Opinión

O Decreto de Especialidades: un ataque á calidade do ensino e unha aldraxe ao profesorado

O Ministerio de Educación está empeñado en acelerar todo o posíbel o desenvolvemento da LOMCE para poder efectivizar toda unha batería de medidas elaboradas desde unha perspectiva absolutamente letal para o ensino público, o ensino en galego e o traballo do profesorado. 

O Ministerio de Educación está empeñado en acelerar todo o posíbel o desenvolvemento da LOMCE para poder efectivizar toda unha batería de medidas elaboradas desde unha perspectiva absolutamente letal para o ensino público, o ensino en galego e o traballo do profesorado. En Galiza, isto vese agravado por termos un goberno submiso, que o único que lle preocupa é non molestar os designios de Madrid e asumir entusiasticamente todas as súas disposicións educativas, malia que invadan, flagrantemente, as cativas competencias que temos. Se a Consellaría actuase con criterios propios e non subordinados, a aplicación da LOMCE estaría adiada en Galiza.

<"Se a Consellaría actuase con criterios propios e non subordinados, a aplicación da LOMCE estaría adiada en Galiza".

É notorio que o gabinete do ministro Wert utiliza Galiza como campo de experimentación e avanzada para a súa política educativa. Así sucedeu cos currículos de primaria e de formación profesional básica que a Consellaría publicou, unha vez iniciado o curso, limitándose a pouco máis que a traducir os do MECD,  deixando á marxe a nosa historia e cultura e a mínima consideración do que nos conforma como pobo e amosando  un total desprezo polo traballo do profesorado. Continuou coa súa cruzada contra a lingua galega, sen cesar no seu afán de desterrala do sistema educativo como lingua vehicular, malia todos os estudos demostraren que o seu uso social decrece aceleradamente. O combate á normalización lingüística chega a tal cinismo que a consellaría non ten reparo en aplicar o Real Decreto 591/2014, promovido polo MECD, que facilita que haxa alumnado insubmiso ao ensino na nosa lingua e que se lle pague para poder estudar en centros privados, cando o ensino en galego é insignificante e a situación social do noso idioma é verdadeiramente dramática. 

 Agora, continuando co seu ardor de desenvolver a LOMCE, o Ministerio de Educación presenta un proxecto de Real Decreto de especialidades, para estabelecer unha nova regulamentación sobre as especialidades dos corpos docentes  de secundaria que comporta unha afronta á dignidade profesional do profesorado  e á calidade do ensino. Trátase dun proxecto sustentador dos principios neoliberais, exclusivamente mercantís e economicistas, antitéticos aos que deben soster todas as propostas educativas. O propio Ministerio non ten reparo en definir este proxecto como polivalente, flexíbel, rendíbel e eficiente. Terminoloxía afastada dos criterios que teñen que imperar na asignación das materias ao profesorado: especialidade, formación, competencia e cualificación. Non lles preocupa que o alumnado teña a formación máis acaída, senón exclusivamente a súa escolarización. Sabemos que a fraseoloxía  do MECD  encobre precariedade laboral, despedimentos de profesorado interino, sobrecarga de horarios, mobilidade funcional, supresións e desprazamentos. Acrecenta o tempo de expectativa de destino e supón dedicar máis tempo a preparar as clases por non ser especialista. En definitiva, reconversión do profesorado, desprezo pola función docente e desinterese absoluto pola formación académica e científica do alumnado, é dicir, pola calidade do ensino. 

 "Reconversión do profesorado, desprezo pola función docente e desinterese absoluto pola formación académica e científica do alumnado, é dicir, pola calidade do ensino". 

É un proxecto que impón un profesorado “todo terreo”, multifuncional e polifacético, que valla para  todo. Así ao profesorado de Lingua e Literatura Galega e o de Lingua e Literatura Castelá asígnaselle a impartición da materia de Xeografía e Historia, ao de Asesoría e Proceso de Imaxes, Bioloxía; ao especialista na materia de linguas estranxeiras, Lingua e Literatura Castelá; ao de Análise e Química Industrial, Ciencias aplicadas á actividade Empresarial; ao de Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas; ao de Debuxo, Artes Escénicas; ao de Educación Física, Artes Escénicas e Danza; ao de Filosofía, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial; ao de Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía; ao de Xeografía e Historia, Economía, etc. Alén diso, facilita que profesorado alleo aos corpos docentes e sen ningunha garantía de acceso poida impartir linguas estranxeiras. Esta barbaridade pedagóxica e educativa vese acrecentada ao estabelecer que, cando os centros o requiran, se poderán asignar outras materias distintas ás recollidas neste proxecto de real decreto. É dicir, a flexibilidade das especialidades é total. Promove o exercicio da docencia en corpos diferentes ao que se pertenza (o profesorado de linguas estranxeiras do corpo de profesores de educación secundaria (PES) pode impartir na etapa de primaria, o profesorado de PES de linguas extranxeiras, nas ensinanzas de réxime especial; o profesorado técnico de formación profesional pode “realizar tarefas de atención á diversidade, etc)

"Esta barbaridade pedagóxica e educativa vese acrecentada ao estabelecer que, cando os centros o requiran, se poderán asignar outras materias distintas ás recollidas neste proxecto de real decreto. É dicir, a flexibilidade das especialidades é total". 

Estamos ante un proxecto de real decreto que, independentemente do seu contido prexudicial para o ensino público e para o traballo do profesorado, lexisla cuestións cuxas atribucións lle deben corresponder á Consellaría de Educación, afondando así na recentralización, en sintonía coa defensa e   visión dun ensino e dun estado hipercentralizado. Non podemos permitir que, máis unha vez, o conselleiro actúe como un vasalo do Goberno central, no canto de velar por un ensino galego de calidade.

Desde a CIG-Ensino, na reunión que tivemos co Ministro o 5 de novembro, intentamos facer unha fronte común con todas as organizacións sindicais para exixir a retirada do proxecto de R/D de especialidades, mais non foi posíbel porque outras organizacións sindicais non secundaren a nosa iniciativa. Por iso, conscientes das consecuencias que comportaría a aplicación desta normativa, iniciamos unha campaña de resolucións dos centros educativos para exixirlle ao ministro Wert e ao conselleiro de Educación a retirada do dito proxecto, por significar un atentado á calidade do ensino e un menosprezo ao profesorado. Temos que evitar a súa aplicación, pois, do contrario, comprobaremos como decrecen aínda máis os cadros de persoal nos centros, como a maioría do profesorado impartirá materias das que non é especialista sen a formación adecuada, como se resente aínda máis a xa minguada atención á diversidade, co conseguinte prexuízo para o alumnado, nomeadamente para o que necesita maior apoio e reforzo escolar, e como se dificultará e depreciará  o traballo do profesorado.

 Santiago, 21 de novembro de 2014

Comentarios