Opinión

A anti-campaña

Hai uns días, recebín unha chamada telefónica para me perguntar pola miña intención de voto e outras cuestións relativas á política galega. Mostrei a miña conformidade para respondelas, mais, ao cabo, non fixo falta, xa que o cupo da miña idade e do meu sexo, na cidade da Coruña, xa estaba cuberto.

Hai uns días, recebín unha chamada telefónica para me perguntar pola miña intención de voto e outras cuestións relativas á política galega. Mostrei a miña conformidade para respondelas, mais, ao cabo, non fixo falta, xa que o cupo da miña idade e do meu sexo, na cidade da Coruña, xa estaba cuberto. Antes de abandonar a comunicación co meu interlocutor -un home con forte sotaque andaluz-, fixen o que tiña pensado en calquer caso: perguntar desde que empresa se realizaba a consulta e quen a encargaba. Resposta: empresa Gismark (tal entendín), de Madrid. Contratadora: a Xunta de Galiza. A enxurrada de interrogantes-denuncia é obvia: ¿non hai empresas de abondo no noso país para encomendar e pagar estas sondaxes?; ¿é normal que, nos tempos que corren, se gasten cartos da Xunta, por tanto, de todas e todos nós, neste mester?; ¿é esta a maneira que teñen a Xunta e o seu Presidente de favoreceren a economía galega?; ¿cando se vai cortar a emigración de persoas, de cartos e de recursos?; ¿acaso viñemos a este mundo, as galegas e os galegos, para engrosar economías alleas?

De por parte, a fronteira entre pre-campaña e campaña eleitoral é tan lábil que se converte en artificio puramente formal. A que estamos a viver agora cumpre os obxectivos gobernamentais a plena función: españolización; xudicialización; descrédito da estupidamente chamada “clase política”, que sempre favorece as solucións do máis forte e máis autoritario. A primeira está garantida por múltiplas vías, a comezar polos proprios representantes da Xunta e do PP, por moito que agora empreguen un cosmético denominado “Galicia” como viveiro de votos, na cousificación máis odienta da nación grazas á cal viven e prosperan. Por se non abondase co PP como esperpento principal, vén na súa axuda o sainete de ínfima categoría na persoa de Mario Conde, para arredondar o círculo da extrema colonización. A segunda, a xudicialización, está servida, e ben deita dela o PP na súa campaña eleitoral, sen que se mencione, por parte dos meios de comunicación-megáfonos dos gobernos español e galego, que, en todo caso, o que se está a evidenciar é o funcionamento real e profundo do sistema que, asemade, impón os seus dogmas (Constitución, unitarismo do Estado, imposibilidade de reforma…) sen modificabilidade nengunha. O terceiro, o descrédito da actividade política pasa, primeiro, por unha perversión semántica: con efeito, a chamada “clase política” ofende o conceito “clase social” e ofende o conceito “política”: ¿acaso non hai, na Galiza ao menos, alternativas antagónicas, a comezar por quen depende de Madrid e quen ten o centro, as terminais e os obxectivos inmediatos e últimos na propria nación? En segundo lugar, clama ao ceo que se residencien as culpas no funcionamento político, laminando opcións e prácticas antitéticas, e non se toque un pelo dos intocábeis: gran banca; multinacionais; corporacións financeiras; grupos de investidores… ¿Acaso é indiferente que teñamos, nós, galegas-os, capacidade de decisión sobre as portaxes das autoestradas (en mans de capital norteamericano); a enerxía que xeramos; os sectores básicos da economía produtiva; o patrimonio histórico-artístico? ¿Seremos individuos tan capitidiminuídos na nosa dignidade colectiva para admitirmos resignada e compracentemente que se nos permita falar-escreber-ver-ouvir o noso idioma só cando non moleste, onde non compita co español, para certos usos perfeitamente solúbeis na grande maré do idioma oficial do Estado? ¿É que talvez don sinónimos soberanía e subordinación? Só se asemellan en que empezan polo mesmo son-letra, madia leva!

Nesta situación, nestas circunstancias, cómpre, máis ca nunca, practicarmos e reivindicarmos o exercicio da política galega, nacional, cívica, con vocación pedagóxica e racional, no camiño (longo, por certo) de exercermos o goberno que merecemos.

Comentarios