Opinión

A Lomloe e as mentiras de Feixoo

O sistema educativo é o reflexo, a través das súas leis, do modelo de sociedade que se quere construír para o futuro. Impúxose un modelo, emanado da Constitución do 78, que nega as realidades nacionais, que perpetua os privilexios e o control ideolóxico dos poderes dominantes e dificulta o dereito á educación aos máis vulnerábeis. É dicir, un modelo educativo españolizador, neoliberal, que se alicerza nun ensino privatizador e selectivo. É posíbel e necesario outro modelo educativo, no que nos poidamos recoñecer como galegos e galegas, procure a transformación social, compense as desigualdade sociais, garanta o dereito gratuíto á educación e procure unha sociedade máis xusta e igualitaria. Modelo que só se logra cun ensino público, galego, laico e coeducativo.

Coa entrada en vigor da Lomloe (Lei Orgánica pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, de Educación) derrógase, por fin, a Lomce (Lei Orgánica de Mellora da Calidade da Educación) aprobada, no ano 2013, só cos votos do PP e fortemente combatida en Galiza, especialmente pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Nunca unha Lei educativa foi tan rexeitada por ser letal para o ensino público, o dereito á educación e a igualdade de oportunidades. A súa implantación supuxo acentuar a españolización, a mercantilización e a confesionalidade do ensino e conformar un sistema educativo segregador e clasista. A loita contra a Lomce logrou que todas as forzas políticas, agás o PP, se comprometeran, no seu día, a derrogala. Agora, a Lomloe, aínda que recolle certas melloras respecto a Lomce (supresión das reválidas, eliminación dos concertos que segrega o alumnado por razón de sexo, pérdida do valor académico da Relixión...) continúa sen asumir a composición plurinacional e plurilingüística do Estado e sen trasladar novas competencias e atribucións para conformar un sistema educativo propiamente galego. Nin sequera contempla a supresión dos concertos educativos nos niveis educativos non obrigatorios nin que a relixión deixe de ser parte do currículo escolar.

Resultado da Constitución do 78, é unha realidade que todas as leis educativas, incluída a Lomloe, teñen en común, entre outros aspectos, a centralización do sistema educativo, as subvencións públicas ao ensino privado e o ensino da relixión. Por iso, resulta desprezábel que Feixoo se sume ao coro do españolismo extremo -que ten a mentira como argumento e a exterminación do galego como obxectivo- ao afirmar que a Lomloe supón “eliminar por lei o castelán como lingua vehicular [no ensino]”. Esta inmensa mentira e grao de vileza debería inhabilitar politicamente a un presidente que, mediante o Decreto de Plurilingüísmo, impuxo o español como única lingua vehicular do ensino para as materias científico-técnicas e para a gran maioría do resto. Feixoo, cuxa máxima ilusión sería certificar acta de defunción do noso idioma, engana e manipula porque sabe que a Lomloe non lle impide continuar coa súa cruzada contra o noso idioma. Usa, tamén, a mentira para afirmar que a nova lei supón un “ataque aos colexios concertados” erixíndose, así, en representante da patronal do ensino concertado, xa que os concertos continúan garantidos en todos os niveis educativos.

A Lomloe non é unha lei de bases que fixe unicamente as aptitudes e capacidades que o alumnado debe lograr en cada nivel e lle traslade o resto das competencias a Galiza. Como todas as leis educativas que lle precederon, centraliza e decide sobre todo o relativo aos principios, obxectivos e fins da educación; fixa a programación, ordenación e organización das ensinanzas; determina, na práctica, os currículos escolares; estipula as bases dos concertos educativos, os criterios de admisión do alumnado a concesión das bolsas de estudo etc. 

O actual marco político-xurídico, a falta de soberanía política, sométenos a leis que impiden dotármonos dun sistema educativo de noso. Un ensino que nos continúe anulando como pobo e que nos siga colonizando, nunca será transformador, liberador e de calidade en Galiza. Precisamos unha Lei Galega de Educación que galeguice o ensino e responda as necesidades e intereses do pobo Galego. 

Comentarios