Opinión

“Bolivariana”

A desaparición física do presidente da República de Venezuela fai pór en tea de xuízo unha serie de consideracións que, dende a nosa ollada, cómpre termos presente.Unha delas ten que ver cos milleiros de comentarios, nada gabanciosos, dende estoutra beira da realidade, por completo allea a aquela, relativos ao labor desenvolvido nos anos de goberno de quen agora acaba de desaparecer.

A desaparición física do presidente da República de Venezuela fai pór en tea de xuízo unha serie de consideracións que, dende a nosa ollada, cómpre termos presente.

Unha delas ten que ver cos milleiros de comentarios, nada gabanciosos, dende estoutra beira da realidade, por completo allea a aquela, relativos ao labor desenvolvido nos anos de goberno de quen agora acaba de desaparecer.Antes e agora, dende a maioría dos medios de (in)comunicación —e non só, precisamente, os máis reaccionarios— lévanse verquido montes e moreas de descualificacións sobre un labor político referendado unha e outra vez co apoio masivo das urnas.

O famoso “Por que non calas?” dito hai uns anos naquel cumio iberoamericano de xefes de estado —máis apropiado sería, á vista dos feitos, falar de encontro—, tan enxalzado por moitos voceiros do pensamento ultraconservador, serve agora como obxecto de reflexión. E abonda con analizar isto dende a perspectiva do sentido (menos) común.


"Lévanse verquido montes e moreas de descualificacións sobre un labor político referendado unha e outra vez co apoio masivo das urnas".

É moeda de cambio aporlle, ao resultado da xestión gobernamental do país caribeño, o empobrecemento das clases medias —florecentes, ao longo de décadas, debido, en gran medida, á emigración—. Porén, recoñécese que, froito dos cartos provenientes na actualidade do monopolio estatal das fontes enerxéticas —derivados da nacionalización da industria petroleira—, as depauperadas e maioritarias clases populares melloraron notabelmente as súas condicións de vida.

Outro dos albos do continuo maldicir cara a aquela realidade política ten que ver co cuestionamento continuo do reiterado ditame das urnas durante os anos de mandato bolivariano. Por non falar agora do proceso político que se abre tras a desaparición do presidente.

Mais, sen ir tan lonxe, resulta clarificador, por contraste co exposto, ollar a realidade que se ten máis preto. Que dicir, logo, no contexto da asfixiante conxuntura económica que se soporta, do terríbel grao de empobrecemento a que está sometida a, maioritaria, clase media do Estado español? Ou non?

Se se saca a flotación a vertebración política do réxime monárquico —do que, por certo, non se é cidadán, senón súbdito— a cuestión non deriva, precisamente, a mellor. Vallan como ilustración dúas mostras. A exemplarizante, económica e instrutiva conduta da realeza. E, claro, a democrática sanción que leva a que un membro de tan escollida familia, iso si, co pedigree de ter sangue azul, sexa quen herde a fumata branca dunha providencial coroación. Aínda que, enxergada a cuestión sucesoria dende un contexto de crise —de valores— permanente, isto é moi de agradecer. Cantos cartos non se aforran en eleccións!
Con razón, o nome do alcumado Libertador se asocia, dende o século XIX, aos procesos de independencia de moitos países americanos. Mais esta filosofía oponse, de xeito substancial, á realidade oligopólica occidental onde, cada vez de forma máis planificada e implacábel, as fontes de riqueza se concentran nas mans duns poucos.

Esta crise, creada e teledirixida dende, polo menos, hai tres décadas, ten como piares básicos: a) o recorte drástico de dereitos sociais; b) a meirande acumulación de riqueza por unha escollida clase dirixente; c) o control dos recursos e dos medios de produción por parte dunhas invisíbeis corporacións transnacionais; d) a cómplice colaboración dun modelo bipartidista que alterna no poder e que se reforza coa connivencia dun amplo apoio mediático e xudicial.

Indo á nosa realidade máis doméstica, lembremos, entón, que foi o que aconteceu cando, na fin da lexislatura que se pechou en 2009, dende unha consellaría nacionalista galega —polo tanto non imperialista—, se tentou pór en marcha a adxudicación de licenzas do concurso eólico.

"Froito dos cartos provenientes na actualidade do monopolio estatal das fontes enerxéticas as depauperadas e maioritarias clases populares melloraron notabelmente"

Pois que aquel reparto, que propuña acabar co monopolio tradicional dunhas poucas empresas que explotan os nosos recursos sen xerar ningunha riqueza para Galiza, foi dinamitado a conciencia dende os poderes económicos, aos que lle puxo a voz algún influínte medio de comunicación.

Como se ve unha e outra vez, dende estas latitudes resulta gratuíto dar leccións de liberdades e de transparencia política. Con toda a euforia e vehemencia con que se nega á nosa realidade nacional.

É ben certo que hai moitos intereses que se afanan por acalar a realidade política dunha gran república bolivariana, non dunha monarquía bananeira ao uso. Mais naquel vasto territorio acéndense múltiples puntos que, de norte a sur, van espallando luz polo continente.

Din uns versos do poema “Comparte con el o presente”, do que autor Lois Antón, o poeta popular de Ramirás: “A quen necesita pan/non o conforman as flores./Non lle lembres o mañá/nin lle fales de valores”.

Comentarios