Opinión

Emigración, unha desfeita para Galiza

Apreocupación e gravidade do novo ciclo migratorio galego levou a Vía Galega a activar unha campaña de concienciación e denuncia, baixo o lema non emigramos, expúlsannos. Promovéronse palestras para debater sobre o tema, concentracións simultáneas en 40 localidades e estase propiciando o debate de mocións nos concellos, co obxecto de que a Xunta promova políticas que paralicen as súas causas e execute as medidas necesarias que aseguren traballo digno na Terra para todas e todos e o retorno das persoas emigradas.

A emigración galega é unha realidade estrutural de natureza económica e política. Cuxas causas beben da falta de soberanía e da condición periférica e dependente da nosa economía. O sometemento colonial reservounos o destino de sermos provedores de man de obra barata (agora cualificada) fornecedores de recursos naturais e de aforro para producir riqueza e desenvolvemento no exterior. Cuestión que se viu agudizada coa entrada na UE, desmantelando os nosos sectores produtivos básicos e procurando un mercado laboral en función dos intereses do capital transnacional e das grandes potencias económicas.

O devalar demográfico e o avellentamento da poboación galega explícase pola emigración dos galegos e galegas durante máis de dous séculos. Galiza perdeu máis dun millón de habitantes no século XX. En 1900 a poboación galega representaba 10.6% do total do Estado Español e hoxe só 5.7%. O saldo vexetativo nos últimos 40 anos é negativo. A emigración contribuíu ao subdesenvolvemento económico e pon en dúbida un futuro de benestar como país, malia as nosas potencialidades produtivas e atesourar un territorio con gran riqueza e recursos naturais. Produce desintegración familiar e falta de estima colectiva. Un drama persoal, nacional e social.

A falta de poder político propio e a entrega constante do Goberno galego a intereses foráneos, sempre favorábeis á oligarquía española, contribuíu abertamente á nosa emigración. Arrasou cunha parte importante da nosa base produtiva, desmantelou os sectores básicos da nosa economía (agro-gandeiro, marítimo-pesqueiro, construción naval...) espoliou os nosos recursos e continúa liquidando o, xa feble, tecido industrial. Todo isto destruíu emprego, agrandou as desigualdades sociais e pretende arruinar o noso futuro, no canto de crear riqueza e benestar social. Acrecentou a precariedade laboral con salarios de miseria, contratos a tempo parcial, temporalidade extrema e unha super-explotación abominábel. Se a isto se lle suma a carencia de políticas sociais e uns servizos públicos deficitarios, damos coas causas reais que condenan a nosa mocidade á emigración. A ausencia de traballo digno e xustamente remunerado é o que impide un futuro laboral estábel para que a mocidade realice o seu proxecto vital no seu propio país.

Estas son as verdadeiras causas que explican que desde o ano 2008 ao 2017 emigraran desde Galiza 300.000 persoas, das que 79.529 son mozos e mozas de 16 a 29 anos que se viron expulsados por falta de saídas laborais e que declaran non ter intención inmediata de volver ante a falta de perspectivas de futuro en Galiza. Trátase dunha mocidade cualificada profesionalmente, moita con titulación superior, que a sociedade galega se esforzou, cos seus recursos e impostos, en formar. Agora, o seu coñecemento é transferido, produce e coadxuva ao avance e desenvolvemento doutros territorios e estados, no canto de redundar na Galiza.

Esta emerxencia nacional necesita dunha firme vontade política para enfrontala. Vontade da que carece a Xunta de Galiza ao votar o PP en contra, tanto no Parlamento galego como en diferentes concellos, a moción que sobre a emigración está promovendo Vía Galega e que contou cos votos favorábeis do resto dos grupos parlamentares. Non se pode entender a emigración galega nin buscar remedio para a súa eliminación estrutural se non somos conscientes da nosa dependencia e subordinación e de que necesitamos de soberanía para obrar, decidir e lexislar en interese propio e rematar así con esta sangría para Galiza

Comentarios