Opinión

Antes un espolio, agora unha universidade privada

A subordinación do Goberno Galego do PP ao capital financeiro lévao  a autorizarlle ABANCA a creación da "Universidad Intercontinental de la Empresa”. A primeira universidade privada en Galiza. Este contubernio remóntase a cando o goberno do PP rescata con 10.300 millóns de euros de diñeiro público a NovaCaixaGalicia para bancarizala e obsequiarlla, en 2014, por só 900 millóns de euros, ao grupo venezolano Banesco. Un verdadeiro espolio para un grande negocio. Entregábanse os forros dos galegos e galegas  ao capital foráneo, no canto de optar por crear unha banca pública galega. Aquela estafa  converteuse nun grande negocio para a ABANCA. No primeiro ano superou o  prezo de compra, obtendo unhas ganancias de 1.157 millóns. Os beneficios netos desde o ano 2014 suman 3.382 millóns de euros. A luz destes datos, todo indica que os vasos comunicantes entre e Feixoo e a ABANCA gozan de boa saúde. Mentres, o goberno Feixoo someteu á universidade pública a un financiamento raquítico, que derivou en falta de recursos e medios, en recortes na investigación, en menos profesorado, maior precarización e nunha oferta insuficiente de mestrados e graos.

Estamos ante unha decisión política-ideolóxica mercantilizadora e españolizadora  e  de grande calado clasista. O PP abriu  veda para que a oligarquía e o capital transnacional cree os seus propios centros, baixo o dogma neoliberal, para  formar unha elite dirixente que domine e controle o actual sistema económico-social e administre as súas empresas, bancos e negocios.

O dereito fundamental á educación  e a igualdade de oportunidades só o pode garantir a universidade pública. Este dereito é incompatíbel, por natureza e principios, coa universidade privada, que basea a súa existencia na selección económica do seu alumnado e procura, exclusivamente, o interese de clase e o lucro económico. O seu obxecto é reproducir e apuntalar, en conexión co poder político, o actual sistema económico e social inxusto e desigual. A universidade privada amparase no artigo 27 da Constitución e na Lei Orgánica 6/2001 de Universidades do goberno Aznar, sen que ningún goberno do PSOE e agora do PSOE-Podemos emprendera acción algunha para impedir, ou polo menos acoutar, a creación de universidades privadas. Foi o Real Decreto 557/ 1991, aprobado polo PSOE, o que acelerou a entrada directa do capital no negocio do ensino superior. Das catro universidades privadas que había en 1990 no Estado Español pasouse ás 33 da actualidade, dun total  de 83 entre públicas e privadas. Nos últimos 25 anos, os centros privados  de ensino superior multiplicáronse por oito no Estado Español. En Galiza, dos 80 centros que conforman o Sistema Universitario Galego ( SUG) oito son centros privados que están adscritos a unha das tres universidades.

A ofensiva neoliberal de  mercantilizar e privatizar o ensino superior afianzouse coa conformación do Espazo  Europeo  de Educación e reflíctense nas directrices da UE. Hoxe, son moitos os  mecanismos que dificultan ou impiden as clases populares acceder a universidade ou cursar os estudos do seu interese. Así, mentres que para acceder a diferentes estudos no SUG se necesita unha nota alta na selectividade nas universidades privadas non hai nota de corte. Por exemplo, este curso, para estudar  medicina no SUG necesitouse unha  nota de 12,75 na selectividade. No entanto, desembolsando entre 12.000 e 20.500 euros de matrícula, pódese cursala en 12 universidades privadas do Estado, nas cales non hai nota de corte. O mesmo sucede coa reducida oferta na SUG do mestrado de Formación do Profesorado. Só se ofertaron 775 prazas para 3.300 solicitudes. Alternativa, matricularse nunha universidade privada do estado previo pago dunha matrícula que oscila entre 5.000 e 8.000 euros, cando no SUG o coste é de 595 euros.

A universidade de ABANCA vén cargada de ansia españolizadora. O galego queda excluído e nin sequera fan uso del para denominarse. Non nace con  vontade social nin de servizo a Galiza, senón para protexer aos intereses dunha elite e agrandar o seu lucro e os  seus negocios. Non precisamos universidades privadas para ricos. Galiza necesita un sistema universitario plenamente galego é público ao servizo das clases populares e dos intereses e necesidades da sociedade galega. Para iso, fai falta un marco político de plena soberanía nacional. Empeño  polo que se move Vía galega.

Comentarios