Opinión

Pola autoestrada sen rumbo ou polo noso sendeiro?

É a primeira vez que escribo un artigo sobre o contexto interno do BNG, é máis, ata non adoito a escribir artigos, gosto máis de facer traballos “na trincheira” que no teclado do ordenador, mais depoís de reflexionar considerei oportuno que por responsabilidade coa organización e polo tanto tamén cos anos vindeiros que lle veñen a este país, era preciso introducir outras visións neste interesante e necesario debate que estamos a ter, porque dende logo o único que pode facer que construamos unha verdadeira ferramenta para o noso país é o intercambio das ideas entre as persoas boas e xenerosas que cremos en Galiza. 

Para analizar a situación collendo causas e consecuencias (para a xente de letras) ou forzas e reaccións (para quen somos de ciencias) decidín resumilo nun decálogo, xa que semella que esta coñecida estrutura de 10 puntos ten sempre por algunha razón un simbolismo especial.

-Quen está hoxe no BNG? Sen ningunha dúbida as miles de persoas que militan hoxe no BNG, ou que sen militar forman parte de forma activa do colectivo que forma o BNG, son persoas claramente nacionalistas e que lle queren e cren neste país. Este é un concepto que nunca debemos de esquecer á hora de dirixirnos a outras/os compañeiras/os ou no momento de analizar o seu traballo coa organización, poderemos ter tácticas diferentes, mais navegamos na mesma estratexia e temos uns fins moi semellantes que nos teñen que unir. O anteriormente dito non quita que existan tamén nacionalistas fóra do BNG, coas que compartimos tamén mesmos fins, por suposto que existen, e organizadas/os noutras forzas, que cren noutros proxectos estratéxicos cos cales xa adianto que non comparto a visión, pero son persoas coas cales debemos de traballar, non necesariamente para que entren no BNG, nin moito menos, senón para que poidamos ter un espazo común no que avanzar. Iso só se logrará cunha coalición que supere ao BNG, que pegue un paso máis no espirito do frontismo.

-Frontismo: Esta é precisamente a fórmula idónea para unir visións diversas nun espazo común de traballo, onde as nosas forzas sumen. Persoalmente o de que as forzas multipliquen non o vexo claro, e respectando a quen a si o ve, baixo o meu punto de vista iso non é posible, se volvemos á ciencia dous vectores de forza sumados, dan iso, unha suma, se por algún casual dan un resultado equivalente a que multipliquen seguramente haxa outros vectores “temporais” influíndo (neste caso moda, ilusión momentanea...). Para poñer un exemplo práctico, eu tírome en bicicleta por unha costa, vou coller moita velocidade, porque a maiores da miña forza, teño a da gravidade, o problema ven cando a baixada remate e toque subir ou “llanear”, os vectores só van ser as miñas pernas e se quero seguir avanzando xa podo estar ben curtido para pedalear ou quedarei no camiño. Isto pode ser unha “paranoia” miña, mais creo que non estou moi desencamiñado. Remato xa este paréntese, e retomo o artigo plantexando como se poden unir forzas diferentes. Existen persoas e/ou correntes no BNG que se senten máis próximas a unhas ou outras forzas que a persoas e/ou correntes internas da súa propia organización. Xa dimos con algo positivo, podemos comezar co primeiro paso, seguimos sendo unha organización plural, e tamén temos o segundo paso, estamos moi preto de organizacións que están fóra, e polo tanto podemos avanzar nese camiño sen problemas ideolóxicos, podendo traballar en común acumulando colectivos e persoas dentro que nos permita unha refundación para obter a ferramenta precisa.   

Non asumo entrar nunha organización, coalición, ou fronte, que teña que agardar á toma de decisións a que se tomen acordos dos seus órganos executivos que algúns destes partidos van ter na capital do estado

