Opinión

17 de Maio: Ricardo Carvalho Calero

Descoñezo cantos membros, á altura de 1958, pertencerían á USC, daquela a única universidade galega. Si sei que, hoxe, a metade da Academia correspóndese con profesores-as que foron ou son desa universidade.

Quixo a casualidade que Ricardo Carvalho Calero ingresase na Real Academia Galega un 17 de Maio. Foi no ano 1958, cun discurso titulado “Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía”. Hai 55 anos; faltaban, logo, 5 para que a tal data, a proposta de Fernández del Riego, fose consagrada como o Día das Letras Galegas. Carvalho fora proposto por tres significados membros ourensanos do Grupo Nós: Otero Pedraio, Cuevillas e Ferro Couselo. O ilustre escritor non recuperaría os dereitos civís até 1965. Aínda faltaban tamén sete anos para poder opositar á praza do ensino medio que combinou coa docencia de Lingua Galega na Universidade e aínda faltaban máis outros sete para poder gañar a oposición á cátedra de Lingüística e de Literatura Galega da mesma. Sobre a débeda que a RAG contraíu con don Ricardo e nunca pagou non volverei falar agora -fíxeno abondosamente noutros escritos-. Fóra da RAG, coido que toda institución que leve o nome de Rosalía de Castro ou dela se ocupar debera escreber con letras de ouro o nome de quen tantas páxinas dedicou á nosa escritora central, con tal prodixio de investigación, erudición e dedicación continuada.

 "Hoxe a metade da Academia correspóndese con profesores-as que foron ou son da Universidade de Santiago"

Descoñezo cantos membros, á altura de 1958, pertencerían á USC, daquela a única universidade galega. Si sei que, hoxe, a metade da Academia correspóndese con profesores-as que foron ou son desa universidade. Tan é así que a actual dirección está formada por un catedrático emérito, un profesor xubilado, dúas catedráticas e un profesor titular en activo. Todos da USC. A inauguración deste dobrete correspóndelle, sen dúbida, a Constantino García, que ingresa en 1982. E, así, até hoxe. Adoito usar da brincadeira de que, afortunadamente, hai vida humana fóra da RAG e fóra da súa principal subministradora, a USC, mais non por iso penso que a centenaria institución adoeza de representatividade só porque non conte con elementos das outras dúas universidades (que tamén son de Deus), senón porque, a rentes do chao, hai moita cultura e dedicación ás letras e á ciencia galegas excluídas do recinto académico, cobren ou non nómina universitaria. Á vista da súa composición, propoño logo ao Reitor da USC que conceda a medalla de ouro á institución da rúa Tabernas da Coruña (e viceversa). Así, a bilateralidade será completa.

 "A actual dirección está formada por un catedrático emérito, un profesor xubilado, dúas catedráticas e un profesor titular en activo. Todos da USC"

Ora, eu quero contribuír modestamente aos altos atributos que a institución se apón (máxima autoridade cultural, inapagábel faro lingüístico, maiúsculo referente cultural…) e, desde logo, á necesidade de “renovación” e “apertura” á sociedade. O 17 de Maio, máis unha vez, encheremos as rúas compostelanas, ao calor da convocatoria de ‘Queremos galego’, demanda a cada paso máis precisa, á vista de como está de magoada e agredida a lingua de noso. Fagan o que fixeron os nosos antepasados o día 2 de Marzo de 1856, no Banquete de Conxo, só que, no canto de se emparellaren obreiro-estudante, aquí sería “activista”-académico(a). Como o cupo dos primeiros é moito máis abundante que o dos segundos, escolleríanse, para cadansúa parella, as-os activistas máis lucidos, a fin de que non houbese desdoiro nengún para a representación académica. Por suposto, os máis idosos irían no auto da megafonía e  ocuparían sitial de honra no estrado, como, no seu día,  D. Avelino Pousa Antelo, que, cos seus máis de 90 anos, presidiu con envexábel enerxía esta manifestación cívico-patriótica tan necesaria.

Fáganme caso: modernícense e anímense. De nada. Non se merecen. Non hai de que.

Comentarios