Opinión

Alianzas para as eleccións europeas: unha leitura instrumental

As eleccións europeas non son un trámite que haxa que pasar, nen un requisito formal, nen sequera una proba máis ou menos fiábel do centrada que estiver unha organización política de cara ás eleccións municipais, nacionais ou estatais. Desde que o Estado español decidiu aliñarse coa Europa do grande capital en 1982, a nosa xa limitada soberanía non só ficou delimitada por intereses alleos na dialéctica centro-periferia dentro do Estado español, como tamén — e cada vez máis — por un novo marco onde o centro son os países ricos do norte da UE, fundamentalmente Alemaña, e a periferia continuamos a ser nós.

As eleccións europeas non son un trámite que haxa que pasar, nen un requisito formal, nen sequera una proba máis ou menos fiábel do centrada que estiver unha organización política de cara ás eleccións municipais, nacionais ou estatais. Desde que o Estado español decidiu aliñarse coa Europa do grande capital en 1982, a nosa xa limitada soberanía non só ficou delimitada por intereses alleos na dialéctica centro-periferia dentro do Estado español, como tamén — e cada vez máis — por un novo marco onde o centro son os países ricos do norte da UE, fundamentalmente Alemaña, e a periferia continuamos a ser nós. 

"Non só se trata de colocar en Bruxelas unha representación que mire polos intereses do país e coloque na axenda da UE as problemáticas galegas. Non serve facelo a toda costa. O modo como o fagamos é tamén fundamental".

Cun deseño así — que nós non eliximos, do que nada nos preguntaron como pobo e no que ficamos duplamente á marxe dos centros de decisión — obter representación propia nos órganos lexislativos da UE resulta fundamental. E isto, mesmo tendo claro que o noso modelo de relacionamento con outros pobos do mundo non pode ser este e que, pola contra, urxe cada vez máis propormos a saída deste clube de oligopolios, mercados e transnacionais que non nos representan e ás que só lles interesamos como man de obra barata ou como territorio de recursos espoliábeis. 

Mais non só se trata de colocar en Bruxelas unha representación que mire polos intereses do país e coloque na axenda da UE as problemáticas galegas. Non serve facelo a toda costa. O modo como o fagamos é tamén fundamental. Nun sistema que obriga, na práctica, a coaligarse con outras forzas debido a un irreal distrito eleitoral estatal, escoller con quen participarmos, con quen facermos forza conxunta durante o camiño, é tan fulcral como chegar á meta. Aínda que só sexa porque, na práctica, a compaña determinará tamén o lonxe que cheguemos e, aínda mais, a percepción social do que o BNG é e de onde se sitúa neste momento. 

"Aquela decisión de hai dez anos mudou a visión do BNG de maneira determinante nun momento no que erradamente se pretendeu homologar o nacionalismo galego ao modelo das forzas gobernantes no País Basco e Cataluña".

Pensar que a participación na candidatura Galeusca-Pobos de Europa do ano 2004 na que o BNG concorreu con CiU e PNV non condicionou a imaxe da organización naquel momento e nos anos posteriores sería iluso. Tanto como o é agora pensar que o que importa é só o número de votos que cada quen achegue ao resultado final para conseguir representación. Aquela decisión de hai dez anos mudou a visión do BNG de maneira determinante nun momento no que erradamente se pretendeu homologar o nacionalismo galego ao modelo das forzas gobernantes no País Basco e Cataluña. E isto no mellor dos casos, porque todo indica que aquela decisión, entre outras, tiñan un obxectivo mais estratéxico, máis de fondo. 

Daquela, cando se fala de que este tipo de candidaturas son instrumentais, convén ter claro que non só o son por posibilitaren a opción de atinxir representación propia nos centros de decisión da UE. Sono, ademais, porque arredor delas se concita toda unha serie de cuestións que resultan indisolúbeis da proposta que se quer apresentar á sociedade galega. Nese sentido non cabe dúbida de que a opción de EH Bildu é a que mellor nos devolve á sintonía co tecido social galego, fundamentalmente activista e, ademais, en grande parte inmune ou xa curado das estratexias de intoxicación política que a dereita e o españolismo practican -a través dos seus voceiros- en relación á esquerda abertzale. Unha intoxicación que, con diferentes argumentos e idéntico obxectivo, tamén utilizarían a respeito das outras opcións, non nos enganemos. 

"Non se trata unicamente dunha maior compatibilidade ideolóxica, senón de métodos de traballo e de intervención política, moito máis próximos entre BNG e EH Bildu do que entre BNG e ERC, notadamente após o resultado dos debates organizativos e prácticos da última Asemblea Nacional".

E non se trata unicamente dunha maior compatibilidade ideolóxica, senón de métodos de traballo e de intervención política, moito máis próximos entre BNG e EH Bildu do que entre BNG e ERC, notadamente após o resultado dos debates organizativos e prácticos da última Asemblea Nacional. Ademais, neste tema interesa, de maneira particular, a posición que cada organización defende sobre a UE: non cabe dúbida que tamén aquí existe unha maior proximidade con EH Bildu do que con ERC, pregada ao actual modelo de integración europea. O que, tratándose dunhas eleccións europeas, non parece cuestión menor. 

En resumo: dado que o BNG ten que se coaligar para obter representación, apostarmos por partillar a candidatura con EH Bildu é tamén unha maneira de darmos continuidade e de dotarmos de credibilidade aos pasos dados nas últimas asembleas nacionais e, portanto, de os reforzarmos e de axudarmos a resituar o BNG no escenario político conforme aos seus principios e prática política. Neste sentido, ligármonos a quen no seu país traballa conxuntamente cos colectivos sociais máis dinámicos, como o BNG está a facer tamén en Galiza, é especialmente interesante nunha fase en que o activismo social no noso país precisa dun referente claro e recoñecíbel no plano político. 

"Ligármonos a quen no seu país traballa conxuntamente cos colectivos sociais máis dinámicos, como o BNG está a facer tamén en Galiza",

Finalmente pois, o BNG concorrerá ás eleccións ao parlamento europeo deste ano con EH Bildu, despois de ter escollido de forma amplamente maioritaria esta opción nas asembleas celebradas por todo o país. A elección está feita e, co debate xa pechado, o único que fica é comezarmos a traballar á procura dos apoios necesarios para colocar unha representante no Parlamento europeo cunha campaña ampla e de base que axude a socializar as nosas demandas. Sabemos xa — e non é pouco — que esta é a única maneira de nos facermos ouvir como nación negada, e de que os nosos intereses, os intereses económicos do noso país, os intereses dos movementos sociais e dos sectores agredidos polo grande capital sexan expostos sen a nefasta intermediación dos partidos españois, cuxo centro de gravidade cae lonxe da nosa terra por mais declaracións que fagan ou por mais plural e novidosa que pareza a fasquía con que se nos apresenten. 

Anxo Noceda. Activista do sindicalismo nacionalista.

Comentarios