Opinión

A construción da conciencia: reforma ou ruptura

Nun anterior artigo facía mención ao nexo que existe na práctica entre as medidas reformistas e un proxecto rupturista co sistema, xa que no proceso de construción do poder popular, cando se realizan tarefas de xestión, sexa nun concello ou no eido sindical, por poñer dous exemplos, as tarefas inmediatas son reformistas porén inseridas nun obxectivo rupturista.

Nun anterior artigo facía mención ao nexo que existe na práctica entre as medidas reformistas e un proxecto rupturista co sistema, xa que no proceso de construción do poder popular, cando se realizan tarefas de xestión, sexa nun concello ou no eido sindical, por poñer dous exemplos, as tarefas inmediatas son reformistas porén inseridas nun obxectivo rupturista. Mais, neste caso non quero falar das características do proceso para a acumulación de forzas, senón do obxectivo estratéxico que se marca unha organización política ou social. E polo tanto da importancia que ten a divulgación, práctica e teórica, do proxecto estratéxico na poboación, a fin de socializalo e convertelo en obxectivo da maioría social. Só así será posíbel mudar a correlación de forzas, e derrotar o que Gramsci denominou o bloque hexemónico.

Durante décadas houbo un forte enfrontamento dentro da esquerda, entre aquelas opcións que defendían a teoría de que mediante a acumulación de reformas se podía acadar unha sociedade democrática e con xustiza social, e aqueles que consideraban que a única vía posíbel para o cambio de sistema era a vía revolucionaria. O reformismo foi alentado, na Europa occidental, polo feito de que o nivel de acumulación permitía facer concesións á clase traballadora sen rebaixar os rendementos do capital, as clases dominantes conseguían deste xeito frear o avance do chamado “socialismo real” que estaba nas portas. Este reparto “máis xusto”, o chamado estado de benestar, conseguíase por mor da sobre acumulación baseada fundamentalmente no intercambio desigual, dando lugar a unha sobre explotación da masa laboral dos países coloniais, neocoloniais e dependentes, aspecto que entre outros teorizou o brasileiro Rui Mauro Marini.


"O reformismo foi alentado, na Europa occidental, polo feito de que o nivel de acumulación permitía facer concesións á clase traballadora sen rebaixar os rendementos do capital".

Noutras partes do mundo non eran posíbeis estas concesións por parte das clases dominantes. Agora ben, o cambio na correlación de forzas no eido internacional, despois da Segunda Guerra Mundial, deu pulo ao Movemento dos Non Aliñados, e a unha nova redistribución do poder e parcialmente da riqueza a nivel territorial. Estas mudanzas foron sustentadas por amplas alianzas de clases nos estados da periferia para garantir a soberanía tan duramente conquistada, nuns casos baixo a hexemonía das clases populares e noutros, a maioría, das burguesías autóctonas. Non é casual que este período corresponda coa derrota do imperialismo en Alxeria, Vietnam, etc, e cos gobernos “nacionalistas” de Exipto, Arxentina, Brasil, México, etc. Cómpre dicir asemade que esta foi a etapa de maior crecemento do PIB mundial.

Coa queda dos estados do socialismo real e as democracias populares, debilitouse tamén o Movemento dos Non Aliñados, así como as forzas políticas e sindicais que optaran nos países do centro pola reforma para procurar acomodo para a maioría no sistema capitalista. Esta mudanza na correlación de forzas acentuouse coa revolución na comunicación, a financiarización da economía, o medre da economía especulativa e delituosa, e o militarismo. A expansión do imperialismo (coa globalización neoliberal) consolidou a man de obra de reserva a nivel mundial, e fixo menos dependentes dos mercados internos orixinais e das forzas sociais en cada estado aos grandes grupos económicos. Como consecuencia deste axuste, no centro do sistema fóronse precarizando aceleradamente as condicións laborais na “procura da competitividade perdida”, aumentou a pobreza, e reducíronse e privatizáronse as prestacións e servizos públicos (mesmo os relativos a seguridade e defensa), e a fiscalidade e regras de xogo fixéronse exclusivamente funcionais á concentración e centralización da riqueza.


