Opinión

"Vivir viven uns poucos, o resto traballamos"

Ministra de “Empleo y Segurida Social”, Fátima Báñez afirmou durante a súa intervención no Pleno dos Orzamentos do Congreso que “España ha vivido muchos años por encima de sus posibilidades”. Unha mentira que repetida moitas veces queren converter en verdade.

Ministra de “Empleo y Segurida Social”, Fátima Báñez afirmou durante a súa intervención no Pleno dos Orzamentos do Congreso que “España ha vivido muchos años por encima de sus posibilidades”. Unha mentira que repetida moitas veces queren converter en verdade.

Sendo a vivenda un dereito universal, recollido mesmo na súa constitución, a maior parte da poboación foi obrigada a endebedarse de por vida pagando cantidades astronómicas por vivendas que non tiñan, nin teñen ese valor real. A maior parte da poboación non viviu por riba das súas posibilidades, foi vítima da especulación inmobiliaria.

Durante o período falsamente expansivo da economía, os salarios perderon peso fronte ao incremento dos beneficios empresariais e dos beneficios do sector financeiro. Os traballadores/as do Estado Español foron vítimas da especulación e da acaparación dos froitos do seu traballo por parte da clase dominante.

A poboación padeceu un incremento dos prezos e servizos básicos, nomeadamente dende a entrada do Estado Español no euro, froito entre outras cuestión dun sistema especulativo que beneficia aos “intermediarios”, fronte aos produtores/as e os consumidores/as.

Houbo e hai quen vive moi por riba das posibilidades da maioría da poboación, as elites económicas que se beneficiaron da especulación nas épocas das vacas gordas e que agora non sofren as consecuencias da crise nin os recortes e que serán as máximas beneficiarias das privatizacións.

Moitas veces temos escoitado críticas ao feito de que a personalidade de “El Rey” sexa inviolable e non está suxeita a responsabilidade, críticas que todo demócrata comparte e mais os que defendemos unha república galega. Desgraciadamente non é un caso illado, non só “El Rey” é inviolable, tamén o son de facto os señores neo-feudais que ostentan o poder económico/financeiro e outros cargos do réxime.

Para mostra un botón, mellor dito un Botín, o arquivo da causa contra 12 persoas da familia do maior banqueiro do reino, el incluído, por non declarar mais de 2.000 millóns de euros, depositados nunha conta en Suiza, (curiosamente nun banco da competencia, o HSBC, vaia tranquilidade para a súa clientela!). Foi a Facenda francesa a que alertou dese feito á Facenda Española e esta remitiu un requirimento á familia Botín para que regularizase “voluntariamente” a situación a cambio non habería sancións de ningún tipo. Como vemos o da amnistía fiscal non é novo.

Tampouco terán consecuencias as viaxes de fin de semana a Marbella do Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial Carlos Dívar.

Pois iso, que como dicían os “Tonechos” vivir viven uns poucos, o resto traballamos”.

Comentarios