Opinión

Botar ao PP e ter que facer 'recortes'...

“Con este sistema de financiación, un goberno galego alternativo ao do PP, tería que facer recortes”. Así afirmou Francisco Rodríguez nunha entrevista que tiven a oportunidade de lle facer hai uns meses en Irmandade TV. Cada pouco tempo, volvo lembralo.

“Con este sistema de financiación, un goberno galego alternativo ao do PP, tería que facer recortes”. Así afirmou Francisco Rodríguez nunha entrevista que tiven a oportunidade de lle facer hai uns meses en Irmandade TV. Cada pouco tempo, volvo lembralo. Debo recoñecer que me sorprendeu a afirmación tendo en conta que o manual de comunicación politica, indica nestes casos, atribuír decisións desa natureza exclusivamente ao PP e prometer un novo comezo coa chegada da alternativa de goberno. Ben polo seu afastamento da primeira liña pública e institucional, ben porque so determinados líderados poden permitirse arranques de sinceridade vetados para a maioría; o certo é que é o único a quen llo teño escoitado de todos os cadros e lideres que traballan para pór fin ao goberno do señor Feijóo.

"Chegar a este goberno galego significa carecer de competencias en materia de tributación que permitan garantir o investimento ou mesmo amplialo en materias fundamentais como a educación, a sanidade ou os servizos sociais".

Reflexionando por volta da afirmación, hoxe estou certo, de que as posibilidades deses recortes aconteceran, son moi grandes. Chegar a este goberno galego significa carecer de competencias en materia de tributación (exceptuando as migallas dos tramos autonómicos) que permitan garantir o investimento ou mesmo amplialo en materias fundamentais como a educación, a sanidade ou os servizos sociais. Son estas áreas, de feito, as que consumen grande parte do orzamento autonómico. E a financiación que paga estas políticas depende do executivo de Madrid. O que decide por nós, o estado español, decidiu, primeiro con Zapatero e despois con Rajoy, doblegarse aos dictados da troika e á súa lóxica de financiación da débeda a cambio de recortes de dereitos. Coa soberanía española entregada a poderes non eleitos e non democráticos, a autonomía galega como administración constitucional española que é, fica reducida a calquera cousa menos un ente autónomo.

Complementando a afirmación, co permiso de Francisco Rodríguez, isto nos leva a afirmar que non podemos facer un verdadeiro cambio no noso País, que poña fin aos recortes e ás políticas económicas imperantes, sen o poder político e de intervencionismo económico que outorgan as estructuras de estado. Co noso modelo de financiación actual, poucas ferramentas temos na man para facer unha política de esquerdas. Coa nosa pertenza á superestructura española, do sistema económico neoliberal europeu, ningunha posibilidade de acometer unha verdadeira política económica de esquerdas sen bordear ou saltar o marco lexislativo vixente (até para pagar aos funcionarios a extra de decembro nun concello lévante ao xulgado). Por iso, na liña do xiro que o independentismo catalán deu ao seu discurso, Galiza precisa hoxe a independencia non só pola dignidade dos seus homes e mulleres ou por un arraigado sentimento identitario. Galiza precisa a independencia para desenvolver, baixo novas bases, unha política económica e productiva ao servizo da maioría social, das golpeadas clases populares.

"Galiza precisa a independencia para desenvolver, baixo novas bases, unha política económica e productiva ao servizo da maioría social, das golpeadas clases populares".

Mais estamos lonxe de ter esa maioría que nos leve á independencia. E na busca desa maioría, hai un ámbito da loita que é o institucional. O caso é que o sistema de partidos galego da para o que da: ou maioría absoluta do PP ou acordo da oposición para habilitar un goberno alternativo. A lóxica indica que perante o desgaste do PP, as portas para ese goberno alternativo ficarán abertas. Haberá que reflexionar pois, con tempo e calma, a construcción do relato e a oferta política que se lle quere ofrecer á sociedade galega. Desde logo, a hipotética posibilidade dun goberno alternativo ao PP, co PSdeG (a experiencia bipartita volve ás cabezas...), con este sistema de financiamento e as crises que alimentan o escenario político, esíxenos reflexionar fondamente sobre a cuestión. Tempo haberá para abordalo. E non verse facendo recortes...

Comentarios