Opinión

Seis de decembro: nada que celebrar e moito que mudar

O 6 de decembro fixéronse 42 anos da votación en referendo da Constitución Española, que resultou ser o pacto político entre o franquismo, a esquerda española (PCE e PSOE) a oligarquía e o exército, sen desmerecer a bendición da Igrexa católica. Con ela esvaeceu calquera posibilidade de ruptura democrática co anterior réxime. Cabe lembrar que o nacionalismo galego (BN-PG) chamou ao voto en contra. Igual o fixo parte do nacionalismo catalán (ERC) e do vasco (HB e EE). O PNV abstívose. En boa medida, estábase dando cumprimento á frase pronunciada por Franco no discurso de nadal de 1969 cando afirmou: “todo quedou atado e ben atado”, ao referirse á designación como sucesor, con titulo de rei, ao príncipe Juan Carlos.

A Constitución vai sustentar o réxime do 78, construído cos alicerces do franquismo. O aparello do Estado continúa sendo o mesmo. Os corpos represivos (policía e exército) permaneceron coa mesma composición e xerarquías, sen a mínima depuración pola represión e asasinatos cometidos. O poder xudicial mantívose inamovíbel. Isto é o que explica as actuacións e sentenzas xudiciais contrarias ás liberdades democráticas, as que condenan as ideas nacionalistas, perseguen presidentes e encadean consellers por exercer e representar a vontade popular. Unha estrutura xudicial na que abundan os apelidos do franquismo. Por exemplo, dez dos 16 xuíces do Tribunal de Orde Público (tribunal especial cuxo cometido era perseguir e reprimir a loita antifranquista, que en 1977 desembocou na creación da Audiencia Nacional) pasaron a formar parte da Audiencia Nacional ou do Tribunal Supremo. Dun día para outro sufriron unha transformación radical, pasaron de perseguir e condenar o exercicio de dereitos fundamentais a, supostamente, ser garantes dos mesmos.

A Constitución española veu dar carta de naturalidade a que altos cargos e numerosos ministros franquistas continuaran en responsabilidades políticas ou buscaran acomodo nos consellos de administración das grandes empresas ou da banca. Ningún tivo que penar, nin dar conta nin foi xulgado pola represión e as barbaries consumadas.
Podemos afirmar que as razóns que levaron o nacionalismo a rexeitar a Constitución española, contrastadas durante estes 42 anos, continúan en plena actualidade. A constitución nega e impide o exercicio dun dereito colectivo fundamental: o da libre determinación dos pobos (recollido na Carta das Nacións Unidas) afirmando, no artigo 2º, que a “Constitución fundamentase [...] na indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois”. Estabelece a uniformalización do Estado e crea as autonomías para contrarrestar a reivindicación da soberanía política, negar a composición plurinacional do Estado español e, por tanto, as consecuencias políticas derivadas do seu recoñecemento. É a mesma Constitución, que no seu artigo 3.1, estabelece o deber (a obriga) de coñecer o español, mais non o galego. Por se había dúbidas, este ataque ao noso idioma foi ratificado en sentenza do Tribunal Constitucional, ante a impugnación presentada polo goberno do Estado (PSOE), en 1983, contra a Lei de normalización lingüística galega porque estabelecía o deber de coñecer o noso idioma. A Constitución prosegue, así, co maltrato que acompaña ao galego desde hai máis de 500 anos, relegándoo a un status de lingua estranxeira e garantindo só dereitos para a lingua opresora e foránea.

Estamos ante unha Constitución que lle atribúe ao exército a misión de defender a “integridade territorial e o ordenamento constitucional” (artigo 8.1) que impuxo unha monarquía (forma de Estado por natureza antidemocrática) designada polo ditador e que aplicou un sistema económico inxusto e desigual, agravado pola reforma do artigo 135. Unha Constitución que procura a españolización e persegue o dereito á liberdade dun pobo para construír o seu futuro, necesita ser derrubada. Este é o camiño necesario par abrir un proceso constituínte que desemboque na creación da República Galega. Vía Galega e todas e todos os que defendemos, sen retórica nin oportunismo político, a plena soberanía, a autodeterminación, nada temos que celebrar o día seis de decembro, pola contra, moito que rexeitar e mudar.

Comentarios