"A expansión do imperialismo (coa globalización neoliberal) consolidou a man de obra de reserva a nivel mundial"


A rápida expansión da Unión Europea é parte deste proceso, e responde como ningún outro ente político aos intereses das clases dominantes. Non é casual que naza como a Comunidade do Carbón e do Aceiro, e que en todo o seu desenvolvemento posterior primen a empresa e o negocio sobre os intereses sociais, aínda que esta tendencia se disfrace despois para o consumo social, como de excesiva preocupación pola inflación, ou a necesidade da competitividade, a austeridade e a eficiencia. En realidade mesmo antes da crise todas as medidas que se tomaron na UE tiveron como única finalidade facilitar a concentración e centralización do poder e a riqueza, unhas veces poñendo énfase nas infraestruturas e comunicacións funcionais a determinados centros, outras na formación con base na alienación da contorna, e por suposto, nas mudanzas de lexislación para evitar as “discriminacións nacionais ou locais” coas empresas foráneas, para facilitar así a penetración dos grandes grupos. Coa crise, este proceso acelerouse, e ficou ao descuberto diante das clases populares, especialmente dos territorios con menor poder económico e político (a chamada periferia), o perverso do modelo, que en realidade levaba décadas a se desenvolver.


"Todas as medidas que se tomaron na UE tiveron como única finalidade facilitar a concentración e centralización do poder e a riqueza"

Cómpre lembrar, máis unha vez, que nunca foi casual, que, por exemplo, mentres as autoestradas internas da Galiza son de pago as que se dirixen a Madrid son gratuitas; ou que non se fixeron novas vías do carril de ferro que son necesarias, nen se melloran moitas das existentes, mentres se invisten miles de millóns nas de alta velocidade para nos unir con Madrid. Estas prioridades sempre foron funcionais ás clases dominantes, e por suposto á alta burguesía galega que forma parte dela.

O nacionalismo só puido, dende a Xunta de Galiza e os concellos, suavizar algo este proceso de avance da globalización neoliberal que mesmo así seguiu avanzando. No fundamental, malia que o nacionalismo levou adiante medidas que incidían moi positivamente nas condicións de vida e no aparello produtivo (como o banco de terras, vivendas sociais, plano eólico, dependencia, etc.) a tendencia destrutora mantívose, amosando que as clases populares e moi especialmente as forzas que as representaban estaban aínda nunha correlación de forzas moi desfavorábel. Non existiu en todo este período, mesmo aquel con máis medios económicos para a xestión e maior peso institucional, un marco axeitado para que a mellor utilización dos recursos públicos permitise conquistar un maior grao de soberanía e frear a crecente explotación do traballo e a desnacionalización do aparello produtivo. Porén, o realmente preocupante, por ter un carácter estratéxico, é que a vía reformista non permitiu aumentar a acumulación de forzas organizadas, moi polo contrario o BNG foi perdendo peso social e institucional e os militantes e simpatizantes foron diminuíndo o seu compromiso co proxecto estratéxico. Ademais o proceso xerou primeiro desgano e despois alentou as diverxencias internas.


"A vía reformista non permitiu aumentar a acumulación de forzas organizadas, moi polo contrario o BNG foi perdendo peso social e institucional e os militantes e simpatizantes foron diminuíndo o seu compromiso co proxecto estratéxico".

Esta breve análise pretende servir de base para comprendermos cales son as correccións necesarias para que o nacionalismo galego recupere impulso, e se converta no motor do proceso da liberación nacional e social da Galiza. E, neste aspecto a Asemblea de Amio puxo os peares acaidos. Evidentemente, para que sexan efectivas as rectificacións débense aplicar con estremo celo e se terán que verificar a partir da experiencia práctica. Quero lembrar, máis unha vez, que estas teses foron aprobadas polos 2/3 da militancia, non foi polo tanto unha decisión axustada, que se poda dicir que carece de respaldo suficiente. Hoxe, despois da saída do BNG de forzas que se opuxeron a estas teses como Anova e Compromiso por Galicia, todo indica que o respaldo é moito máis forte, máxime cando hai poucos meses que se aprobaron. En todo caso coido que para avanzar nesta etapa de conxuntura compre ter en consideración o seguinte:

