Opinión

Galiza nos seus símbolos

Toda nación vese representada e identificada a través dos seus símbolos nacionais. Visibilizan a identidade colectiva de pertenza a un pobo, a unha nación. Distínguennos no mundo e personifican o que somos. Os símbolos nacionais galegos, entre eles o himno e a bandeira, plasman as arelas de liberdade, proclaman a vontade de sermos e reclaman o dereito a existir libremente. Se os símbolos son relevantes para calquera nación, moito máis para unha nación sen estado propio como a galega. Sometida a unha constante asimilación por un Estado que reprime os seus dereitos nacionais, imponlle unha simboloxía que non a representa e a nega como nación.

Hoxe, aínda que os métodos e mecanismos de españolización tornáronse máis sutís e sibilinos, a finalidade é a mesma que nos oprime desde hai cinco séculos, a de perpetuar a nosa colonización e dependencia e, así, a asimilación cultural e lingüística. A súa eficacia percíbese na influencia social para asentar a falacia de que o que creamos colectivamente, o que nos é propio como pobo, o que nos identifica como galegas e galegos, é unha imposición. Mentres o alleo, introducido con represión e imposto a sangue e lume, pretendese camuflar como un proceso natural, voluntario e consciente e non como o resultado dun sometemento e dominio españolizador.

Os procesos de colonización implican represión e destrución de toda manifestación que valore o propio, supoña autoafirmación, reforce a identidade colectiva ou amose vontade de liberarse da opresión. Así nolo certifica a nosa historia. Perséguese o noso idioma para eliminar o seu uso en beneficio do español, substitúese a simboloxía galega pola española, cada vez máis estendida. Prohíbese e penalizase exhibir a nosa bandeira nas competicións deportivas oficiais e o noso himno non existe neses eventos. O afán da Xunta de Galiza, na súa disposición ideolóxica e política españolizadora, non é outro que prohibir, marxinar, silenciar ou deturpar a nosa simboloxía nacional. O Himno desaparece da inmensa maioría dos actos da Xunta de Galiza. Nas escasas ocasións que soa é recortado e deturpado e prohíbese que a nosa bandeira nos represente se non está acompañada da española.

Hai máis de 30 anos que Profesor da UDC, Manuel Ferreiro, na súa extraordinaria investigación sobre a obra pondaliana, danos conta da historia do Himno e da súa letra orixinal, tal e como a creou Pondal. Van máis de 22 anos que a deputada Pilar García Negro, como portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, iniciou no Parlamento Galego a batalla parlamentar para restaurar a letra orixinal do Himno. Por moi inaudito que resulte, e despois de 38 anos de vixencia da Lei de Símbolos de Galiza, as distintas propostas e iniciativas non frutificaron e a letra do noso Himno continúa sen ser restaurada oficialmente.

O ocultamento e desdén da Xunta de Galiza cos nosos símbolos patrios responde á transcendencia que ten a súa popularización no fortalecemento da autoestima e identificación colectiva e, por tanto, no avance da conciencia nacional. Por iso, Vía Galega ten previsto desenvolver por toda Galiza unha campaña que, entre outras accións, consistirá na edición dunha publicación coa historia e significado do noso himno e bandeira; a gravación do himno completo coa letra restituída conforme ao texto orixinal e a elaboración dun documental sobre estes símbolos nacionais. Programaranse distintas palestras e preparase unha tiraxe importante da nosa bandeira e de autocolantes GZ. Todo co propósito de promover unha difusión masiva dos nosos símbolos e de proporcionarlle a todo tipo de entidades e asociacións o noso Himno restaurado e completo, suplindo, así, o desleixo do Goberno Galego para divulgar os nosos símbolos.

Entre todos e todas temos que conseguir a necesaria modificación da Lei de Símbolos para restaurar oficialmente a letra do noso Himno. Non hai motivo nin xustificación posíbel para non restituílo. Só desde o desprezo a nosa historia e cultura se pode manter esta situación. Esixamos e cantemos o noso Himno en versión orixinal e completa e ondeemos a nosa bandeira, como a afirmación patriótica de que a nación galega existe e ten vontade de ser libre.

Comentarios