Opinión

Galiza nación. Un pobo con dereitos

A dependencia padecida por Galiza durante séculos someteuna a intereses alleos e  negoulle a súa razón de ser e existir. Seméntase a idea de que somos un pobo subsidiado, incapaz de valernos por nós mesmos. Centos de anos de opresión foi inoculando na sociedade galega unha baixa estima colectiva. Desprézase e substituíuse o propio polo alleo. Transmítese que o noso destino está ligado a permanecer subordinados ao deseño que a oligarquía española nos ten asignado. Sempre, baixo un estado capitalista construído sobre a subxugación das nacións que o conforman. Paradigma dunha edificación política, centralista e represora, que prohibe o exercicio do dereito fundamental de autodeterminación.

Procúrase borrar e ocultar a nosa identidade nacional; fortificar e amplificar os mecanismos de españolización e asimilación; borrar o noso pasado e negarnos o dereito a decidir o noso destino. A colonización estigmatízanos e explica a feble ou subxacente conciencia nacional do pobo galego e, porén, encobre as fortalezas que atesouramos para responsabilizarnos do noso futuro.

Somos unha nación xa recoñecida oficialmente en 1933 no IX Congreso das Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións. Galiza reúne todas as características que a individualizan e a diferencian fronte ás demais. Cunha lingua propia de máis de 1000 anos de historia e cunha cultura de seu que se foi sedimentando ao longo dos tempos cun inmenso patrimonio material e inmaterial e un notábel e prolífico sistema literario. Unha nación cun territorio singular e un xeito propio de habitalo -con 30.675 núcleos de poboación- mediante un vínculo estreito entre a xente, a terra e a natureza e cun patrimonio natural enorme e unha gran riqueza e variedade de recursos naturais. En palabras de Cunqueiro “o pais dos dez mil ríos”. Unha nación con historia propia, aínda que por veces negada e outras terxiversada, con etapas de maior ou menor relevancia até que se inicia, no século XV, a “doma e castración de Galiza”. Unha nación con múltiples recursos agropecuarios, pesqueiros, forestais, mineiros e enerxéticos. Cun sector agrario que encerra un gran potencial para un desenvolvemento económico de noso. Galiza produce o 40% do leite e sitúase como segunda produtora de carne bovina do Estado. O 50% da madeira que se corta é galega. É a primeira produtora europea en cultivos mariños. Unha potencia mundial en pesca, marisqueo e acuicultura e dispón da primeira frota do Estado. Exporta o 40% da enerxía. Extrae o 75% do seixo do Estado e o 70% da lousa do mundo e ocupa o primeiro lugar do Estado en produción de granito.

Somos unha nación con múltiples recursos agropecuarios, pesqueiros, forestais, mineiros e enerxéticos

Toda esta base de riqueza material é unha garantía para converter Galiza nunha nación próspera, sempre que se aposte nunha economía autocentrada e nun desenvolvemento sostíbel que diversifique e peche os ciclos produtivos aquí, creando  valor engadido, riqueza e emprego. No entanto, a nosa dependencia e a falta de poder político contribúe a que permaneza a sangría da emigración; prosiga a saída dos nosos aforros, recursos e riqueza; continúe a destruírse o sector agrario e industrial; persista o avellentamento, a despoboación e a liquidación do rural e os salarios e as pensións permanezan dentro das máis baixas do Estado.

O que nos move en Vía Galega é a defensa dos dereitos nacionais e sociais de Galiza. De aí a campaña que imos iniciar, baixo o lema que serve de título este artigo: Galiza  nación. Un pobo con dereitos. Pretendemos que se asuma con naturalidade e determinación a realidade obxectiva da condición nacional da Galiza e da súa vontade de existir e exercer como tal. Procuramos combater as mentiras, abeirar os complexos, desfacer prexuízos e fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que nación galega existe. Trátase de ir creando máis conciencia nacional para contrarrestar a  españolización, os abundantes ataques perpetrados contra o noso ser colectivo, a cultura e a lingua nacional e persistir no dereito e necesidade dun status político emancipador para Galiza.

Para reparar os males que hoxe asolan a Galiza, evidentes testemuñas da nosa dependencia, o remedio pasa por atacar as súas causas, para iso precisamos ser un pobo libre. Un suxeito político en pleno exercicio da súa soberanía.

Comentarios