a) Neste intre no que ninguén pode albiscar cando van rematar os axustes, tanto de clase como territoriais, resulta case que imposíbel avanzar estratexicamente por medio da xestión, polo que a mobilización social adquire un papel sobranceiro. Iso non quer dicir que se deba abandonar ningún espazo ás clases dominantes, senón que, por exemplo, as institucións, deben ser máis que nunca caixa de resonancia da loita das clases populares, e a socialización do que nelas se faga é esencial para gañar complicidade social.

b) Neste contexto, e todo indica que tamén na etapa que se está a abrir, é tan difícil conseguir pequenas reformas beneficiosas para o pobo galego, en calquera ámbito, como conquistar un Estado Galego Republicano, nacionalizar os sectores básicos da economía (banca, enerxéticas, telecomunicacións, etc), garantir relacións laborais xustas e servizos públicos acaidos. E isto non só o ollan os cadros políticos senón que o comprende unha gran parte da poboación. A xente pode ter menos argumentos, estar confusa, porén non por iso é incapaz de intuír aínda que sexa primariamente o que acontece. E, ademais, nós temos a obriga tanto de informar sobre o tema a fondo, sen paternalismos, se o que buscamos é unha sociedade consciente, así como de lle ofrecer as respostas acaidas, esas que aprobamos na Asemblea de Amio por ampla maioría co obxecto de liberar a nosa nación. Podemos nos actos públicos facer discursos máis emotivos, explicativos e acentuando temas, mais non se pode capar a parte estratéxica do programa (reducindo a idea da soberanía a acadar novas competencias, ou cinguindo o papel do público a dotármonos dun banco público, e rebaixando o laboral a unha oposición ás reformas, etc.). Non podemos esperar complicidades sobre o que non predicamos en todos e cada un dos nosos actos e accións na sociedade. A conciencia política e social non xorde da práctica mecanicista, por máis conflitiva que sexa, senón da unión desta coa teoría política: a praxe. Encol de como se adquire a conciencia hai moito escrito polos clásicos marxistas (e por Gramsci, Lukacs ou Mao ...).

"Non podemos esperar complicidades sobre o que non predicamos en todos e cada un dos nosos actos e accións na sociedade. A conciencia política e social non xorde da práctica mecanicista, por máis conflitiva que sexa, senón da unión desta coa teoría política: a praxe".

c) Coido que outro tema fundamental é a nosa relación coas clases populares e as demais organizacións sociais e políticas. De pouco vale facer unha boa xestión e mobilizar, en calquera ámbito, se non procuramos primeiro a complicidade (participación e protagonismo) de todos os directamente afectados e non facemos unha ampla divulgación dos feitos en todo o país, mais tamén, se logo non tiramos conclusións colectivas (internas e externas) dos erros e acertos, convertendo a práctica nunha escola política, xeradora de conciencia. Un pode estar en todos os conflitos, gañar economicamente a maioría deles, e non obter máis resultado que o agradecemento dos afectados como bo xestor, mais do que se trata é de que nos vexan como a alternativa transformadora, liberadora. Por exemplo, se no eido sindical conseguimos un aumento salarial despois de días de folga ou evitamos uns despedimentos, se non facemos máis análise que o economicista ou conxuntural, se esquecemos o marco no que se dá esta loita, a falta de soberanía e as políticas neoliberais, na práctica estaríamos asumindo que non existe máis marco que o capitalismo e o Estado das autonomías. Isto acontecería aínda que teñamos como obxectivo retórico a liberación nacional e social.

Entendo que nas relacións con outras organizacións de esquerda (sobre todo as nacionalistas) temos que privilexiar o acordo, sempre que sexa posíbel, mais non por iso agochar as diferenzas, e a crítica respectuosa, porque o debate permite clarificar cales son os obxectivos e posturas máis correctas. Isto politiza tanto os militantes como as clases populares, facéndoos fortes ideoloxicamente diante do capital e os medios de información ao seu servizo.

