Opinión

Unha ILP imprescindíbel para o profesorado e para o ensino público galego

O ensino en Galiza nestes últimos anos foi albo de numerosos e incesantes recortes dirixidos ao desmantelamento progresivo do ensino público e ao desprezo do ensino en galego. Mentres, reforzábanse e ampliábanse os concertos educativos, mantíñanse os dos centros que segregan o alumnado por razón de xénero e acrecentábase a españolización.

O ensino en Galiza nestes últimos anos foi albo de numerosos e incesantes recortes dirixidos ao desmantelamento progresivo do ensino público e ao desprezo do ensino en galego. Mentres, reforzábanse e ampliábanse os concertos educativos, mantíñanse os dos centros que segregan o alumnado por razón de xénero e acrecentábase a españolización.

"A  política educativa do PP encamiñouse a  conformar un sistema educativo máis clasista, segregador, mercantilista e españolizador". 

A crise económica foi utilizada como pretexto para acometer graves ataques contra o ensino público, reducindo os seus orzamentos e agrandando a súa privatización. A  política educativa do PP encamiñouse a  conformar un sistema educativo máis clasista, segregador, mercantilista e españolizador. Arrasou cos avances que se foron conquistando e recortou e reduciu a calidade do ensino, pondo en tea de xuízo o dereito á educación.  

O profesorado, igual que o resto das empregadas e empregados públicos,  viu minguados e arrebatados os  seus dereitos laborais, salariais e profesionais. Os seus salarios foron reducidos en máis dun 30% desde o ano 2009, elimináronlle e reducíronlle as pagas extraordinarias, descontáronlle parte do seu salario ao enfermar, suprimíronlle as licenzas por estudo, ampliáronlle o horario lectivo e  obrigárono a realizar funcións alleas á súa profesión. A valorización e importancia da función docente está posta en cuestión polas continuas actuacións da administración educativa e pola mensaxe de desprestixio que se traslada á opinión pública.

Os permanentes e graves recortes comportan maior desigualdade social,  decrecemento da calidade do ensino, supresión de numerosas unidades no ensino público, masificación nas aulas, deficiente atención á diversidade, supresión da gratuidade dos libros de texto e insuficiente oferta de postos escolares no ensino público, nomeadamente no 1º ciclo de Educación Infantil e na formación profesional. A supresión de prazas de profesorado é unha constante. Os cadros de persoal reducíronse en máis de 3000 docentes, impedindo así a adecuada atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. A oferta de emprego público desapareceu ou foi insignificante, se temos en conta os milleiros de profesores e profesoras que se xubilaron nestes últimos anos, e cada vez é máis o profesorado que ten que impartir materias das cales non é especialista.

"Este panorama demoledor de recortes constantes no ensino público en Galiza agrávase, agora, coa aprobación da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE)

Este panorama demoledor de recortes constantes no ensino público en Galiza agrávase, agora, coa aprobación da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE). Trátase dunha contrarreforma que se sustenta nos principios da ideoloxía neoliberal, que españoliza aínda máis o sistema educativo, afonda na confesionalidade, conforma un sistema educativo máis selectivo e clasista, segrega o alumnado, desautoriza ao  profesorado, elimina a xestión democrática dos centros, mercantiliza a educación, garante o dereito do alumnado a non recibir aulas no noso idioma e nega o dereito a un ensino galego e laico.

O vixente Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, atenta abertamente contra o proceso de normalización lingüística e significa un  retroceso da xa insignificante presenza do ensino en galego. Desterrou o ensino no noso idioma na educación infantil nos ámbitos español-falantes e prohibiu a ensinanza en galego das materias técnico-científicas que, porén, se poden  impartir en inglés. Malia ter sido anulado xudicialmente nalgúns dos seus aspectos máis regresivos, o actual Decreto de plurilingüismo supón unha verdadeira ameaza para o futuro normalizador da lingua galega e non garante a competencia de uso do alumnado. Mais a persecución do noso idioma non se centra exclusivamente na aplicación desde decreto, senón en toda a política lingüística da Xunta de Galiza que suprimiu a obriga de, como mínimo, realizar unha das probas en galego para acceder á función pública, desmantelou o modelo de educación infantil das galescolas, diminuíu os orzamentos dedicados á lingua galega en máis do 76% desde o ano 2009, reduciu axudas aos equipos de normalización e despediu o profesorado que impartía os cursos preparatorios para presentarse aos Celga. 

Este panorama educativo desolador levou a CIG-Ensino a presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza que, de  ser  aprobada  e  efectivizada, significaría unha verdadeira revolución educativa  e serviría de alicerce e revulsivo para podérmonos dotar dunha lei galega de educación. 

"A ILP presentada pola CIG-Ensino de  ser  aprobada  e  efectivizada, significaría unha verdadeira revolución educativa  e serviría de alicerce e revulsivo para podérmonos dotar dunha lei galega de educación. ".

Esta iniciativa lexislativa popular parte duns principios básicos como son a elaboración dunha lei galega de educación ao servizo dos intereses e necesidades de Galiza e en sintonía coa nosa realidade social, cultural, económica e lingüística. Unha lei que  garanta o dereito universal de todos e todas as galegas a unha educación pública, que oferte prazas suficientes en todos os niveis educativos no ensino público, elimine os concertos educativos, derrogue a LOMCE e procure un ensino galego, laico, coeducativo e democrático. 

