Opinión

O BNG e Anova fronte as eleccións europeas

Definitivamente, fica o escenario político de cara ao proceso electoral europeo, despexado.

Definitivamente, fica o escenario político de cara ao proceso electoral europeo, despexado. E como soe acontecer nos procesos de pactos e alianzas -este non foi diferente- abriu debates internos, delimitou correntes e tribos, e deixou damnificados a distintos niveis.

O posicionamento de Anova de cara ao proceso de negociación foi público desde un primeiro momento: un “frente amplo e non excluínte” onde se definía a súa constitución como a de “catro suxeitos políticos: Galiza, Catalunya, Euskal Herria e España en sentido estricto”. Paradóxicamente, a opción que finalmente saiu técnicamente adiante, con Martiño centrando e Beiras rematando no último minuto, foi simplemente integrarse na lista que impulsa Izquierda Unida. O sector até ese referendo chamado crítico, que defendía supostamente unha nova cultura frente ao nominalizado internamente “aparato de Anova”, traía como proposta á que lle trasladaban desde o “aparato de IU”. Nada de suxeitos políticos nen frente ampla. Pacto co “vello partido” IU. Comparado, en AGE cando menos, pactouse entre iguais.

“Anova equivocouse. Teñen que saber como son os de IU en Madrid. Son españolistas. Traballan pola unidade de España. Son réxime” Así mo espetou recentemente nunha conversa, un militante de esquerdas que desenvolve a súa militancia en Madrid. Forma parte dunha nova cultura política emerxente no estado español, que medrou á beira do 15M e as novas formas de intervención política, decidida a rachar co réxime de 1978. Intuimos mais aínda non sabemos cantos son. Mais están decididos a participar nesa batalla contra os “vellos partidos”. Entre os que hoxe se atopa IU, e o seu PCE.

Nada de suxeitos políticos nen frente ampla. Pacto co “vello partido” IU. Comparado, en AGE cando menos, pactouse entre iguais

Agora sabemos que o chamado “aparato de Anova”, como López Rico ou Luis Eyré, si que traballaba en dar cumprimento á resolución de frente ampla. E foi sen dúbida, a súa insistencia de conformación de catro suxeitos políticos, a que lles dinamitou as pontes con IU ou outras organizacións de ámbito estatal. Non estaban dispostas a asumir, como era de agardar, tal cousa. Por iso ao final, probabelmente so ficaba o pacto co BNG e pola banda dos críticos denunciábase que AGE estaba en perigo.

En definitiva, mais unha viraxe táctica ou definitavemente estratéxica de Anova co seu pacto cara as europeas? Aqueles que denuncian viraxe estratéxica xa non están só no exterior ou nos malvados da UPG. No seu seo, a mesma sensación se ten apoderado de moita da súa militancia. Por volta do verán probabelmente Anova terá que convocar unha Asemblea Nacional. Alí comprobarase cal é o sentir maioritario. E cun ollo e medio posto nas municipais de 2015.

Pola súa banda, o BNG, demarcou o campo de xogo sobre bases soberanistas e de esquerdas e mantívose fiel até o final a ese mesmo esquema. Acordo na Galiza co resto de formacións e alianzas exteriores, nomeadamente con bascos e cataláns. Con Compromiso por Galicia buscando un perfil non soberanista e con aliados como o PNB e CIU por unha banda; os acontecementos de Anova pola outra; e finalmente, a lexítima mais incomprensíbel decisión de Nós-UP nesta conxuntura de non participar, imposibilitaron ese acordo na Galiza. No exterior, o previsíbel acordo con Bildu e ERC, truncábase polo que poderíamos calificar de “veto” desta última a Bildu. No BNG, no que probabelmente houbo máis debate interno do que puido parecer, optouse finalmente por manter a alianza con Bildu. O certo é que ERC, ás veces, da a sensación de que moito do que che da en pulsión independentista cho quita no programa social e económico. E o BNG, dentro do camiño que ten que transitar para resituarse no escenario político, precisa ofrecer un perfil nitidamente confrontado coa política de recortes e a lóxica da troika que domina boa parte de Europa.

Unha vez definidas as alianzas, o interese do BNG obviamente é representar os intereses de Galiza no Parlamento europeo. E a isto sen dúbida adicará o seu traballo e esforzo unha candidata excelente e experimentada como Ana Miranda. Hai outra cuestión, que o BNG xa afronta, que é a que todos e todas “temían” sobre o pacto con Bildu: que o PP e as súas terminais mediáticas aproveitaran para mentar polo medio a palabra ETA e criminalizar a aposta política soberanista e de esquerdas (que é o de que se trata). No regate curto, pode ser efectivo esquivar a cuestión mais con dous meses por diante, o BNG non debería “ocultar” a súa alianza electoral (nen sobredimensionar) con Bildu. Porque é obvio que é así e non tería sentido pretender ocultalo. No canto de deixar a iniciativa de falar sobre o pacto con Bildu ao PP con provocacións como as de Paula Prado, dimensionar as potencialidades do acordo para Galiza e Euskal Herria como transmitiu Bieito Lobeira nun acto conxunto en Bilbao. Para rematar, lembremos como o Partido Popular polarizou na campaña das autonómicas con Beiras e AGE. Desta volta, o “inimigo” a bater semella ser o BNG. Veremos...

Comentarios