos os meses, alentados e arroupados polo sindicalismo de clase, mais a maioría deles non conseguen rachar o cerco dos medios sistémicos. Non se socializan. Convértense nun desafogo, nunha rutina. Polo tanto non son eficaces para dobregar á patronal ou ao Goberno. Non podemos esquecer que estes séntense moi fortes, xa que neste contexto non sempre lles afectan as repercusións na produción, ou pódenas compensar. Daquela, é fundamental unir os conflitos, facer mobilizacións impactantes, realizar unha ampla campaña previa e, ademais, divulgar despois a protesta, os motivos e as reivindicacións. Buscar sempre a complicidade da maioría da sociedade.

Agora ben, as campañas débense seleccionar e durar no tempo. Non poden rematar na convocatoria da manifestación ou concentración, xa que ¡son un medio, nunca un obxectivo! Deben deixar un pouso na conciencia colectiva, e para iso non abonda con acadar os obxectivos concretos (dun sector, colectivo, ou localidade), é fundamental obter a solidariedade e o recoñecemento social para acumular forzas. Daquela a loita no eido das ideas é fundamental. Sobre este aspecto da loita de clases dicía Engels que “a indiferenza da teoría é unha cas causas principais de que o movemento obreiro inglés avance tan de vagar, malia a súa excelente organización nalgúns oficios, e , por outra, o demostra o desconcerto e a confusión sementados polo proudhonismo, na súa forma primitiva, entre os franceses e belgas (...) Por vez primeira dende que existe o movemento obreiro, a loita se desenvolve de xeito metódico nas súas tres direcións concertadas e relacionadas entre si: teórica, política e económico-práctica (resistencia aos capitalistas)” (As guerras campesiñas en Alemaña; prólogo, Federico Engels, Editorial Andes, Arxentina, 1970)

2) Non hai ningunha posibilidade de ruptura democrática, neste contexto histórico e na Unión Europea, sen unha gran participación e protagonismo das clases populares, organizadas. Esta é a única vía posíbel para acadar unha ampla acumulación de forzas que permita un cambio sistémico, a liberación nacional e social, a igualdade de xénero e a preservación da natureza. Unha aclaración sobre este tema. As clases subalternas sempre entenderon que as mudanzas non son sinxelas, que dependen da correlación de forzas, de factores internos e externos. O que non poden aceptar, xa que non son parvas e saben que hai actitudes que teñen consecuencias, é que aqueles nos que confiaron, despois anden con “panos quentes” cos que os explotan e desprezan, e que vistan e se comporten coma eles, negando a loita de clases. As clases populares comprenden que hai cambios económicos que levan o seu tempo, porque afectan o núcleo duro dos poderosos, xa que saben de sacrificios e dificultades (a diferenza das clases medias e altas). Agora ben, iso non significa que non reclamen que se avance máis rapidamente, e que empurren. Mesmo hai temas nos que é mais doado facelo, xa que contarían cunha ampla complicidade, como son: a democratización das institucións, o dar protagonismo ás maiorías sociais, e garantir que os medios teñan un papel minimamente obxectivo (todos debemos cumprir certas regras, ¿por que non a información?). Por que non se propoñen leis neste sentido? Acaso existe unha visión elitista, que considera que ás clases populares non lles preocupa, que valoran só (como fan os poderosos, e predicaba o franquismo) aquilo que significa un avance nos ingresos, e que non lles interesa a liberdade, a cultura, a identidade, a solidariedade, e o seu papel na sociedade? Quen pense así, que pouco coñece as clases subalternas; e faille moito mal á conquista da ruptura democrática. Logo, ante o fracaso político, a resposta sempre é a de lle botar a culpa á ignorancia do pobo, que non olla as excelencias da vangarda ilustrada. Non se pode pedir a complicidade das clases populares, e moi especialmente da clase obreira (a de maior capacidade mobilizadora) e despois darlle un papel de masa, sen ningún protagonismo na dirección do proceso.

"As clases populares comprenden que hai cambios económicos que levan o seu tempo, porque afectan o núcleo duro dos poderosos, xa que saben de sacrificios e dificultades"

3) Neste momento e neste ámbito xeográfico a representación do nacionalismo anticolonial nas institucións políticas é fundamental, tanto para frear as medidas reaccionarias e antigalegas das clases dominantes, como para poder levar adiante conquistas que beneficien á maioría social. As institucións deben ser polo tanto a caixa de resonancia das protestas e reivindicacións das clases subalternas, e lugar para a divulgación do proxecto estratéxico e de propostas concretas. Eliminalas, desprestixialas, sería un paso atrás inmenso, deixando todo directamente en mans dos poderes fácticos, especialmente o económico. Eles non as necesitan, por iso están reducindo a súa representación, competencias, recursos e capacidade de execución. O que cómpre é democratizalas, que representen eficazmente os intereses do pobo. Fai falla que a súa composición reflicta acaidamente tanto a cuestión de xénero como a estrutura social do país. Non pode ser que practicamente non exista representación da clase obreira, ou sexa, daqueles que realizan actividades manuais e máis precarizadas, que son a inmensa maioría dos traballadores e traballadoras activos (sexan da industria, construción, servizos ou pesca e agro). Hai actividades moi sobredimensionadas nas institucións, o que non deixa de ser un atranco para entender o estado de ánimo da xente, por mellores que sexan as capacidades e intencións. Por outra banda, como ten solicitado o nacionalismo anticolonial, é necesario que Galiza sexa circunscrición única, baixar a porcentaxe mínima para un deputado/da e mesmo aumentar o seu número. Non excluír ningunha opción minimamente representativa. Cómpre reorganizar administrativamente o territorio, unificar concellos, eliminar as deputacións, e crear nas localidades e barrios asembleas consultivas, para dar participación aos cidadáns. Garantir algún tipo de consulta popular sobre os orzamentos e que a poboación poda presentar mocións nos plenos cando reúna un determinado número de sinaturas. Son algunhas ideas, o tema sen dúbida débese debullar moito máis.

