Opinión

Libro branco (negro) da función docente: proposta indecente

O ministerio de Educación remitiunos, uns días antes das eleccións xerais, o borrador do “Libro branco da función docente”

O ministerio de Educación remitiunos, uns días antes das eleccións xerais, o borrador do “Libro branco da función docente” non universitaria, unha vez que os diferentes medios de comunicación se fixeran eco do seu contido e das súas disparatadas propostas que pasamos a valorar.

Procedemento de costas ao profesorado

Resulta inadmisíbel o procedemento utilizado polo Ministerio para tratar un tema de tanta transcendencia e importancia como é todo o relacionado coa función docente, sen considerar a opinión do colectivo obxecto de estudo, o profesorado, nin a dos seus representantes lexítimos, as organizacións sindicais. Un  libro branco realizado á marxe do profesorado e dos seus órganos de negociación e participación. Non deixa de ser insólito, tamén, que se presente esta proposta uns días antes das eleccións xerais, cando todas as opcións políticas con representación na anterior composición do Congreso de Deputados, agás o PP, expresaron o seu compromiso de derrogar a LOMCE. 

Unha proposta mercantil e reaccionaria

É moi clarificadora a relación de persoas e de diferentes entidades ás que os autores/as agradecen a súa colaboración, así como  as ausencias e a maior parte do soporte bibliográfico na que se sustenta. Observamos que nos agradecementos especiais aparece Eugenio Nasarre, deputado do PP, que foi secretario xeral de Educación e que actualmente é presidente da Comisión de Educación do Congreso dos Deputados. Os únicos sindicatos que aparecen mencionados son ANPE e FSIE. Descubrimos, tamén, que ao lado de José Antonio Marina aparece como coautora Carmen Pellicer, presidenta da fundación Trilema, integrada en FERE, patronal dos centros educativos católicos, que dirixe un centro católico que no seu proxecto escolar conta cun plan pastoral.

Á vista destes datos, a conclusión é máis que evidente: o libro branco da profesión docente é a proposta da patronal do ensino concertado católico e do Partido Popular que forman unha simbiose perfecta. Unha proposta ao servizo dos postulados mercantís, privatizadores, elististas e confesionais que, en sintonía coa LOMCE, procuran unha educación reaccionaria e impregnada na súa totalidade dos principios neoliberais.

Culpabilizar o profesorado para disimular os recortes realizados

Non debemos tampouco subestimar a intencionalidade e transcendencia do proceder para dar a coñecer o contido do libro branco. Unha vez máis, procúrase trasladar á opinión pública unha mensaxe de desconfianza polo profesorado, da súa falta de profesionalidade e do seu desleixo, para continuar asentando unha opinión de desprestixio e de desconsideración. Preténdese responsabilizalo das súas posíbeis carencias formativas e culpabilizalo das necesidades e insuficiencias do sistema educativo, a fin de disimular os recortes permanentes e a demolición á que se está sometendo o ensino público, para así poder xustificar unha maior privatización e precarizar, aínda máis, o profesorado, baixo criterios empresariais e comerciais de produtividade, competitividade e xerarquización.

Vinculación dos salarios do profesorado aos resultados académicos  do alumnado

A intención é vincular as retribucións do profesorado ao rendemento escolar do alumnado e do centro, o que supón un disparate e unha degradación dos dereitos máis elementais dos docentes e a consideración da educación como un produto mercantilizado no que o alumnado se transforma nunha mercadoría. Resulta insultante que se fale de ligar o salario aos resultados académicos do alumnado, cando non se dotan os centros de profesorado especialista, o profesorado sofre a masificación das aulas, impídeselle o desempeño do seu traballo nunhas condicións mínimas e cos recursos necesarios, obrigándoos, por exemplo, a impartir materias das cales non é especialista, realizar tarefas e funcións que non son propias da docencia, traballar máis horas lectivas e con sobrecarga de traballo burocrático e administrativo, impedindo un ensino personalizado.

A escola é plural. Os condicionantes socioeconómicos, o ámbito familiar e cultural e as características persoais do alumnado son moi diversas. Por iso, ademais de inxusto e discriminatorio sería un despropósito absoluto asociar os resultados académicos do alumnado coas retribucións do profesorado. Ter en conta o contexto é fundamental para educar e ensinar, mais tamén para valorar e avaliar os resultados e obxectivos.

