Opinión

Agora, audacia política e organizativa

Corrían as 23:00 horas da noite do domingo pasado e atopábame nese momento no especial Eleccións Europeas que durante catro horas puido ser seguido en directo en Irmandade TV e na capa de Sermos Galiza. “Resistiu. O BNG resistiu” foron as primeiras palabras que saíron na mesa do programa cando coñecíamos o dato. 

Corrían as 23:00 horas da noite do domingo pasado e atopábame nese momento no especial Eleccións Europeas que durante catro horas puido ser seguido en directo en Irmandade TV e na capa de Sermos Galiza. “Resistiu. O BNG resistiu” foron as primeiras palabras que saíron na mesa do programa cando coñecíamos o dato. Co paso da semana, con datos en frío e milleiros de análises despois, penso que sigue sendo a mellor definición do seu resultado electoral. 

"É o grande reto do soberanismo galego: volver canalizar as expresións de rebeldía e radicalidade da sociedade galega".

Resiste en dous planos diferenciados. Por unha banda, evitando o desastre electoral que moitos e moitas desexaban. As recentes escisións no nacionalismo, o sorpasso de AGE nas autonómicas, a alianza electoral con Bildu ou o silenciamento mediático ao que se viu sometido, eran suficientes ingredientes para algúns para a chegada da debacle electoral final. Por outra banda resiste porque non é capaz de recuperar terreno. E o que aínda é pior: temos que chegar ao quinto lugar para atopar a primeira candidatura sen epicentro en Madrid.

As sensacións en definitiva son múltiples. O BNG chegaba a esta cita con cohesión interna e perfil soberanista e crítico co modelo da UE. Desafortunadamente o exército de electores que querían ir ás urnas para castigar ao réxime político seguiron situando ao BNG, en gran medida, do lado dos partidos do réxime. É o grande reto do soberanismo galego: volver canalizar as expresións de rebeldía e radicalidade da sociedade galega.

Podemos si que rendabilizou os continxentes que querían castigar ao réxime. Foi a emerxencia perfecta para amplos sectores da esquerda que viven cultural e mentalmente máis en España que na Galiza e que non querían votar IU nen PSOE, percibidos como vellos partidos. Dalgún xeito o mesmo movemento que fixeron moitos electores nas pasadas autonómicas galegas que entenderon que podían castigar “aos 3 partidos de sempre”, os que gobernaran, a través de AGE. Aderezado, tamén, como no caso de Podemos, dun liderado carismático.

"Aprendamos do que existe e organicemos as forzas coas que contamos, siglas e individualidades, para xerar unha dinámica social que sitúe ao nacionalismo galego como rival neto do bipartidismo español na Galiza o ano que vén".

Temos varios elementos para o noso cesto. Os resultados cativos das forzas políticas propias, o momento de excepcionalidade acelerada no que se vai ver o estado español (coa consulta soberanista en Novembro), o premio dos electores á saídas que entenden rupturistas e o castigo aos “vellos partidos” son elementos de reflexión no conxunto do nacionalismo para podermos volver emerxer como forza que poida disputar a hexemonía do réxime español na Galiza. As eleccións municipais ben merecen dunha aposta audaz do nacionalismo, política e organizativamente. Aprendamos do que existe e organicemos as forzas coas que contamos, siglas e individualidades, para xerar unha dinámica social que sitúe ao nacionalismo galego como rival neto do bipartidismo español na Galiza o ano que vén.

O noso reto é presentarnos ante a sociedade cun programa de ruptura e ilusionala para o cambio político. Ser radicais nas alternativas mais buscar a centralidade política que nos permite gañar maiorías e fuxir da batalla das porcentaxes cativeiras. E finalmente, tamén, dotarse dos liderados necesarios. O 25-M volveu demostrar que existen, non emerxen por decreto e ilusionan a milleiros de persoas.

Comentarios