Opinión

Feixoo, azoute de Galiza

Non é a nosa intención enumerar e valorar a tardanza, a improvisación, a falta de material, os erros ou a falta de mediadas para combater a COVID-19, tanto polo Goberno central como polo galego. Agora ben, non deixa de ser preocupante que se tomaran medidas cun claro obxectivo ideolóxico: reforzar a idea da España Una y grande... e someterse aos intereses do gran capital, non parando a actividade produtiva e pondo en risco a saúde dos e das traballadoras, contradicindo as recomendacións da OMS, as defendidas polos expertos e as xa experimentadas eficazmente noutros países.

O estado de alarma foi aproveitado para suspender as competencias das nacións e dos territorios do Estado, en prexuízo da eficiencia da loita contra a epidemia. Sen considerar que o persoal sanitario e os centros de saúde son xestionados polos gobernos autonómicos e son os que poden combater o virus con maior eficacia.

Primouse trasladar a mensaxe de que en momentos decisivos só cabe un mando único, centralizado, con todas as atribucións e competencias. Reforzar a idea da necesidade dun Estado forte e coercitivo e xustificar, así, o papel do exército. Iso, é o que explica que militarizaran as rúas, trasladaran competencias civís ás forzas armadas e outorgaran funcións de informar sobre a evolución da pandemia. Pola composición do Comité Técnico de Xestión da COVID-19, pola posta en escena nas roldas de prensa (as forzas armadas flanqueando e vixiando o poder civil) e pola linguaxe bélica usada, podíase concluír que a loita contra a COVID-19 é un problema de orde público e que o estado de alarma se transformou nun estado de sitio.

Nesta escalada centralizadora está a negativa a pechar Madrid, malia actuar como un foco propagador da COVID-19 a Galiza e a distintas zonas do estado. Mais, tamén, na prohibición a que a Generalitat cerrara os accesos a Catalunya.

A disposición do presidente Feixoo foi parapetarse no seu pedestal e actuar en clave propagandística, co fin de conseguir os maiores réditos posíbeis para as próximas eleccións. O desleixo e a irresponsabilidade levouno a non aproveita a demora da chegada da COVID-19 a Galiza para enfrontar con máis eficacia os momentos de maior expansión da pandemia. El continuaba en campaña. Tiña a ousadía de declarar que Galiza estaba en mellores condicións (con só 160 camas de UCI, falta de máscaras, respiradores, test e persoal sanitario) ca outros territorios para facer fronte ao virus.

O seu españolismo impediulle esixir o illamento de Galiza, que tería minguado a propagación da pandemia e evitado mortes. Amosouse compracido da usurpación das competencias. Pois, como bo colonizado, acredita na total subordinación política e da función subalterna de Galiza. Por iso, nas súas comparecencias, despreza o uso do galego. Para el é un virus que tamén hai que exterminar.

Coa súa insensatez, pretende encubrir a súa política antisocial e destrutora dos servizos públicos, que significou desmantelar e privatizar a sanidade pública, reducindo o seu orzamento, persoal e recursos. Tamén enmascarar o modelo de servizos sociais do PP, concibido como un negocio (só 22% das prazas das residencias de maiores son públicas) no que os nosos maiores son tratados como unha mercadoría e non como persoas vulnerábeis. Modelo reflectido, agora, co contaxio masivo e na alta porcentaxe de falecementos nas residencias privadas. Ante esta situación inhumana, Feixoo en lugar de intervilas, mostrouse indiferente e desalmado.

A súa inoperancia na loita contra a pandemia procurará enmascarala e imputarlla ao Goberno central. Para iso ten ao seu dispor o mando da CRTVG -paradigma da manipulación e da terxiversación- fechada a cal e canto a calquera crítica e información veraz. Como bo desaprensivo, aproveita a situación anómala do aprazamento das eleccións e da disolución do parlamento para evitar calquera control sobre a súa actuación e conduta. Os galegos e galegas non só estamos confinados pola COIVD-19, senón que tamén temos confinados a nosa representación e os nosos dereitos. Mais venceremos o virus e teremos futuro, sempre que non sigan decidindo por nós.

Comentarios