Resulta insultante que se fale de ligar o salario aos resultados académicos do alumnado, cando non se dotan os centros de profesorado especialista, o profesorado sofre a masificación das aulas

É indecente que se pretenda instaurar unha avaliación baixo criterios exclusivamente sancionadores e punitivos, mentres o profesorado está totalmente abandonado no seu traballo diario e falto de asesoramento, información, formación e orientación, tal e como está acontecendo, neste momento, por exemplo coa aplicación da LOMCE e co novo modelo de programacións. A administración desenténdese das dificultades  e complexidade  do traballo docente e do seu impacto  emocional e psicolóxico. A súa única preocupación  é o traballo burocrático e  constrinxir  o traballo do profesorado até o absurdo.              

Cómpre avaliar as necesidades da educación e atender os sectores desfavorecidos a fin de que a igualdade de oportunidades sexa unha realidade. Avaliemos o grao de cumprimento das obrigas da administración educativa, da calidade do ensino, das condicións dos centros, dos recursos, medios e orzamentos, do funcionamento da inspección educativa e do funcionamento da propia administración educativa.

En consecuencia, calquera avaliación do noso traballo ten que partir do exame e da avaliación permanente de todos os factores actuantes no sistema educativo. Ten que ser unha avaliación integral para así poder resolver e mellorar aqueles aspectos que non funcionan e para contribuír a que se cumpran os obxectivos que supostamente se teñen marcados.

Un sistema de selección e unha estrutura de formación e investigación centralizadas

A articulación da selección do profesorado está pensada para recentralizala e precarizala. É inaceptábel que se pretenda un acceso á función pública docente mediante unha proba estatal única e homoxénea, xa que suporía que o profesorado impartiría   aulas en Galiza sen ter coñecemento do noso idioma nin do currículo. Por outra parte, o profesorado en prácticas  percibiría unhas retribucións inferiores, realizando o mesmo traballo có resto do profesorado.

É obvio que o actual sistema de acceso á función docente non é o máis axeitado. En todo caso, o acceso  non é o que capacita para a profesión; unicamente se trata dun mecanismo  de selección. O que se debe procurar é que a formación  inicial e a titulación requirida sexan as adecuadas, pois deben ser as que realmente capaciten para a docencia. A formación inicial do profesorado tería que consistir en dous ciclos. Un ciclo que facilitaría a formación técnico-científica da especialidade e outro a formación pedagóxica e didáctica, impartida nas facultades de Pedagoxía. Esta sería a titulación necesaria  para acceder á función pública docente en todos os niveis educativos. É dicir, todo docente tería unha titulación  do mesmo rango, cuxa diferenciación viría  dada, exclusivamente, pola especialidade e nivel que se vaia impartir. Partimos de que a nosa función é ensinar e educar e, para iso, é  preciso termos unha formación o máis completa posíbel e independente do nivel no que se imparta a docencia.

O libro branco négalle ao profesorado a capacidade de poder participar na elección dos cargos directivos do centro

Créase unha nova arquitectura formativa e investigadora para o profesorado, totalmente centralizada, xerarquizada e dependente da Administración central, mediante un Consello Pedagóxico do Estado, os centros superiores de formación do profesorado (CSFP) e os centros educativos de excelencia.

Óptase por un modelo de formación  radicalmente estratificado e totalmente centralizado, que ignora, mesmamente, as actuais competencias  que temos en educación, evita a participación do profesorado, confórmase á marxe da práctica docente e promove a estratificación dos centros docentes, atribuíndolles o cualificativo de excelentes a aqueles que sexan os elixidos. Non se pon, nin sequera, en tea de xuízo o tipo de formación das universidades privadas, que está baseada exclusivamente no negocio e non na calidade, e refórzase a posibilidade de continuar a privatizar a formación do profesorado.

Tanto os principios como as propostas non consideran a formación do profesorado como unha necesidade inherente á función docente, desde a formación inicial até a xubilación. Formación que ten que abranguer  a todo o profesorado e a  todas as especialidades, atender a formación pedagóxica e didáctica, promover a normalización lingüística e a galeguización do currículos, capacitar a todo profesorado  para impartir as aulas en galego e concibir a mesma como un dereito e un deber do profesorado.

Un modelo empresarial para as direccións dos centros

Reafírmase no perfil deseñado pola LOMCE. Chega a  recomendar a creación dun corpo de directores e directoras e un modelo de xestión que persista na concepción xerárquica e empresarial. Imbúe as direccións do máximo poder nos centros e outórgalles competencias como a de determinar as características das prazas do seu centro.