"Hai actividades moi sobredimensionadas nas institucións, o que non deixa de ser un atranco para entender o estado de ánimo da xente, por mellores que sexan as capacidades e intencións".

4) Cales deben ser as medidas necesarias para consolidar o cambio na correlación de forzas? Ou sexa, para garantir a soberanía e a transición a un sistema socialmente xusto, democrático, sustentábel, autocentrado e solidario? Cando nos facemos estas preguntas non podemos ignorar o contexto internacional e continental. E teoricamente ábrense dous camiños. O dos que entenden que a clase traballadora en todo o mundo, ou cando menos na Unión Europea, a través dunha revolución social, debe cambiar o sistema, supeditando as demais contradicións a este obxectivo. E os que consideran que nesta etapa, facendo esforzos de coordinación, só é factíbel avanzar desligando a cada nación da opresión imperialista, e que ambas contradicións, nacional e de clase, forman parte do proceso (así como as de xénero e a ecolóxica). O certo é que hoxe, para alén das teorizacións, na Unión Europea, e no resto do mundo, mesmo existindo moitas mobilizacións contra a regresión social, as maiores confrontacións estanse a dar na cuestión nacional. Non é casual o que está a acontecer en Escocia, Flandres e Cataluña. Asemade, non se pode ignorar que, máis alá do interese dalgúns sectores da burguesía autóctona, en todos eles o poder máis concentrado do capitalismo non está a prol da soberanía. Se analizamos o que acontece en América Latina, vese que as alianzas susténtanse máis na oposición ao control das grandes potencias que na defensa dun modelo económico e social común.

Esta reposta non é casual, porque a confrontación entre potencias, e destas cos demais países e as nacións sen estado propio, polo reparto da distribución do traballo e a riqueza está no seu intre máis álxido (na Galiza estanos afogando un maremoto que afecta ao sector crediticio, agro, pesca, eólico, naval, etc; que empurra a milleiros á emigración; non se trata só da distribución da riqueza entre clases; por non falar da belixerancia contra a identidade nacional). Por outra banda, ninguén pode esquecer que, aínda que na URSS se dese até hoxe, o maior dos avances no recoñecemento dos dereitos nacionais e arroupou as loitas de liberación das colonias en África e Asia, non foi quen de solucionar axeitadamente a cuestión nacional no seu territorio. “Lenin fai un crú diagnóstico da situación. Na súa opinión, o réxime soviético segue reproducindo de feito, se ben con outras formas que antano, as desigualdades nacionais do pasado. A causa diso, di, é a contaminación do nacionalismo chauvinista ruso que está presente darriba abaixo no partido bolxevique, no aparello do estado e nas propias institucións soviéticas (...) Lenin sente a necesidade de fixar unha nidia distinción sobre o carácter do nacionalismo, rexeitando a tese de que teña un sentido inequívoco. Só existen nacionalismos concretos, di, cuxo carácter é radicalmente distinto se pertencen a unha nación grande ou a unha pequena, dominante ou dominada...” (Lenin e as nacións, Javier Villanueva, Editorial Revolución, 1987, páxina 518)

Unha demostración de que a contradición nacional non pode ficar a expensas de resolver prioritariamente e exclusivamente os problemas da distribución da renda entre clases. Outro tanto se pode dicir das cuestións de xénero, ecolóxicas ou dos dereitos individuais. Todas as contradicións de importancia cómpre solucionalas a medida que avanza o proceso de construción do poder popular, porque son parte da vida cotiá das persoas, especialmente das clases subalternas, máxime se viven nun país secularmente colonizado. Ademais, aqueles que propoñen a hexemonía da vía económica no Estado español na práctica fan do pacto de clases, no ámbito laboral, parte fundamental da súa actuación. Polo que semella máis unha brincadeira para obviar os dereitos nacionais de Cataluña, Euskadi e Galiza, que unha estratexia consecuente para a conquista do poder e un cambio de sistema que garanta xustiza social e os dereitos das nacións oprimidas.

