Opinión

A cidade dos monstros

Intuímos ben rápido que algo estaba a acontecer. Foi Gramsci, pola contra, quen xa lle puxera nome propio: “o vello mundo esmorece, o novo tarda en aparecer, e nese luscufusco xorden os monstros”. E maniféstanse en todas partes, en todas as latitudes. Da dereita á esquerda. Desta pequena Europa que levamos inscrita no embigo á India ou á Latinoamérica. Na loita económica e na política. Dentro de nós. 

Está á última isto de falar do conflito da vella política contra a nova e, se ben é certo que este conflito existe e está vivo en todas as instancias da sociedade civil, eu recollo o que un bo amigo dixo: non hai nada máis ridículo do que un vello que pretende ser moderno e viste para iso camisa hawaiana e perruca. E algo diso temos todas e todos, unha e outra volta a dicir que se o 15-M, que se o antipatriarcado ou que se a democracia horizontal, mentres nos doemos desa incómoda perruca que esvara e desluce a nosa “brillante” (pensamos) intervención.

"Unha e outra volta a dicir que se o 15-M, que se o antipatriarcado ou que se a democracia horizontal, mentres nos doemos desa incómoda perruca que esvara e desluce a nosa “brillante” (pensamos) intervención"

Dun tempo para aquí, os encontros políticos, en calquera xeografía das posíbeis xeografías que a esquerda habita, lémbranme a un infantario cos muros pintados de pantasmas. Recoñézome nun pícaro das moitas atarecidas de terror. Claro que tamén outros (así, en masculino excluínte) asáñanse en nos xerar medo. Eles pintaron as pantasmas das paredes. Eles recoñécense no pánico. 

Na Cidade dos Monstros, iso é sabido popularmente, vístense por tradición as roupaxes da Certeza e da Verdade. Eles son o último elo desa enorme fábrica social de producir ilusións de seguridade, de certeza, de verdades indubidábeis. Venden casa a casa anacos de Pasado. Impoñen ideas sobre o Futuro que non executan no presente, por exemplo: democracia. Ou igualdade. Enfurrúñanse con calquera posibilidade de perderen o poder.

Aquí estou e aquí estamos agora, máis con cansazo de os combater do que con medo. Ás veces sometémonos a estrambóticas decisións: vestirnos coma eles, adoptar as súas cores, bandeiras similares, os seus falares e habitudes. Habitamos o corpo dos monstros para lles poñer medo. Para sentírmonos á altura do momento histórico que, pensamos erroneamente, é o seu. Renunciamos á revolta. Antepoñemos a Repetición á Revolución. Manexamos con desatino as súas chaves. E por iso tamén ás veces, de socato, é un novo monstro, unha nova pantasma, a que se está a abrir en nós. Recoñecémonos neles. Mirámonos de fronte, entre iguais, como se ollan os iguais que perpetúan, que repiten a dominación. Que repiten a historia.

Eu sospeito que si existe a “certeza”, con minúsculas e comunitaria. A certeza democrática da necesidade de responder ás agresións máis diversas. A certeza colectiva da necesidade de irlle poñendo con celeridade os cimentos ao novo, de verlle os dentes a un novo ciclo político, histórico. Mais con todo, expropiándolle uns versos a Xiana Arias, “RECOÑÉZOME na dúbida / Canto tempo resistirá a man / na pota de auga fervendo? / Canto tardarei en dicir / o que queiran que diga?”. Quizais a dúbida, a dúbida ata da dúbida que dixo Marx, sexa a mellor ferramenta para construírmos o que vén. A dialéctica dúbida-certeza ou un proceso colectivo, comunal, amplo, das insubmisas, para constituír certeza. Un proceso de produción de certeza capaz de esgazar as sombras, de quebrar a tiranía do patrón de pensamento, do indiscutíbel, do inevitábel, do imposíbel.

"A dialéctica dúbida-certeza ou un proceso colectivo, comunal, amplo, das insubmisas, para constituír certeza".

Apañas a dúbida coas mans. Miras con paciencia e inquedanza ao tempo todo para o redor. Manifestas: “non sei, non o teño claro, non estou seguro, non creo” e poste a facer con elas e eles, coas túas compañeiras de viaxe. A tecer cousas. A compoñer e recompoñer a tea dos soños.

É así que, ás veces, os monstros danche a risa. Ou cáusanche mágoa. 

Axitados, atorados, sostendo un vello mundo esgazado a diluírselle entre as mans mentres o novo se constitúe. Nerviosos, incapaces, superados. E nese momentos sínteste ben. Orgulloso de dubidar. Sínteste fermosa ou fermoso loitando man a man coas túas camaradas contra o Coñecido. Ves en cada batalla do cotián, do político, do persoal, a Posibilidade. Tiras dun fío de liño que vén do pasado e que nos leva, aínda sen restrelar, bravo, salvaxe, á emancipación.

Comentarios