Opinión

"Eu non quero que Chávez se vaia porque non quero volver ser invisíbel”

Eduardo Galeano di que lle escoitou a un pobre venezolano a frase que encabeza este artigo.

Eduardo Galeano di que lle escoitou a un pobre venezolano a frase que encabeza este artigo.

Na nosa vida contaremos con poucas oportunidades de ser coetáneos de persoas que pasen á historia, un coetáneo noso que forma parte xa da historia do mundo contemporáneo morreu hai unhas horas, é o Presidente da República Bolivariana de Venezuela Hugo Chávez Frías. Un militar venezolano que podendo convertirse en mercenario dos poderosos e do imperialismo decidiu comprometerse cos invisíbeis nun dos países máis ricos do mundo polas súas reservas de petróleo, pero tamén nun país con grandes desigualdades sociais debido fundamentalmente á tráxica herencia dos gobernos socialdemócratas e socialcristianos do turnismo de AD e COPEI que gobernaron e saquearon Venezuela desde 1958 durante case corenta anos.

Chávez foi quen de darlle ao pobo de Venezuela e ao conxunto de América Latina a esperanza de que era posíbel construir sociedades máis xustas en pobos realmente soberanos deixando de estar sempre pendentes das ordes do veciño do norte.

Para albiscar cara onde vai camiñar o proceso revolucionario bolivariano despois de desaparecer a figura central do mesmo deberemos agardar acontecementos, sendo o primeiro deles as próximas eleccións presidenciais que en base á Constitución Bolivariana deberán ser convocadas en breve. Sen querer adiantarme considero totalmente vixentes as preocupacións que manifestaba hai agora pouco máis de dous meses cando valoraba os resultados das eleccións de gobernadores e lexisladores estatais.

"Chávez foi quen de darlle ao pobo de Venezuela e ao conxunto de América Latina a esperanza de que era posíbel construir sociedades máis xustas en pobos realmente soberanos"


No futuro vai ser básico o nivel de asunción por parte do pobo e fundamentalmente por parte das clases populares, verdadeiro suxeito histórico da revolución bolivariana, da necesidade de defender, manter e ampliar as conquistas acadadas; dado que recoñecendo a pervivencia en Venezuela de moitos e graves problemas (infraestruturas, inseguridade, corrupción, produción alimentaria,…) ninguén pode negar que nestes útimos anos os avances foron espectaculares (saúde, educación, vivenda, asistencia social, democratización, nacionalización de sectores básicos,…).

"Chávez, vostede é a alma e a esperanza dos pobos oprimidos da América" son palabras da ex-senadora colombiana Piedad Córdoba, e certamente nas últimas horas estamos a comprobar como toda América Latina é un inmenso río de bágoas chorando pola desaparición de quen ergueu a bandeira bolivariana da integración continental. Hugo Chávez que coa riqueza de Venezuela podía terse adicado a vivir tranquilamente xestionándoa ou aproveitándose dela foi quen de ter unha visión continental e desde o inicio do seu goberno traballou na búsqueda de acordos e alianzas co resto de pobos da rexión; alianzas que non se cinguían só a aqueles gobernos máis cercanos ideoloxicamente. A súa visión estratéxica fíxolle buscar acordos incluso con gobernos que podemos considerar como inimigos, como por esemplo a súa intermedicación no actual proceso de negociacións de paz entre a guerrilla das FARC e o goberno colombiano.

"Toda América Latina é un inmenso río de bágoas chorando pola desaparición de quen ergueu a bandeira bolivariana da integración continental"

Chávez tivo sempre claro que as conversas, acordos e alianzas entre países favorecían a integración rexional alimentando con feitos prácticos a idea de que América Latina pode camiñar sobre os seus propios pés sen depender nin dos EEUU nin de Europa. Lembremos o seu papel na posta en marcha da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac) e da Alianza Bolivariana dos Pobos da Nosa América (Alba) ou a integración de Venezuela no Banco do Sur e no Mercado Común do Sur (Mercosur).

A chegada de Hugo Chávez en 1998 ao goberno en Venezuela nun espazo rexional ocupado totalmente naquel momento, agás no caso de Cuba, por gobernos sumisos aos intereses norteamericanos supuxo un estímulo para as organizacións políticas e movementos sociais que loitaban por construir sociedades máis xustas nos países veciños, estímulo que algúns comparan co papel referencial da revolución cubana nos anos sesenta e setenta do século pasado na loita de descolonización de moitos pobos a nivel planetario.

"Queremos respecto ás nacións. Queremos respecto ao dereito internacional. Queremos respecto á autodeterminación dos pobos." dixo Chávez.

A súa desaparición non hai dúbida vai ter consecuencias, e aínda que a historia dá moitas voltas debemos ter en conta que o marco rexional é totalmente distinto ao de hai catorce anos. Hoxe os gobernos pro-norteamericanos son minoría e os gobernos progresistas e revolucionarios existentes deben afortalar a súa colaboración e cada un deles partindo da súa propia realidade precisa dar pasos adiante cara construir un poder popular que sexa ao tempo motor de novas e necesarias transformacións e dique de contención fronte aos reveses que poidan vir.

Para rematar e como nacionalista galego quédome con estas palabras de Hugo Chávez que lembran a un estado criminal agachado á mantenta polas chamadas democracias occidentais e definen claramente a importancia da Revolución Bolivariana como proceso de soberanía:

"Quen invadiu países e pobos enteiros durante cen anos e máis? Quen lanzou miles e miles de bombas sobre pobos indefensos, incluíndo bombas atómicas? Queremos respecto ás nacións. Queremos respecto ao dereito internacional. Queremos respecto á autodeterminación dos pobos."

Comentarios