Opinión

Un 1M para pór a soberanía no horizonte

O sindicalismo nacionalista sempre estivo na vangarda ao reclamar un marco de relacións laborais plenamente galego.


Esta sexta feira foi o Día Internacional da Clase Traballadora, un día para reivindicarmos os dereitos da maioría social agredida e explotada, dereitos nunca de todo garantidos e especialmente espoliados desde que o capitalismo global, en 2008, entrou en crise, talvez unha crise programada, co estourido da burbulla inmobiliaria no centro do imperio, nos EUA.

Na Galiza foi tamén, e sobre todo, un día para reivindicarmos a soberanía, para a pór no horizonte. O mellor internacionalismo proletario comeza pola defensa da clase traballadora do teu propio país. E na Galiza a defensa da clase traballadora está inescusabelmente ligada á causa por conquistarmos espazos de libre decisión, por emancipármonos do marco político español.

Na Galiza, ao contrario do que ocorre no Estado, si que existe un sindicalismo de clase con conciencia de o ser e coa vontade de combater as políticas neoliberais, contra o capital e contra as súas terminais políticas.

O sindicalismo nacionalista sempre estivo na vangarda ao reclamar un marco de relacións laborais plenamente galego. Temos problemas específicos e distintos aos españois: salarios e pensións máis baixos do que o promedio estatal, sectores produtivos lastrados por decisións políticas que pesan sobre nós e que foron deseñados para beneficiar intereses foráneos (moitas veces antitéticos dos nosos) e un mapa sindical tamén diferente. Neste último caso, a diferenza é feliz porque aquí na Galiza, ao contrario do que ocorre no Estado, si que existe un sindicalismo de clase con conciencia de o ser e coa vontade de combater as políticas neoliberais, contra o capital e contra as súas terminais políticas. Todos eses trazos caracterizan un país, Galiza, que precisa de ter o seu propio marco laboral. Que precisa de soberanía. De ter ferramentas para deseñar outras políticas, aquelas que poderían activar todo o noso potencial como sociedade e, dese xeito, elevar a calidade de vida das maiorías sociais, e nomeadamente da clase traballadora.

Este 1 de maio foi, pois, unha nova oportunidade para mobilizármonos e para tomarmos conciencia de que si somos clase traballadora, mas clase traballadora dun país concreto, dunha nación chamada Galiza que aínda non pode gobernarse a si propia.

Comentarios