Opinión

Sen servizos públicos non hai democracia

Non é posíbel unha sociedade democrática, xusta, solidaria e igualitaria se non se fundamenta nun sistema que garanta servizos públicos gratuítos e universais ao conxunto da sociedade. Favorecer a súa privatización e mercantilización responde a posicións ideolóxicas neoliberais e a intereses económicos que teñen como principio desmantelar todo o público. Esta deriva implica menor eficacia, maior gasto e peor calidade na prestación do servizo. Caracterízase pola ausencia total de control social e pola precarización laboral, e ten como fin o máximo lucro.

Na actuación do PP na Xunta de Galiza impera o principio de privatización de todo público, desviando inxentes cantidades de diñeiro de todas e todos nós ao negocio privado, que conduce á destrución e desfeita dos servizos públicos. As carencias e recortes dos mesmos e das prestacións sociais son brutais, cando, nun momento de crise integral como a actual, o seu fortalecemento tería que sustentar calquera saída xusta á crise. Permanecen as políticas neoliberais para adelgazar as administracións, con conxelación de ofertas de emprego público e taxas de reposición de efectivos. O propósito é continuar externalizando servizos e reducir á mínima expresión a xestión pública directa, destruíndo emprego público e entregando múltiples servizos a grandes corporacións e multinacionais, converténdose nos verdadeiros amos da administración pública.

Carecemos dun sistema público galego de servizos de atención ás persoas, malia a termos salarios e pensións das máis baixas do Estado, un devalo demográfico constante e unha poboación dispersa e avellentada. O desleixo e desconsideración da Xunta cos sectores da sociedade máis vulnerábeis, indefensos e dependentes é tan extremo que os seus coidados son, en moitos casos, inexistentes, e noutros a atención é totalmente deficiente. Os servizos sociais están mercantilizados e proxectados para agrandar os dividendos do capital. As persoas son tratadas como unha mercadoría máis. Só o 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública, o que supón que o negocio prevalece sobre a saúde e a vida digna das persoas.

A pandemia puxo en evidencia as profundas carencias do sistema público de saúde. Subordinado e condicionado polos intereses das grandes corporacións e aseguradoras. Trátase dun sector atractivo para o capital xerar negocio. De aí a millonada de euros que se transfiren á sanidade privada e como o deterioro e desmantelamento da sanidade pública conduce a que a poboación se vexa obrigada a acudir á sanidade privada ou a contratar un seguro. A mobilización e a denuncia diaria revelan o abandono da atención primaria, a deficitaria asistencia médica, uns orzamentos reducidos, a falta de persoal e de medios, a precariedade e inestabilidade laboral, a desatención da saúde mental e a espera nas listas de agarda, que se conta por meses e anos.

Se reparamos no estado do ensino público, observamos como é actualidade permanente os recortes de profesorado, as aulas masificadas, a supresión de unidades, os orzamentos reducidos, a deficiente atención á diversidade, os servizos complementarios insuficientes, etc. Porén, este ano, o ensino concertado recibiu 322 millóns da Xunta. Desde o ano 2001 até hoxe, as subvención ao ensino privado acrecentáronse (prezos constantes) nun 27% mentres os orzamentos da Consellaría fixeron só nun 12%. Padecemos un modelo educativo desgaleguizado, tecnocrático, burocratizado e carente de equidade educativa, no que a igualdade de oportunidades é unha pura falacia.

Non é posíbel unha sociedade xusta e do benestar se non se sustenta nuns servizos públicos universais, de xestión directa, totalmente gratuítos e que desterre os concertos, a privatización e a mercatilización. Este cambio de paradigma necesita que Galiza teña plena capacidade política e lexislativa mais disposición orzamentaria suficiente. Para iso, precisamos dotármonos dun modelo de financiamento e de seguridade social propio, dun modelo fiscal galego e dun sector financeiro e enerxético público e de noso.

Comentarios