Opinión

Podemos... evitando as pozas

Podemos celebra esta fin de semana o Congreso Constituínte (Asamblea “Si se puede”) do partido. Un evento que servirá, se vai todo segundo guión, para nomear a Pablo Iglesias como secretario xeral da formación e colocar a pista de despegue como candidato 'in pectore' á presidencia do reino de España.

Podemos celebra esta fin de semana o Congreso Constituínte (Asamblea “Si se puede”) do partido. Un evento que servirá, se vai todo segundo guión, para nomear a Pablo Iglesias como secretario xeral da formación e colocar a pista de despegue como candidato 'in pectore' á presidencia do reino de España.

"En Podemos hai ilusión. E agora tamén certa  sensación de poder colocar a Iglesias de presidente do executivo español ou merodeando por alí". 

A afiliación e simpatizantes do partido político transmite ilusión. Moitísima. Nen Rajoy, nen Sánchez nen Lara teñen tal ascendencia sobre os seus. Tampouco nos nosos partidos patrios. E a ilusión é graxa para o motor do cambio político. En Podemos hai ilusión. E agora tamén certa  sensación de poder colocar a Iglesias de presidente do executivo español ou merodeando por alí. E iso é alimento, vitamina para percorrer os escasos 12 meses da verdadeira carreira na que Iglesias, Monedero e Errejón traballan. A de escreber no boletín oficial.

A equipa de Iglesias ten moi claro o que quere comunicar. Isto inclúe as pozas que non deben pisar. Seguir enmarcando o discurso político exclusivamente onde a súa linguaxe hoxe é gañadora. Esta é unha das verdadeiras liñas vermellas a non traspasar. As ideas base: Decencia fronte a casta; honestidade fronte corrupción; defensa do público fronte ás privatizacións. E pouco máis. Repetir isto constantemente e pór como exemplo o último escándalo de turno. O caso das tarxetas black en Caja Madrid e Bankia co PP, PSOE, IU, UGT e CCOO envolvidos nele é un “caso de casta” perfecto. Cun par de casos máis daquí a un ano xa se plantan nas eleccións xerais.

"As ideas base: Decencia fronte a casta; honestidade fronte corrupción; defensa do público fronte ás privatizacións. E pouco máis".

Unha desas recentes palabras prohibidas é Venezuela. Recentemente nunha viaxe polo continente sulamericano, a delegación capitaneada por Iglesias evitou visitar a outrora amada e defendida até a saciedade na súa tertulia política, Venezuela. Iglesias quixo evitar unha nova oleada de identificación por parte dos medios de masas da marca Podemos co proceso bolivariano.

A nivel español, Catalunya. No documento politico apenas unha breve reflexión dun parágrafo. Simplemente un visionario “o soberanismo está nun caleixón de difícil saída”. Como ten repetido orgulloso Iglesias el é “español” e non quere que Catalunya “se independice de España”. Si, é certo que tamén ten pronunciado o democrático “os cataláns teñen dereito a decidir o seu futuro”. Outra cousa é que o seu desexo sexa que o decidan. Non moverán un dedo co obxectivo de non perder votos ao longo de España. Son unionistas.

"Podemos ilusiona en España, ningunea a IU e compite directamente co Partido Socialista no obxectivo de ser a alternativa ao Partido Popular". 

E finalmente, unha das decisións importantes no camiño da Moncloa: a política económica. O outrora “el caradura de Vicenç Navarro que ha trabajado para el Partido Demócrata” en palabras de Iglesias é un dos pensadores do seu programa económico. Neokeynesianismo puro e duro. Non serei eu quen cuestione algunha das medidas que se propoñen mais para aqueles revolucionarios incautos, o que nos propón basicamente é recuperar os mellores tempos do PSOE. 

Podemos ilusiona en España, ningunea a IU e compite directamente co Partido Socialista no obxectivo de ser a alternativa ao Partido Popular. Da monarquía non temos ningunha noticia de que sexa algo a mudar e moi probabelmente parte da súa campaña ás eleccións españolas será defender unha reforma constitucional ou un proceso constituínte de “toda España” furtando o debate de fondo. Porque como repetiu esta fin de semana “La gente, esa es nuestra Patria, la gente”. E así, defendendo a soberanía “popular” da “xente” (de toda España) nega a soberanía da xente: a galega, a basca, a catalá. É a última finta do unionismo democraticista.

Comentarios