Opinión

.. e deixaron bandeiras nacionalistas galegas.

“... e deixaron no habitáculo ocupado bandeiras comunistas e nacionalistas galegas”.O texto anterior non pertence a ningún informe da Gestapo, nin é o final dunha novela policial nin un exercicio de redacción de calquera escolar. Non.

“... e deixaron no habitáculo ocupado bandeiras comunistas e nacionalistas galegas”.

O texto anterior non pertence a ningún informe da Gestapo, nin é o final dunha novela policial nin un exercicio de redacción de calquera escolar.

Non.

É a proba, máis unha, de como a Xunta de Galiza, neste caso a través da Consellaría de Educación, utiliza o portal web da institución con fins miseramente propagandísticos, demagóxicos, vexatorios mesmo.

Esta práctica, iniciada no comezo da actual lexislatura, agrandouse especialmente nos derradeiros tempos, en paralelo co incremento do descontento social por toda unha serie de medidas que profundan no desmantelamento dos servizos públicos ou na eliminación de prestacións sociais. Como mostra sirva a airada reacción contra a constitución da Plataforma Galega en defensa do Ensino público, con valoracións e xuízos impropios dun poder político que outorga a etiqueta de dialogante; ou a nota emitida despois do desaloxo por parte da policía dun grupo de persoas da Biblioteca Nodal de Ourense.

Asociar actos violentos con determinadas ideoloxías ou símbolos podería ter xustificación noutros contextos espaciais ou temporais, mais facelo en maio de 2012, e asocialo a nacionalismo galego, é impropio dun goberno que se proclama democrático e, sobre todo, só confirma a desesperación política de quen xa se ve fora do poder, de quen se mostra incapaz de ofertar solucións para un país que perde poboación, que perde riqueza, que perde confianza nas súas posibilidades.

Por outra parte, a Consellaría de Educación debería saber que nos programas oficiais -por ela mesma aprobados- das áreas de lingua, figura como obxecto de reflexión e de estudo o papel dos medios de comunicación na sociedade actual, facendo fincapé na obxectividade da información como valor fundamental. Á vista da información ofrecida pola Consellaría de Educación resulta evidente o suspenso obtido polo Sr. Conselleiro e o seu equipo, redactando notas que non terían valor nin sequera no mundo dun programa de televisión que pretende meter o gato na auga.

Por se non for suficiente, a mesma administración educativa, outórgase facultades que, até onde eu sei, non lle corresponden, ao manifestar contundentemente que “non permitirá que os causantes de estragos en mobiliarios públicos queden impunes” asumindo que a impunidade, isto é a tolerancia de crimes ou desaforos, é algo que compete á administración educativa, en vez de á xudicial.

Está claro que forma de estado e que forma de sociedade aniña nas cabezas dos gobernantes do PP.

Comentarios