Opinión

O camiño por percorrer

A falta de soberanía nacional, de capacidade política plena -constante histórica dos últimos cinco séculos- impediunos como pobo emprender políticas transformadoras  e favorábeis ás clases populares e aos intereses de Galiza. A nosa dependencia, en termos económicos e políticos, responde ao deseño que a oligarquía Española e da UE lle ten reservado á nosa nación, mais, tamén, polo papel que desempeñan as elites económicas asentadas en Galiza, que actúan subordinadas ao capital transnacional e a intereses alleos e non en clave galega.

O réxime do 78 -herdanza do franquismo- reafirmou a nosa dependencia colonial e deseñou un mapa autonómico artificial coa pretensión de contrarrestar as ansias de emancipación das nacións do Estado. A autonomía, como é sabido, supón un status político-xurídico outorgado non soberano, tal como se constatou, recentemente, coa usurpación das competencias ás CCAA co mando único durante o estado de alarma e na suspensión da autonomía a Cataluña. A Transición fixou un Estado centralista e monárquico para asegurar a “unidade de España negándolle o dereito de autodeterminación ás nacións que o conforman.

A desaparición da monarquía sería unha oportunidade para a constitución dun Estado Plurinacional

Por iso, todos os resortes do poder e os partidos políticos españois continúan na defensa da monarquía, malia a que se constatou (despois de 40 anos de silencio cómplice das estruturas do Estado e dos medios de comunicación do réxime) a putrefacción e corrupción da Casa Real e a fuxida organizada do rei Juan Carlos I, Xefe de Estado durante 36 anos. Unicamente, o nacionalismo está comprometido en desmantelar o réxime do 78 e abolir a monarquía. As forzas do sistema tratan, a toda costa, de salvagardar un dos alicerces básicos do actual réxime, da súa Constitución e da “unidade de España. Pois, saben que a desaparición da monarquía sería unha oportunidade para a constitución dun Estado Plurinacional, no que se tería que garantir o exercicio do dereito de autodeterminación e a constitución da República Galega.

A nosa dependencia vese acrecentada e agravada por termos unha Xunta de Galiza que renuncia a exercer e reivindicar os dereitos do seu Pobo. Cun presidente  indiferente ante as agresións que sofre Galiza e que se erixe nun dos baluartes do centralismo e da españolización contra os intereses de Galiza (o slogan: Galicia, Galicia, Galicia é só un reclamo electoral dun oportunista e farsante). O vasalaxe ao poder central é permanente, trasladando a mensaxe de que nin temos capacidade nin potencialidades para responsabilizarnos do noso futuro. Esta posición político-ideolóxica condúceo a renunciar a exercer as xa limitadas competencias recollidas no Estatuto (nos 12 anos como presidente da Xunta de Galiza non se transferiu ningunha nova competencia) e a abandonar as súas atribucións, de maneira servil e irresponsábel, na xestión da Covid-19.

A saúde e a educación non é unha prioridade para o PP, nin, sequera, en tempos de pandemia

Agora, clama a Madrid medidas para iniciar o curso, cando dispón de plenas competencias para reducir as ratios e ampliar os cadros de profesorado nos centros, -medidas, entre outras, imprescindíbeis para a protexerse do virus. Mentres, a Consellaría de Educación permanece parapetada no autoritarismo, na incompetencia e no desleixo, negándose a pór os medios necesarios que garantan a protección sanitaria da comunidade escolar e a igualdade de oportunidades. O que prevalecen  son os intereses mercantilistas. A saúde e a educación non é unha prioridade para o PP, nin, sequera, en tempos de pandemia.

Precisamos dun status político de plena soberanía nacional para dispoñer dos nosos recursos e riqueza en beneficio do Pobo Galego. A Covid-19 agudizou a necesidade doutro modelo económico e social, alicerzado no dereito universal a uns servizos públicos e de protección social; no dereito ao traballo digno na Terra; nun desenvolvemento económico sostíbel, centrado nos nosos intereses e na nosa base produtiva; nun sector público potente; nunha banca pública galega e nun sistema e fiscal e financeiro soberano que garanta un reparto da riqueza e o benestar social. Este é o camiño que para Vía Galega hai que percorrer para enfrontármonos ás graves consecuencias económicas e sociais da pandemia. Feixoo deambulará polos camiños de sempre: terxiversar a realidade e saldar Galiza con total submisión.

Comentarios