Opinión

O dereito a sermos nós

A xestión e as decisións políticas sobre a pandemia evidenciaron e fortaleceron a estrutura centralista do Estado. A carencia de capacidade política de Galiza vese acrecentada pola actitude de submisión e entrega de Feixoo ao poder central. O seu papel baséase en gobernar en función dos intereses da oligarquía española cunha práctica política propagandística e fraudulenta, póndose de perfil ante as graves consecuencias producidas pola Covid-19, cando non lexislando para facilitar espolio dos nosos recursos e acentuar a nosa dependencia colonial.

Asistimos a todo un deseño para perpetuar a nosa dependencia e ser fornecedores de materias primas, aforro, recursos naturais e enerxía. Así, constatamos como a transición enerxética en Galiza, ao non ser precedida de ningún plan nin de mediadas alternativas, leva aparellado o desmantelamento dunha parte importante da nosa industria, a destrución de emprego e condena comarcas enteiras a un ermo. Galiza continúa a ser considerada un negocio para as multinacionais que, agora, optan por inzar os nosos montes de parques eólicos para incrementar o seu lucro e levarse o excedente económico que se xera en Galiza. A recente aprobación da Lei de simplificación administrativa... e a aprobación do Plan forestal mostran como o PP actúa ao mandato de intereses económicos devoradores, poñendo todo o noso territorio, as materias primas e os recursos mineiros a disposición da rapina das grandes empresas e acelerando a conversión do país nun eucaliptal.

A españolización abafante, a persecución e a falta de dereitos para o noso idioma e a negación da nosa identidade colectiva procura inocular a idea falsa de que Galiza por si soa non ten futuro. Necesitamos ir acumulando máis conciencia nacional para ir construíndo o proceso de autodeterminación e para poder exercelo. Dereito colectivo fundamental de todas as nacións, recoñecido pola ONU, e que, no entanto, a Constitución do 78 prohíbeo e perségueo.

O noso benestar social pasa por romper as amarras co Estado ( español) que nos oprime e nos somete. Precisamos dispoñer de poder político soberano para facérmonos cargo de todo o que nos incumbe como galegos e galegas, normalizar o noso idioma e cultura; ordenar un modelo económico autocentrado e sostíbel, que complete todos os ciclos produtivos e cree valor engadido, emprego e salarios dignos; desenvolver as fortalezas do rural cunha política agraria de noso, apostando pola soberanía alimentar e un monte con futuro; dispoñer dos nosos recursos e da enerxía que producimos; dotármonos dun modelo fiscal e de financiamento propio; crear un sistema bancario galego e público; gozar dun ensino, sanidade e servizos sociais públicos e de calidade; frear a perda de poboación e rematar coa emigración.

Durante estes meses, Vía Galega realizou en diferentes vilas e cidades actividades orientadas a intensificar a conciencia nacional, a reforzar a estima colectiva e a asentar a idea de que a soberanía política é imprescindíbel para desenvolver as numerosas potencialidades que posúe Galiza e lograr unha sociedade máis igualitaria e xusta. Mais, tamén, para combater a falacia de que somos un país subsidiado e sen futuro. Esta campaña, desenvolvida baixo o lema de “Galiza nación. Un pobo con dereitos”, naceu da necesidade de contrarrestar as permanentes agresións e agravios de todo tipo que padecemos diariamente como pobo. Xunto con outras iniciativas, Vía Galega promoveu 25 coloquios por todo o país; realizou un vídeo e distribuíu miles de folletos para explicar a condición nacional de Galiza e facer un percorrido pola nosa historia. Temos que destacar a estimábel colaboración e participación de persoas referentes da sociedade galega que, mediante a gravación de cadanseu vídeo, expresaron a súa opinión sobre os trazos nacionais de Galiza. Agora, o 18 de abril, pretendemos encher a Praza da Quintana de Compostela. Calquera persoa que se sinta galega e que aspire a unha Galiza libre, con plenos dereitos políticos, terá sobradas razóns para, o día 18, manifestarse da Alameda a Quintana para afirmar que Galiza é unha nación e que temos dereito a sermos nós.

Comentarios