"Entendo que nas relacións con outras organizacións de esquerda (sobre todo as nacionalistas) temos que privilexiar o acordo, sempre que sexa posíbel, mais non por iso agochar as diferenzas"

d) Outro dos aspectos que non se pode esquecer é o relativo ao tipo de organización política que necesita esta conxuntura e con seguridade a nova etapa histórica. Todo fai pensar en organizacións que deben estar moi unidas á base social que queren representar. E neste aspecto tendo en consideración que un 85% da poboación activa da Galiza son asalariados/as ou desempregados/as, e unha gran parte deles persoas que realizan traballos manuais, resulta difícil de comprender o pouco peso que teñen nas direccións dos partidos que afirman representalos. Maior sensibilidade existe hoxe coa cuestión da igualdade de xénero, aínda que falta moito por facer; tamén a mocidade segue tendo un papel secundario, cando debería ser considerada a fracción máis activa do cambio. En fin, son temas sobre os que axer. Ademais, para recuperar unha militancia activa, necesaria para ter unha sementeira de cadros; cómpre que esta perda o seu carácter pasivo actual, dándolle protagonismo nas organizacións, non só na realización de tarefas senón na toma de todas as decisións. De pouco valen asembleas ultrademocráticas cada ano, máis de catarse que executivas, se despois os cargos institucionais axen como estruturas independentes, e os acordos de cúpula substitúen as decisións das bases. Coido que é necesario debater en serio sobre a funcionalidade da célula, (ademais da asemblea), cando menos nos partidos, non só como o mellor marco para a formación e organización das tarefas militantes, senón tamén para o control da dirección polas bases.

Por último, aínda que este artigo é un pouco longo, non quero deixar pasar a oportunidade de facer algún comentario ao último artigo de Xesús Veiga. Para alén da enquisa do CIS, e como cada un a valore, o certo é que el se apoia nos datos para reafirmar como aínda válida hoxe a política do BNG durante o bipartito. Mais segundo Veiga no seu artigo non se establece unha relación de causa-efecto entre a radicalización das posturas do BNG e o seu devalo electoral. Di que analiza a cuestión contraria, ou sexa, que non coincide con aquelas persoas que no BNG manifestan que perdeu votos por mor da progresiva moderación na última década. Empregaría a enquisa para demostrar que non foi deste xeito, e daquela, seica a fronte sería máis de esquerda e nacionalista que a súa base, perdendo apoios elección tras elección. Con este razoamento, ¿acaso quere dicir que o devalo debeuse a que xa daquela era unha organización demasiado radical?... Se isto fose así ¿estaríamos nunha sociedade refractaria ao nacionalismo de esquerda, na que practicamente resultaría imposíbel avanzar na liberación nacional e social?, polo que mellorando os métodos de traballo poderíase avanzar só nalgunhas reformas.

"Por último, non quero deixar pasar a oportunidade de facer algún comentario ao último artigo de Xesús Veiga"

Para alén destas disquisicións, resulta evidente que Xesús Veiga deixa entender que as causas principais dos malos resultados do 21-O deberíanse a unha imprudente viraxe á esquerda dos últimos anos, así como á ruptura interna, da que fai responsábel dalgunha maneira a que se impuxera o sectarismo na fronte. Ignorando que rachan a organización aqueles que non aceptaron decisións tomadas pola maioría en Amio. Se o único xeito de evitar a ruptura tivese sido negando a capacidade da militancia para decidir ¿ulo a democracia? Asemade, a unidade en abstracto non garantía uns resultados moito mellores, porque, sen negar o valor da mesma, esta en si mesmo non aseguraba o apoio da xente que nesta caso dependía en boa medida do discurso e imaxe política rupturista de cada organización. Por esta razón Compromiso, tendo máis peso social que Anova e facendo tamén alianzas, acadou uns resultados tan pobres.

"Se o único xeito de evitar a ruptura tivese sido negando a capacidade da militancia para decidir ¿ulo a democracia?"