-A ferramenta precisa: A ningunha persoa se nos escapa a dúbida de que o que precisamos é unha organización nacionalista forte, e neste punto non podemos esquecer os nosos obxectivos. Unha organización nacionalista forte en calquera lugar do mundo ten que aglutinar nunha fronte ou coalición (tal e como se menciona anteriormente) a todos os colectivos e persoas que se sintan parte deses fins a acadar. Son plenamente consciente das baixadas electorais, da perda de apoio... pero iso non nos pode levar a destruír a nosa única alternativa clara de país, senón a todo o contrario, a superala. Si, eu comparto con outras forzas un amplo contido ideolóxico, mais ao igual que non comparto que as decisións políticas de Galiza se estean a tomar en Madrid, de aí que eu me fixera nacionalista, non asumo entrar nunha organización, coalición, ou fronte, que teña que agardar á toma de decisións a que se tomen acordos dos seus órganos executivos que algúns destes partidos van ter na capital do estado. Creo que somos quen de chegar a moitos acordos con forzas, como Podemos ou IU, temos moitas cuestións coas que traballar en conxunto dende a esquerda,  mais Galiza precisa dunha forza en clave nacional. Que por certo, e para que non se me tache do que non son, a experiencia institucional destes meses no concello de Lugo amósame que sen necesidade de estar no mesmo proxecto, podemos chegar a moitos acordos con IU dende unha clara visión de esquerdas, e máis, eu teño manifestado que de ter nacido en Castela probablemente sería militante desa formación (pero non de Podemos), mais son galego, e non son nin mellor nin peor, senón culturalmente diferente, e IU tense que ver coma un aliado internacional, non coma un compañeiro de proxecto. E é evidente que esta diferente visión foi unha das causas que nos trouxo ata aquí, sentindo por parte dalgunhas persoas unha nostalxia pasada que intentan recuperar aínda que haxa que renunciar a principios básicos. Pero os tempos son diferentes e cómpre deixar de pensar en 1997.

-Deixar de pensar en 1997: Que se me permita o atrevemento de dicir que este é outro grande mal do nacionalismo. Sentimos nostalxia por eses tempos, no que o BNG sacou os seus máximos electorais, repetimos continuamente que levamos 20 anos perdendo votos (un dato simplista, que non é exacto) e non somos conscientes de que o 2016 pouco ten que ver con 1997. A situación social e política é outra, e hai que comezar por aí, e abandonar de vez consignas como a de “ao baixar o PSOE tíñamos que subir”, non, iso aconteceu nese momento, e xa está, agora o momento é outro, a maiores de ser unha consigna que asume por si soa que só reflicte un fenómeno electoral e non social. Pensar no 1997 lévame a ver que o BNG só me soaba de algo que dicían no telexornal cando tendo 11 anos meu pai ou miña nai me quitaban os debuxo animados para ver as noticias. A xeración dende entón é tan sumamente diferentes que nestas últimas eleccións votou xente que naquel momento nin nacera. E poderíamos engadir os acontecementos a nivel estatal ou nacional acontecidos dende entón, entre os que se atopa a fin dun modelo co proceso de desmantelamento do estado de benestar. Se comparamos 1997 con 1978 pareceríanos unha tolemia, pois entón non caiamos nese erro cara adiante, e extirpemos tamén algunhas das mensaxes que daquelas lanzábamos, que pode que entre outras cuestións non tivesen a visión largopracista precisa, e adaptémonos á necesaria e actualizada comunicación.

Teño visto dende intervencións ata comunicados escritos que nin eu mesmo entendo, así dende logo  é imposible que o resto da sociedade comprenda a nosa mensaxe

-Comunicación: Onte collín unha molleira considerable coa cal tiven que estar varias horas ata me poder cambiar de roupa e hoxe espertei cun inicio de catarro. Ante isto decidín tomar un sobre dun medicamento para poder aguantar ben o día. Cando o merquei a farmacéutica díxome que era moi bo para aliviar os síntomas de catarro e griposos en poucos minutos, e collino. A farmacéutica puido amosar os seus coñecementos na materia e explicarme que era un produto que contén fenilefrina hidroclorulo, clorfenamina maleato, silice coloidal anhidra... tería quedado moi ben, pero o medicamento ía quedar na farmacia, porque eu non me tería decatado de nada. Esta pequena brincadeira simboliza moito a nosa realidade. Desafortunadamente a maioría da sociedade está moi distante da nosa linguaxe, polo que é inútil intentar facer case que campionatos por ver quen usa os termos máis complexos, dado que quen queremos que nos escoite non saberá de que lles falamos. Teño visto dende intervencións ata comunicados escritos que nin eu mesmo entendo, así dende logo  é imposible que o resto da sociedade comprenda a nosa mensaxe e nos considere un proxecto ilusionante.

-Proxecto ilusionante:  E aquí si que ningunha persoa o dubida, é xustamente o que precisamos agora, nunha situación de crise tan profunda, na que a xente moza xa non ten posibilidade de vivir e traballar na nosa terra, temos que amosar un proxecto ilusionante, que a xente entenda que coa soberanía podemos poñer a Galiza a producir e por tanto crear traballo e rematar coa emigración forzosa. Non hai receitas máxicas para isto, só traballo, comunicarmos ben o noso proxecto, amosar que é útil para a xente e dende logo activismo militante. 

