Opinión

Rosalía Ferrín Reboiras

Tres pés poderosos e brillantes nos que asenta sen abalar o proxecto comunal e aberto dunha Galicia ceibe

Estaba vendo estoutro día en Imo, coma outros veciños de Dodro, o documental Reboiras. Acción e corazón de Alberte Mera e non puiden evitar facer mentes de Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín de Manuel Forcadela, que a Fundación Rosalía de Castro proxectou no seu auditorio o pasado 6 de marzo nun acto de humilde e encuberta homenaxe ó político e escritor ourensán. As de Forcadela complementáronse con outras imaxes que querían agradecer o apoio histórico, pasado e presente, que Ferrín lle brindou á Casa de Rosalía e os seus vínculos coa nosa escritora, con Padrón e coa Terra de Iria, esa que agrupa a vida económica e social dos concellos e freguesías a unha e outra banda do Ulla derradeiro, pasando por riba dos farrapos de gaita, como fixo Rosalía ó cantala, tódalas falsas fronteiras provinciais inventadas na metrópole.

No auditorio ateigado de persoas de moi diversa procedencia vimos un mociño Ferrín na inauguración en 1957 da estatua de Rosalía no Espolón, un acto de masas e antifascista con Otero Pedrayo de alicerce que se repetiu no 1958, coa coroación de Cabanillas. Tamén vimos o seu carné de socio da Fundación de 1977, agora renovado como Amigo da Casa de Rosalía, ou a súa colaboración na revista Follas novas cun artigo sobre Siervo libre de amor, texto de Juan Rodríguez del Padrón que Murguía recuperara en 1862. Pola súa banda Xosé García Lapido lembrou a colaboración de Ferrín coa AC O Sacho e María Bentrón ilustrou a liña que conecta o Espiral independentista dos anos oitenta co da actual mocidade. Polo medio, a Escola de Gaitas de Vilafranca e a Banda de Gaitas As Portelas de Lubián (nada de Seabra) irromperon no auditorio rachando tamén farrapos e fronteiras para que entrase na Casa de Rosalía esoutra Galicia arraiana, tantas veces silenciada e negada polos desta banda.

A presenza de Eusebio Lorenzo Baleirón ou de Moncho Reboiras, con imaxes achegadas polos seus irmáns, non sorprendeu: son mozos da Terra de Iria rosaliana ós que tratou Ferrín. Vimos entón a Reboiras en Padrón, no Xardín Botánico, ó pé de Macías o Namorado. Outras imaxes desa xornada eran máis rosalianas. Nunha delas estaba ó pé da estatua no Espolón, nobre escenario, con outros mozos coma Darío Xohán Cabana, Ovido Álvarez de Santamarina, Xosé Manuel Lema, Jei Noguerol e o poeta Maximino Castiñeiras. Noutra estaban os mozos na Casa de Rosalía, naquel tempo comesta das hedras. Indícanos Darío, presente na homenaxe a Ferrín, que foran a Padrón desde distintos puntos de Galicia para asistiren á entrega do Pedrón de Ouro. O que en realidade querían Reboiras, Darío e todos era, ademais da homenaxe a Rosalía, escoitar, outra vez, o discurso de Otero Pedrayo. Era o ano 1970 e aquel Pedrón, o de María Victoria Fernández España, sería decisivo na recuperación, grazas a un apoio diverso e entusiasta, da futura Casa Museo. Non houbo que proxecta-lo vídeo en que Ferrín, en homenaxe a quen fora o seu alumno e camarada, recita o “Reclamo a libertade pró meu pobo”: viña completo no documental de Forcadela.

Agora en Imo penso na nova imaxe de Reboiras: Pepe, o mozo sen bigote, de camisa remangada e chaqueta ó lombo camiña por unha corredoira. Está en Fufelo, aldea do Buxán paterno e que se ve ó fondo con dous canastros que aínda hoxe están de pé. Un palleiro de herba seca e o millo sen pavón da leira indican que estamos a finais do verán. Baixa Moncho Reboiras á festa da freguesía, o Santo Outel de Buxán.

Rosalía de Castro e Juan Rodríguez del Padrón teñen unha xeografía literaria común: a Terra de Iria. El dá o paso do abandono do galego no século XV, mentres que Rosalía avanza no proceso da súa recuperación, iniciado por Sarmiento. Coinciden en varios topónimos. Rosalía menciona Laíño, a parroquia na que naceu e está enterrado Reboiras, e Juan Rodríguez cita os montes de Buxán, onde está tirada a foto. Montes de Buxán que Reboiras coñecía, como sabía polo miúdo o refuxio de camiños e currunchos de Teis, arrabaldo do norte. Montes de Buxán cruzados por cabalos ceibos e estradas nas que Reboiras e Ferrín fixeron xuntos pintadas da UPG. Era unha foto para evocar alí en Imo aqueloutro poema de Heriberto Bens, “Unión do Pobo Galego”: “Porque recollemos do chan o pequeno nove corto / co que soupo morrer Reboiras en combate / e fixemos noso o lume escuro dos seus ollos”.

Rosalía Ferrín Reboiras. Tres pés poderosos e brillantes nos que asenta sen abalar o proxecto comunal e aberto dunha Galicia ceibe.

Comentarios