Ao longo do seu articulado e disposicións derrogatorias condénsanse todas as reivindicacións que o profesorado vén reclamado e a restitución dos dereitos laborais e profesionais que lle foron arrebatados durante estes anos. Demándase o restabelecemento dos salarios e das pagas extras, a percepción do 100% en situación de IT, a supresión da taxa de reposición, ofertas amplas de emprego, a dotación de persoal administrativo e outro persoal non docente necesario nos centros, a restitución da xornada docente, a recuperación da xornada matinal reducida en xuño e setembro, o recoñecemento das enfermidades profesionais, eleccións sindicais por centro de traballo, dereito á formación didáctica e pedagóxica gratuíta en todas as áreas do currículo, etc. 

Trátase dunha proposición de lei que ten como obxectivo a defensa e a mellora do ensino público como único garante da igualdade de oportunidades. Para acadar este propósito é imprescindíbel a redución das actuais ratios de alumnado por aula en todos os niveis educativos, prazas públicas suficientes de 0 a 3 anos, dedicar o 7% do PIB a educación, dotar os centros de profesorado suficiente,  elaborar un plan de actuación preferente destinado a combater o fracaso escolar, garantir a atención á diversidade, cubrir todas as baixas laborais, suprimir os concertos educativos, ofertar suficientes prazas de FP no ensino público, crear  e ampliar as escolas de idiomas, garantir e facilitar a escolarización no medio rural, asegurar a  gratuidade universal dos libros de texto e de material didáctico, xestionar democraticamente os centros educativos e elixir de forma directa e democrática as direccións, conseguir a gratuidade do uso de comedor para todo o alumnado, ofertar actividades extraescolares gratuítas, elaborar unha lei do transporte escolar para que non condicione o horario lectivo, etc.

"A españolización e o retroceso do ensino en galego son preocupacións recollidas na iniciativa lexislativa popular mediante diferentes medidas orientadas á plena normalización lingüística e a un ensino totalmente en galego".

A españolización e o retroceso do ensino en galego son preocupacións recollidas na iniciativa lexislativa popular mediante diferentes medidas orientadas á plena normalización lingüística e a un ensino totalmente en galego. Por iso, reclámase a aplicación inmediata do Plan xeral de normalización lingüística, a fixación duns currículos escolares inseridos na nosa realidade nacional e con contidos propios, o estabelecemento dun plan de formación para que o conxunto do profesorado imparta aulas en galego, a fixación dun sistema de acceso á función pública docente no que o profesorado teña que amosar unha competencia suficiente para impartir aulas no noso idioma. 

Para facer factíbeis todas as medidas recollidas na ILP, proponse a derrogación daquelas normas emanadas da Xunta de Galiza perniciosas para o ensino público, para os dereitos do profesorado e para o ensino en galego. Derrogación do Decreto de plurilingüísmo, da Lei de convivencia e participación da comunidade educativa, do decreto que regula a admisión do alumnado nos centros educativos, do decreto que regula os comedores escolares e do que regula a formación do profesorado, da orde que estabelece a xornada de traballo do profesorado e da lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público.

A falta de capacidade política para poder decidir  e lexislar sobre moitas cuestións que hoxe son competencia do estado impídenos, pola nosa  subordinación política, promulgar  leis  que entren en contradición coas emanadas do estado. Por iso, a ILP recolle que se instará o Goberno central  para  derrogar o R/D 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, o R/D 20/2012 de estabilidade orzamentaria e a Lei 9/2012 de adaptación do R/D 20/2012 que son o sustento legal  de moitos dos recortes  aplicados nos servizos públicos e da liquidación de numerosos dereitos laborais, salariais e sociais.

 "É interese fundamental da CIG-Ensino  accionar o debate e concienciar o profesorado da necesidade de continuar na loita para desfacerse da LOMCE, combater os recortes e conseguir un modelo educativo galego e público"

 Amais de conseguir, como mínimo, as quince mil sinaturas para defender a ILP  no parlamento e podela transformala en lei, é interese fundamental da CIG-Ensino  accionar o debate e concienciar o profesorado da necesidade de continuar na loita para desfacerse da LOMCE, combater os recortes e conseguir un modelo educativo galego e público. Con este propósito, levamos realizados centos de asembleas co profesorado que, maioritariamente, vén referendando coa súa sinatura as demandas da ILP.

En definitiva, cómpre recuperar e restituír todos os dereitos laborais, salariais e profesionais que lle foron arrebatados ao profesorado durante estes anos. Recoñecer e valorar a función docente, reforzando o marco galego de negociación e elaborando un estatuto do profesorado galego. Con esta ILP, pretendemos   contribuír a  termos outro  sistema educativo, que asegure unha educación pública de calidade, científica, laica, inclusiva, equitativa, gratuíta e universal, imprescindíbel para conseguir unha sociedade máis xusta e democrática. Para iso, é crucial a elaboración dunha lei do sistema educativo galego que asegure servizos complementarios e actividades extraescolares en todos os niveis, o financiamento necesario, a redución das ratios, maiores recursos e profesorado suficiente nos centros.  Unha educación ao servizo do pobo galego co obxecto de  acadar un ensino exclusivamente  público, galego, laico e democrático.   

Comentarios