-Activismo militante: Eu teño claro que non existe en Galiza ningunha organización co compromiso da militancia que hai no BNG. Incrible ver como ata nos momentos máis difíciles as mulleres e homes que conforman este colectivo saen a apoiar na medida das súas posibilidades, tanto economicamente, como a nivel de traballo. Iso é o que nos permite que a día de hoxe, malia as moitas dificultades, teñamos o que temos. De todos os xeitos cómpre analizar con calma a organización e corrixir moitos aspectos. Ao meu entender existen organismos obsoletos, e outros que deben ser máis áxiles. Moitas asembleas inducen á desmotivación, os órganos de dirección, que deberan ser grupos de traballo, téñense convertido en determinadas ocasións en debates tipo goberno-oposición, malia que afortunadamente cada vez menos. A estrutura está desfasada e hai que actualizala. Non é algo inverosímil, houbo un proceso hai un ano que nos marcou o camiño para ter xuntanzas dinámicas, participativas e construtivas e que nos fixo facer mudanzas arriscadas. Foi un proceso que nos permitiu agrandar a nosa base social, contar coa participación de xente que chegaba por vez primeira a esta casa, ou que regresaba, foi o proceso “Construíndo Futuro” coas súas asembleas abertas.

Debemos coller a semente de Nós-Candidatura Galega. Non naceu no mellor momento, mais estou convencido de que ese proceso non era máis cunha landra e se a coidamos de aí pode medrar un forte carballo

-Asembleas Abertas: Tense analizado que no contexto actual os resultados das municipais foron dignos. Dende logo as asembleas abertas naqueles concellos onde funcionaron tiveron un bo resultado, recuperando aquí a forma de traballar co punto de vista de coidar a organización e o traballo social e non centrándoo todo na institución. Recibíronse opinións e ideas máis renovadas, visións de persoas que viven a situación política dende outros puntos de vista, ou que se moven en ambientes fóra do nacionalismo. Estas cuestións deron frescura aos programas e ás candidaturas, e permitiron crear proxectos máis ilusionantes. O proceso “Construíndo Futuro” non pode morrer, todo o contrario, debe avanzar no seu desenvolvemento. E en relación a isto debemos coller a semente de Nós-Candidatura Galega. Non naceu no mellor momento, mais estou convencido de que ese proceso non era máis cunha landra e se a coidamos de aí pode medrar un forte carballo. E para que medre precisamos ir paso a paso, constancia e rigor.

-Rigor: Se algo asume a sociedade é o rigor co que traballa o BNG. Moitas veces úsasenos coma un sindicato, onde a xente vén pedindo axuda para os seus problemas, estamos en toda canta loita hai, mais ao final a quen consideran para xestionar son a outras forzas. Iso si, sempre nos van vir dicir que fixemos un grande traballo neste asunto ou no outro. Por suposto ese rigor co que se nos cualifica, non pode ser desmantelado, de aí que tamén teñamos que ter que camiñar a modo para pisar sobre pedra, non vaiamos querer ir rápido e rematemos afundindo na lama. Isto lémbrame a situacións nefastas coma o que ocorreu co grupo parlamentar de AGE, onde xa perdeu 3 escanos, e que non quixera ver baixo ningún concepto na miña organización. Mais vale ir con calma e deixar os principios e as actuacións claras, que non as presas e con remates fatídicos, posto que só así teremos futuro. 

-Futuro: E iso é o que depende de todas e todos nós, como dicía o acertado lema das municipais. Se algo ten o BNG é o seu nivel democrático e asemblear. Imos ser as e os militantes quen decidamos o que queremos facer. Eu pola miña parte estou convencido de que imos dar un importante paso o vindeiro día 28 de cara a que poidamos contar máis cedo que tarde, cunha organización nacionalista moito máis forte. Lembremos que a día de hoxe xa temos a base, organización por todo o país, traballo contrastado, proxecto político... Agora precisamos sumar xente e, aquí si multiplicar, a nosa ilusión. E poderémonos chamar BNG, ou poderemos buscar outra nomenclatura que supere á anterior, pero dende logo este país vai poder contar sempre cunha forza que non dependa de decisións tomadas alén do Bierzo, unha organización política de seu.

Comentarios