Opinión

A besta negra

A publicación das fotos de Núñez Feijoo con Marcial Dorado, realizadas no ano 1995, provocaron unha evidente incomodidade nos dirixentes do PP.Como acontece noutros episodios análogos, o importante non é só a propia existencia dos feitos reflectidos nas imaxes publicadas senón, tamén, a reacción das persoas directa ou indirectamente afectadas polas mesmas.

Ademais da coñecida estratexia de colocar as responsabilidades de Feijoo no ámbito exclusivamente penal, eliminando calquera consideración sobre a solvencia ética dun presidente que mantivo esa caste de “amizades perigosas” cando desempeñaba un posto relevante na Administración galega, os argumentos defensivos trataron de alimentar unha singular cerimonia da confusión:equiparar o devandito episodio coa publicación –no ano 2009- dunha foto na que Anxo Quintana estaba acompañado do empresario Jacinto Rey.Semellante comparación resultaba totalmente impertinente.En primeiro lugar pola radical diferenza na condición dos protagonistas de ambos episodios.Marcial Dorado estaba sometido a procesos de investigación xudicial polos notorios indicios de participación nas redes do contrabando e do narcotráfico mentres J. Rey era un destacado empresario sobre o que non recaía sombra algunha de supostas actividades ilegais.Por outra banda, Alberto Núñez era secretario xeral da Consellería de Sanidade mentres que A. Quintana ostentaba -no ano 2004- a portavocía nacional da segunda forza política do País.A reportaxe fotográfica publicada no xornal ABC nas primeiras semanas do 2009 tiña un obxectivo indubidábel:erosionar a figura do ex -vicepresidente da Xunta e candidato do BNG para conseguir a derrota do bipartito nas urnas.Agora, as fotos de Dorado e Feijoo non están vinculadas a un proceso electoral próximo e non se coñece a verdadeira motivación que orixinou a súa aparición mediática.

"O bipartito segue sendo a “besta negra” do PP.Necesitan presentalo como unha anomalía no desenvolvemento “natural” da sociedade galega"


A pesar da constancia expresa de que o encontro entre J.Rey e Quintana correspondía a un momento –ano 2004- no que o dirixente nacionalista non desempeñaba tarefas de goberno na Xunta, Alfonso Rueda persistiu na mentira deliberada para crear a sensación de que houbo tráfico de influencias na xestión do goberno de coalición PSdG-BNG.No canto de pedir desculpas pola noxenta campaña electoral promovida polo PP nos comicios do 2009, Feijoo vestiu o traxe vitimista para protestar polas supostas insidias da oposición.Atopámonos, deste xeito, ante unha obscena exhibición de dupla moral:os mesmos que daquela pedían a dimisión ou a destitución de Quintana non aceitan que, agora, se poña enriba da mesa a dimisión do actual presidente da Xunta.

"Esta obsesión pola demonización do goberno de coalición debería servir para que o nacionalismo galego organizado fixese unha maior e mellor defensa da experiencia vivida entre 2005 e 2009".

O bipartito segue sendo a “besta negra” do PP.Necesitan presentalo como unha anomalía no desenvolvemento “natural” da sociedade galega. Esta obsesión pola demonización do goberno de coalición debería servir para que o nacionalismo galego organizado fixese unha maior e mellor defensa da experiencia vivida entre 2005 e 2009. Observando o patético papel que está a xogar  o executivo de Feijoo nos últimos anos, acode á memoria aquela famosa afirmación de Carlos Marx contida na súa obra “Crítica ao programa de Gotha”: “cada paso de movemento real vale mais que unha ducia de programas”.Certamente, a pedagoxía realizada polo BNG dende as áreas gobernamentais que administrou durante tres anos e medio favoreceu notoriamente a conciencia sobre a necesidade de posuír unha maior capacidade de autogoberno e permitiu demostrar que mesmo coas competencias actuais é posíbel facer unha política diferente, reforzando o peso político de Galiza no concerto estatal e europeo e xestionando os recursos públicos nunha dirección favorábel ás necesidades da maioría da nosa sociedade.

Xesús Veiga

Comentarios