Opinión

… E o 25 de Xullo Dia da Patria Galega: Tod@s en Compostela!

Este berro que resoa en min desde a miña mocidade –noutrora, por pura ignorancia, sen a necesaria linguaxe inclusiva que agora reivindicamos xustamente, aínda que os sectores máis reaccionarios ou ignorantes da sociedade seguen impasíbeis perante el- como un compromiso co país que me acolleu de neno e que fixen meu: “Un pobo, unha terra, unha fala!”.

Este berro que resoa en min desde a miña mocidade –noutrora, por pura ignorancia, sen a necesaria linguaxe inclusiva que agora reivindicamos xustamente, aínda que os sectores máis reaccionarios ou ignorantes da sociedade seguen impasíbeis perante el- como un compromiso co país que me acolleu de neno e que fixen meu: “Un pobo, unha terra, unha fala!”. Bastantes anos non puiden realizar o sacro compromiso de ir a Compostela, porque ese día… tocaba traballar. Mais alí estiven sempre que me foi posíbel, cumprindo cun gozoso deber, camiñando polas rúas milenarias a carón do pobo –mulleres e homes, nen@s, moz@s, e vell@s− e berrando na praza da Quintana: “Que quer, que non, Galiza é unha nación!”; unha Quintana de mortos que ese día era cada ano unha Quintana ben viva, ateigada coa flor do país, a esperanza, a ilusión e a utopía dunha Galiza dona de seu.

Alí estiven tamén neste 2012, que ten forma de parrulo ou de cisne airoso, segundo como se mire. Aínda que o bo tempo estaba garantido, como case sempre nesta data, o éxito da convocatoria semellaba incerto. Había máis dunha convocatoria, expresión outra volta da desunión −pluralismo?− do nacionalismo, que tanto traballo custara xunguir nunha maioría con pequenas excepcións. Mais os neboeiros da negra sombra convertéronse de contado en ledicia de amencer solleiro, ao chegarmos á Alameda compostelá e vermos o éxito da convocatoria e o cheo de sempre; nunha ateigada manifestación desde a Porta Faxeira até a Quintana, coma unha forte, compacta e corada serpe, que lembraba os mellores tempos; mesmo, coido, con máis xente que algúns dos últimos anos. Mulleres e homes, nen@s, moz@s, e vell@s, labreg@s, mariñeir@s, obreir@s e parad@s, profesor@s e funcionari@s, poetas, artistas e intelectuais, xente das urbes, as vilas e as cidades galegas, representando literalmente todo o país. A Quintana estaba a rebordar, desde as entradas a carón da Casa dos Cóengos e as Praterías, até as escaleiras ao pé da Casa da Parra; sen unha calva de xente polo medio, a pesar do sol abrasante. A ledicia e o berro esperanzado saíanme de dentro. Con razón titulaba Sermos: “A enerxía e a paixón invaden a Quintana”.

Esta de cada 25 de xullo é a manifestación gozosa e reivindicativa do galeguismo e o nacionalismo galego; por iso, nela falaron as mellores oratorias do país, e participaron os galegos máis bos e xenerosos. É máis que a manifestación do BNG –fermosa expresión “Bloque Nacionalista Galego”, máis que un nome para un partido ou unha plataforma electoral−; é a manifa da patria por natureza. Unha manifestación que debería ser unitaria, alén de distintos discursos e perspectivas críticas, alén de distintas opcións políticas lexítimas, accións prácticas e estratexias de acción diversas; como expresión do compromiso e o amor a unha patria e un pobo.

Con todo, a pesar das catro manifestacións que houbo este 25 de Xullo en Compostela, houbo unha realidade común: a bandeira galega coa estrela ondeaba en todas; e os berros nelas eran moi semellantes; tanto na magna manifestación da Quintana, como nas pequenas de Mazarelos, o Toural e San Domingos de Bonaval. Era o berro dos sectores máis lúcidos dun pobo que, máis unha vez, non permitirá ser humillado e ver esmagados os seus dereitos. E, segundo como se mire, mesmo se pode dicir tamén que coas bandeiras e as verbas enchemos catro prazas no canto dunha...

Comentarios