Opinión

A boa educación

A fin de curso está a bater silandeira na porta e para as persoas que traballamos na docencia é case coma se fose a fin de ano. Semella estraño, ben o sei, mais a rutina do calendario escolar lévanos a medir o tempo por cursos moito máis do que por anos. Era así e non me decatara até unha estadía laboral de tres cursos alonxada da docencia directa, desempeñando labores de perfil máis técnico na Consellería de Educación como coordinadora de equipos de normalización lingüística da provincia d´A Coruña. E a aprendizaxe foi a ferro, abofé, pois non sempre a propia Administración educativa era consciente dos ritmos e tempos escolares que Ela mesma regulaba.

A fin de curso está a bater silandeira na porta e para as persoas que traballamos na docencia é case coma se fose a fin de ano. Semella estraño, ben o sei, mais a rutina do calendario escolar lévanos a medir o tempo por cursos moito máis do que por anos. Era así e non me decatara até unha estadía laboral de tres cursos alonxada da docencia directa, desempeñando labores de perfil máis técnico na Consellería de Educación como coordinadora de equipos de normalización lingüística da provincia d´A Coruña. E a aprendizaxe foi a ferro, abofé, pois non sempre a propia Administración educativa era consciente dos ritmos e tempos escolares que Ela mesma regulaba.

A fin de curso chega e canda ela o cíclico proceso de fin de etapa, fin de ciclo. Avaliacións, informes e memorias que deben dar conta dun esforzo interno, dun proceso convivencial formativo e coeducativo que case nunca lemos en titulares. Porque a normalidade non chama a atención nin a rutina provoca interrogantes agás que a revistamos de ton amarelo balorento.

A fin de curso chega e é hora de preguntármonos se estivemos á altura, se soubemos anticipar respostas ás preguntas provocadas polo día a día enfiado ao longo dos últimos dez meses, se reflectimos coas nosas prácticas os valores das teorías, se fomos quen de abrir sucos interrogadores e por ques reflexivos fronte á intolerancia, á desigualdade, á marxinación, á imposición, ao dominio, á hipocrisía, á incoherencia, á mentira...

"O que eles e elas non queren é unha lei educativa partidista, sectariamente caprichosa que non responda aos obxectivos de mellora da calidade, innovación e investigación".

Educar é un camiño de longo percorrido e non sempre o trazado é uniforme nin está exento de pedras. Mais o reto de cooperarmos colectivamente en apartalas é estimulante, porque sabemos que a recompensa revertirá nunha futura conquista social de beneficio igualmente colectivo.

Cos meus mestres aprendín moito; cos meus colegas, máis; co meu alumnado aínda máis, dinos un anónimo proverbio indú. E nós non resistimos a tentación de nos facermos unha pregunta: que clase de mestres, colegas e incluso alumnado tiveron os actuais responsábeis da Administración educativa?

Semellan, cando menos, de perfil algo diferente ao que presumibelmente acompañaron o proceso educativo dun grupo de mozos e mozas que recentemente negaron o saúdo ao Ministro de Educación. Unha ducia de mozos e mozas auténticos protagonistas dun acto en que se lles facía entrega dos seus Premios Nacionais Fin de Carreira que distinguen o alumnado máis brillante da súa especialidade e conseguidos, con certeza, desde os valores do sacrificio, a entrega, a renuncia e o compromiso de superación.

Era sabido que o episodio podía ser cualificado subxectivamente con matrícula de honra, atendendo a unha demostración de coherencia persoal en liberdade tan notoria, ou cun suspenso irrecuperábel nin en convocatoria extraordinaria, xustificado no exercicio dunha praxe propia da mala educación, pois a boa educación só pode ser aquela que se sostén nos principios da servidume e da submisión perante o poder e o marco institucional.

Así é e así foi, mais cómpre lermos entre liñas e interpretar as poucas palabras, algunha iconografía e moitos xestos que, consecuentes cun espírito de conciencia crítica, as cámaras recolleron.

Parafraseando o belísimo tema da cantora angolana Aline Frazão “O que ela quer”, poderiamos deducir as razóns que evidenciaron unha sen razón superior que apenas a si propia semella representarse.

O que eles e elas queren é unha educación libre e para tod@s.

O que eles e elas queren é unha educación pública de calidade.

O que eles e elas non queren é unha lei educativa pensada para españolizar o alumnado.

O que eles e elas non queren é unha lei educativa sexista, segregadora, excluínte e clasista.

O que eles e elas non queren é unha lei educativa privatizadora e mercantilista.

O que eles e elas non queren é unha lei educativa que reduza a xestión democrática dos centros.

"Naquel acto de suposto desplante seica a cor verde, anunciadora dunha primavera que aínda ten que chegar, sobranceaba sobre a gama traxeada de etiqueta de marca escura e o rictus severo".

O que eles e elas non queren é unha lei educativa que marxine as linguas oficiais das nacións do Estado.

O que eles e elas non queren é unha lei educativa involucionista e confesional.

O que eles e elas non queren é unha lei educativa partidista, sectariamente caprichosa que non responda aos obxectivos de mellora da calidade, innovación e investigación.

O que eles e elas non queren é unha lei educativa aprobada sen consenso cos profesionais do sector e co rexeitamento absoluto da maioría social.
Esta ladaíña anafórica confirma que non só carece de toda lóxica a proposta, senón que é sintomático dun alto grao de irresponsibilidade gobernativa que un partido pretenda implantar unilateralmente, de xeito impositivo, unha lei de educación para toda a poboación. Sen dúbida, algo está a fallar!

Mais naquel acto de suposto desplante seica a cor verde, anunciadora dunha primavera que aínda ten que chegar, sobranceaba sobre a gama traxeada de etiqueta de marca escura e o rictus severo. E o verde din que é a cor da esperanza. E a esperança é uma luta, confirmounos no mes das letras Lídia Jorge, a nosa Escritora Galega Universal.

Fagamos da esperanza activa a nosa loita de compromiso cara unha escola pública, galega, laica, democrática e de calidade.