Opinión

21-D, a campaña anormal nun Estado anormal

Está claro que as do 21-D non son unhas eleccións normais. Logo da ocupación por parte do goberno español da máis alta institución de Catalunya, a Generalitat, e a persecución do adversario político (recoñecida mesmo pola propia vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría), calquera semellanza coa chamada “festa da democracia” podemos dicir que é mera coincidencia. Consumado o “golpe de Estado” autonómico, a campaña electoral foi un suma e segue partidista coa intención de atemorizar unha parte da poboación a través de decisións da Xunta Electoral que deberían ser sancionadas por Europa, caso de que Europa fose un proxecto democrático.

Non é normal que cada día a audiencia dos medios públicos cataláns teñan que escoitar que hai palabras que non se poden dicir ou imaxes que non se poden ver. Non é normal perseguir o amarelo por todo o país coma se fose algo perigoso. Non é normal prohibir e castigar a participación nesta campaña de candidatos na cadea polas súas ideas como tampouco é normal que estean prohibidas verbas como “Democracia” ou “Presos políticos”. Non é normal ver como grupos de ultradereita actúan con total permisividade e mesmo deciden non presentarse nestas eleccións dando o seu apoio ás candidaturas unionistas. Non é normal, por último, que haxa denuncias de persoas descoñecidas empadroadas en domicilios de particulares. Como agardar logo que o 21-D sexa normal?

Non é normal que cada día a audiencia dos medios públicos cataláns teñan que escoitar que hai palabras que non se poden dicir ou imaxes que non se poden ver. Non é normal perseguir o amarelo por todo o país coma se fose algo perigoso

 

O goberno español en Catalunya chegou a empregar nestes últimos meses ferramentas de represión de todo tipo, algunhas denunciadas en reportaxes xornalísticas como o documentario “Las cloacas de interior” de Jaume Roures. Para silenciar certos colectivos e asociacións interveu páxinas web e impuxo multas económicas. Xestionou a “unidade” da prensa española contra o proceso independentista para dar unha única visión do que alí acontecía e marxinou aquelas voces mediáticas que no coincidían co seu discurso. Se foi capaz de todo isto, e de máis, de que será capaz o 21-D?

Medo dá que a Xunta Electoral decidira impedir a acreditación de observadores internacionais para a campaña e a xornada de votación e escrutinio. Pode ser o derradeiro despropósito que marque un antes e un despois que, máis alá do resultado final destas eleccións, abra un perigoso precedente cara ao futuro. Demasiada anormalidade para un Estado que presume de normalidade democrática.

Comentarios