"As contradicións de importancia cómpre solucionalas a medida que avanza o proceso de construción do poder popular, porque son parte da vida cotiá das persoas"

Repito máis unha vez, que as clases dominantes e as nacións máis poderosas concentran e centralizan a un tempo o capital e o poder. Hai que desarmalas en ambos procesos de acumulación que subordina as clases populares e moi especialmente a clase traballadora tanto no ámbito laboral como nacional (nos países dependentes, coloniais, semicoloniais e neocoloniais). Daquela a independencia nacional de Galiza, Euskadi, Cataluña, Escocia, etc. é rupturista, especialmente se iso dá lugar (como parece lóxico) a unha saída da Unión Europea e do euro. Xa que a Unión Europea e o euro son mecanismos funcionais á centralización e concentración da riqueza, é dicir, ao fortalecemento do imperialismo. Sobre estes aspectos da loita de clases son fundamentais os textos de Ruy Mauro Marini, como Dialéctica da Dependencia.

Nos ámbitos nacionais é onde as clases populares teñen maior capacidade para mudar a correlación de forzas a prol dos seus intereses, especialmente nos países de menor tamaño, onde as estruturas tradicionais de comunicación e organización son máis efectivas. Polo tanto estes son obxectivos que deben formar parte dun programa para esta etapa. Así como os seguintes: a nacionalización da banca, do sistema enerxético e das comunicacións; a eliminación da Bolsa; o carácter público do ensino, sanidade, pensións, prestacións por desemprego e atención ás persoas dependentes. Alentar o cooperativismo, tanto na produción como na distribución e venda polo miúdo. No ámbito político: a ampliación da participación social nas institucións, reorganizando o territorio e suprimindo a duplicidade nas competencias. Reforma fiscal, cunha imposición progresiva e directa sobre os ingresos. Un aspecto prioritario é garantir o reparto do traballo, condicións laborais dignas e que a clase traballadora participe no control das empresas, xa que é parte fundamental no seu funcionamento e na produción de riqueza. No caso concreto do noso país, a normalización lingüística e a difusión da cultura e historia, e preservación do patrimonio, son tarefas prioritarias para esta etapa.

Resulta evidente que as reivindicacións anteriores non socializan todos os medios de produción, nen constrúen unha sociedade igualitaria, mais garanten a hexemonía da democracia e dunha sociedade máis xusta no ámbito político, económico, social e cultural. Son medidas aceptábeis por unha ampla maioría da xente, mesmo de moitos pequenos empresarios, e isto é necesario; asemade, dáselle o protagonismo ás clases populares, xa que muda a correlación de forzas profundamente. Agora ben, para completar esta etapa con éxito, é necesario avanzar cara unha economía autocentrada e sustentábel, polo tanto eficiente en termos de utilización dos recursos (pola súa escaseza e consecuencias ecolóxicas); así como desenvolver unha ampla política de alianzas e solidariedade con forzas doutras nacións, que alente os movementos de liberación. O proceso de construción do poder popular, os seus éxitos e erros, tanto no aspecto material como na transformación da conciencia colectiva, contribuirá a pensar os novos pasos a dar para conseguir unha sociedade cada vez máis xusta e solidaria (socialista).

"Cando se trata dunha colonia, como Galiza, ou dunha nación sen estado propio, o primeiro período abrangue, como resulta lóxico, aquel que atinxe até a conquista da soberanía".

Por último algunha aclaración. A etapa actual só será superada unha vez completadas as tarefas enumeradas e outras que sexa necesario sumar en función das transformacións políticas, sociais e económicas, que se produzan. Todo indica que alí onde as forzas populares non teñan a hexemonía nas institucións, a etapa está dividida en dous períodos. Un primeiro, no que a mudanza na correlación de forzas será consecuencia da mobilización social, do avance da conciencia, da organización, e do protagonismo das clases populares. E outro posterior, no que se deben sumar os obxectivos no eido económico, social e cultural e de democratización do aparello político, a fin de consolidar o cambio sistémico. Ao primeiro período desta etapa poderiámoslle chamar de ruptura democrática, e ao segundo de cambio sistémico. Agora ben, o programa, os obxectivos que se divulgan, a estratexia e moitas das tarefas, e a construción do imaxinario colectivo e do suxeito político que leva aparellado, debe abranguer a toda a etapa. Cando se trata dunha colonia, como Galiza, ou dunha nación sen estado propio, o primeiro período abrangue, como resulta lóxico, aquel que atinxe até a conquista da soberanía. Un obxectivo esencial para poder levar adiante as tarefas necesarias para o cambio sistémico. Outro aspecto a termos en consideración é que o vello e o novo van a convivir durante un tempo moi longo, e polo tanto estarán presentes as contradicións fundamentais. Este tipo de procesos só se aceleran como consecuencia dunha ruptura violenta (por exemplo a Revolución Rusa). Non é o noso contexto. Daquela, a confrontación no eido das ideas é esencial, non abonda coa mobilización e as propostas correctas, ou con facer unha boa axitación. Hai que convencer, ser exemplo, e ter capacidade para chegar á xente con moi poucos medios. E, en todos estes aspectos, conta a formación e a vontade colectiva, mais tamén escoller para cada tarefa as persoas máis axeitadas.

http://manuelmera.blogaliza.org/