Veiga refuga dunha relación estreita da fronte co sindicalismo nacionalista (aínda que evita cualificalo así), xa que ten vocación “maioritaria”, e interpreta que un proxecto moi vinculado á clase traballadora ao estilo portugués daría para uns 5 deputados (como se o PCP e Portugal fosen semellantes ao BNG e Galiza). Evidentemente esta é unha tese que non se sustenta en ningún dado contrastábel da nosa realidade. Tampouco se pode ignorar que ademais dos estudos estatísticos, feitos polo Goberno, algo deben contar nas análises as mobilizacións sociais, as protestas e a nosa inserción política e social (o estado de ánimo das masas, que en toda conxuntura é moi dinámico). Supoño que algo teremos de vocación maioritaria aqueles que contribuímos a organizar e fortalecer o movemento social (no eido estudantil, veciñal e sindical) con algún éxito ¿non sería porque pecáramos de sectarios?, aínda que partíramos sempre da necesidade de que estivese ao servizo da liberación nacional e social da nosa patria (algo que, loxicamente, non foi doado no traballo social, polos comportamentos coloniais; estas ideas das clases hexemónicas tamén estaban presentes nalgún grao nas organizacións do nacionalismo). En todo caso, sería bo para o debate, para alén das cualificacións e das propostas pouco concretas, saber que entende Veiga por unha “fonda transformación da realidade social” e “modificar o papel que xoga a nosa nación no concerto estatal” e como se van levar adiante estes cambios.

Asemade, Veiga deixa nun segundo plano, que dende hai máis dunha década o BNG perde base electoral, e que durante ese período foise facendo máis morna a súa mensaxe e a súa práctica. Non sería precisamente por iso?... Por outra banda, non se trata de si Anova ten un programa máis radical que o BNG (que persoalmente coido que non, como o teño afirmado en varios artigos sobre o tema), senón que os programas non chegan ao conxunto da sociedade e si en troques a imaxe pública e os discursos. E neste aspecto, gústenos ou non, Beiras foi visto por sectores da nosa base electoral como máis á esquerda (tamén por sectores do PSOE e abstencionistas). E sobre esta base houbo medios que fixeron funcionar a súa panca, dando unha viraxe aos resultados en moi pouco tempo. No debate interno no BNG, a disputa resolveuse de distinto xeito, porque os afiliados/as tiñan maior información sobre os cambios programáticos e tácticos (por iso 2.000 votaron a prol dos textos aprobados en Amio e 1.000 en contra). Non hai dúbida que non se soubo socializar este debate, mesmo hai sectores que entenden que non hai que facelo, que só se deben trasladar as conclusións, aínda que despois queren ter unha base electoral formada e consciente. Tampouco axuda moito que o conflito se manteña, sen dar tempo a que os acordos podan socializarse e probarse na práctica. Ademais, non se pode obviar, como fai Veiga, que Compromiso por Galicia, que se opuña ás mudanzas de Amio, acadou un apoio social anecdótico.

"Non hai dúbida que non se soubo socializar este debate, mesmo hai sectores que entenden que non hai que facelo, que só se deben trasladar as conclusións, aínda que despois queren ter unha base electoral formada e consciente".

Para facer unha caracterización correcta, debemos aclarar se entendemos o subdesenvolvemento da Galiza como funcional aos intereses dos centros de poder hexemónicos (e das clases dominantes), ou sinxelamente como un estadio previo que se soluciona exclusivamente cunha mellor xestión económica. Se a globalización (o euro, a Unión Europea) é ou non, un proxecto imperialista, e se facilita ou dificulta un proceso de liberación nacional e social. Se a alternativa social é un novo contrato entre as clases dominantes e a pequena burguesía (que lembremos se fixo a costa da extensión do crédito e dunha maior explotación da clase obreira e do pequeno campesiñado durante os últimos trinta anos), ou do que se trata é de substituír o sistema económico e social e democratizar o poder, mediante unha alianza da clase traballadora, os autónomos e pequenos empresarios. En poucas palabras, se Galiza é unha colonia ou non ... 

Manuel Mera