Pretenden limitar a actuación sindical de organizacións sindicais como a CIG-Ensino, por lles seren molestas para os seus intereses, e impedir así calquera contrapeso

Négalle ao profesorado a capacidade de poder participar na elección dos cargos directivos do centro, pois afirma que a elección por votación do claustro pode ofrecer moitos problemas, cando a realidade é que a administración frecuentemente se empeña en soster direccións autoritarias e antidemocráticas que teñen todo o profesorado e comunidade escolar en contra.  Preocúpalles a falta de “simpatía” polo liderado das direccións e bota de menos a figura de superintendentes e de xerentes nos centros para construír unha organización e funcionamento dos centros piramidal, mercantil e antidemocrática. Procuran converter as direccións nun muro de contención das demandas sociais, liquidar a xestión democrática dos centros, primar os criterios de competitividade fronte aos de cooperación, corresponsabilidade, implicación e participación.

Unha carreira docente  para estratificar máis o profesorado

Levamos preto de 30 anos en que cada certo tempo o goberno central ameaza coa imposición dunha carreira docente, co obxecto de dividir o profesorado e acrecentar a xerarquización, arredándonos aínda máis do anhelado corpo único de ensinantes. O ascenso na carreira docente lígase ás retribucións do profesorado, á avaliación do  traballo e ao ascenso vertical, aínda que se desempeñe o mesmo traballo. Estabelécese mediante méritos académicos, de xestión e de progreso no posto de traballo docente, onde o que menos importa é a docencia directa na aula. Por iso, propoñen diferentes chanzos para ir mellorando as condicións profesionais e salariais, acentuando a xerarquización, a burocratización e a meritocracia, o que comportará enfrontamentos, competitividade e división entre compañeiros e compañeiras.

As retribucións  e a súa estrutura non poden estar vinculadas á  avaliación do traballo docente. Non hai razón para fixar retribucións distintas, agás aquelas derivadas do desempeño circunstancial ou temporal  do desempeño de funcións ou responsabilidades diferentes á docencia. En todo caso, a tendencia debe ser ampliar a redución horaria lectiva necesaria para realizar adecuadamente as tarefas  a desempeñar e cando se detecten disfuncións ofrecer as ferramentas axeitadas para corrixilas. 

Limita a función e representación dos sindicatos

Non deixa de ser insólito que se pretenda promover os colexios profesionais en detrimento das organizacións sindicais, como lexítimos representantes dos traballadores e traballadoras, neste caso docentes. Chegan a propor que a representación do profesorado corresponda, tamén, aos colexios profesionais para as cuestións educativas, separando de maneira interesada e absurda as cuestións educativas e profesionais das laborais. Baixo unha visión totalmente reaccionaria e corporativa, pretenden limitar a actuación sindical de organizacións sindicais como a CIG-Ensino, por lles seren molestas para os seus intereses, e impedir así calquera contrapeso e voz crítica e denunciante da súa política educativa, devastadora do ensino público. A intencionalidade é obvia: obstaculizar e restrinxir o noso campo de actuación, acción e decisión, cando xa hoxe se nos nega o dereito á negociación colectiva e se nos impón un modelo de eleccións sindicais, afastado dos centros de traballo, que dificulta a participación, a representación e  a acción directa para condicionar positivamente a política educativa e conseguir melloras laborais e educativas.

Un conselleiro servil ao centralismo

Resulta preocupante observar como o actual conselleiro de Educación  non ten reparo en valorar como positivas as propostas recollidas no libro branco, cando supoñen unha invasión competencial, que recentraliza a formación, o acceso, a avaliación e outros aspectos nos que hoxe aínda temos algunhas competencias. No actual conselleiro segue a primar a subordinación ideolóxica e partidaria ao PP e a desconsideración co  profesorado, no canto da defensa de medidas que contribúan a mellorar a calidade e a galeguización do ensino e a dignificar a función docente. Para a CIG-Ensino, en síntese, estamos ante un libro negro da función docente que se sitúa nas antípodas das nosas propostas, avaladas por máis de 23.000 sinaturas do profesorado galego , recollidas na ILP, promovida pola CIG-Ensino, que propuña  diferentes medidas para restituír todos os dereitos arrebatados ao profesorado, mellorar a calidade da educación pública e valorar na súa xusta mediada a profesión docente.

Estamos ante unha proposta que alarga a sombra da LOMCE e que, por tanto, debe correr o mesmo futuro: a desaparición. Por iso, a CIG-Ensino exixirá ao novo goberno do Estado que unha das primeiras medidas a tomar sexa a abolición da LOMCE, a restitución do dereitos laborais eliminados e a retirada do libro branco da función docente. 
 

Comentarios