Opinión

25-M: pór o foco na Galiza

Pór o foco en calquera cousa menos na Galiza ten sido o eixo de campaña dos partidos españois no noso país

 

Pór o foco en calquera cousa menos na Galiza ten sido o eixo de campaña dos partidos españois no noso país (PP, PSOE e unha IU que arrastrou neste discurso a Anova). Os partidos de ámbito estatal formularon a campaña das europeas como unha contenda "nacional" con retóricas referencias á Troika por parte da esquerda española, mais sen entrar en ningún momento a centrar o discurso nunha crítica radical ao deseño de Bruxelas -isto é, ao euro-.

E, porén, Galiza si existe e existen tamén os seus problemas específicos, as súas demandas concretas. O problema de Galiza é moi anterior á propia existencia da Troika. É basicamente un problema de natureza política. Chámase dependencia. Falta de capacidade para decidir sobre os propios asuntos.

Sen abordar directamente ese problema (que non se pode adiar sine die, para emprazarnos a unha hipotética toma da Bastilla en Bruxelas), non poderemos modificar substancialmente a nosa realidade nacional.

O Estado español sabe perfectamente a quen combater para manter a súa hexemonía na Galiza

En esencia, a cuestión básica radica en desenvolvermos unha acción política orientada a conquistar un apoio social maioritario para a causa da soberanía. Non é posíbel a soberanía sen forzas políticas soberanistas actuantes no país, forzas políticas que actúen sen complexos, sen subordinacións e co centro de decisión única e exclusivamente na Galiza.

O Estado español, como entidade política, sabe perfectamente a quen combater para manter a súa hexemonía ideolóxica na Galiza, de aí que nos últimos días intensificase a súa acción contra o nacionalismo galego, até o punto de o marxinar inclusive nos medios de comunicación de titularidade galega.

Por todas estas razóns, o 25-M poñamos o foco na Galiza e votemos pensando no pobo galego. Este domingo temos unha nova oportunidade para facermos patente que Galiza existe como nación e que ten vontade de conquistar un poder político propio para mellorar as súas condicións de vida.

Só desde unha Galiza que se queira soberana e non dependente, conseguiremos que se lixe a Troika.

 

Comentarios