martes 20/10/20

Rosalía en Cornellà

Chegou á Casa da Matanza o exemplar Certame de poesía Rosalía de Castro (1997-2018) que edita a Asociación Cultural Galega de Cornellà que escolleu o nome da nosa escritora como emblema para si e para o premio literario que vén convocando desde hai máis de trinta anos.

A de Cornellà é unha comunidade galega que mantén unha lealdade extraordinaria á causa da cultura galega e un áxil e vigoroso dinamismo para levala á práctica a través de diferentes iniciativas, algunhas delas en coordinación con outras asociacións galegas de Barcelona e Catalunya, onde se enxertan.        

Detrás da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà hai unha serie de múltiples actividades encamiñadas a fortalecer o peso da nosa cultura na propia comunidade galega e de proxectala no entorno social que lle é propio, o do Baix Llobregat, caracterizado pola emigración, e sempre en alianza coas institucións municipais, representadas sempre nos actos coas máis altas xerarquías. José Montilla, antes de President charnego da Generalitat, fora alcalde de Cornellà e como tal desenvolveu vínculos estreitos coa nosa Asociación. Esta ten o seu grupo de danza e gaitas, coas súas Rosaleiras, ten as súas festas abertas ás outras asociacións galegas de emigrantes, como a de Can Mercader, celebra coma todas o Día das Letras Galegas e, levando o nome que leva, tampouco se esquece de celebrar o Día Internacional da Muller, publica a revista Lúa Nova e ten unha magnífica plataforma que divulga e cohesiona todo este activismo e toda esta lealdade: o programa “Sempre en Galicia” de Ràdio Cornellà, cos incombustíbeis Armando Fernández e Xulio Cougil, que é quen coordina este volume que chegou hoxe ás nosas mans.

O nome que a Asociación escolleu para si non era un capricho ou unha casualidade. Rosalía, como emblema nacional escollido, como muller, como escritora, representaba moi axeitadamente a orientación e o perfil do grupo, unha Asociación Cultural que se di Galega e que forma parte desa Catalunya plural e aberta desde un Cornellà de emigrantes. Claro, Rosalía sempre estivo á beira dos Ulises e das Penélopes da nosa emigración, desde os seus primeiros versos en galego de “Adiós que eu voume” até os derradeiros de “Volved”. Ás veces con espírito crítico, desde logo. Pero foi a épica da emigración, fose transoceánica ou a Castela, a que en boa medida determinou o gran impacto da súa obra. Por iso tamén a emigración correspondeu, ás veces moito máis que no propio país, esa dimensión nacional e social das páxinas da escritora. De La Nación Española do padronés Manuel Barros en Buenos Aires ou da colonia galega de La Habana chegaron a esta Casa da Matanza os apoios económicos que Rosalía recibiu por derradeira. E cómpre neste paso tamén lembrar que foi Catalunya un territorio realmente amigo da nosa autora. E en vida dela. Alí, na forza da Renaixença, axiña foi traducida ao catalán e considerada moi positivamente a súa obra e a súa figura.

Hoxe chegou un libro que cremos relevante. Non fai falta máis que ve-la nómina de gañadores do Certame de Poesía para nos decatar da importancia e do impacto que este premio ten na historia da poesía galega contemporánea. Velaí un rico e moi diverso ramallo de poetas que maiormente viron a luz primeira mediante este premio e que en numerosos casos foron consagrados, como poetas ou mesmo como narradores, pola crítica. Na nómina non faltan, e non é por casualidade, aqueles que coñecen ou coñeceron a diáspora. Deste xeito a publicación resulta ó final unha singular e máis ca interesante antoloxía da poesía galega das últimas décadas.

Está por escribir a profunda pegada que a emigración galega, a de todo o mundo e deica os nosos días, tivo no proxecto de emerxencia de Galicia, da súa lingua, da súa cultura e do seu proxecto de emancipación iniciado no século XVIII. Pero cando ese traballo necesario se faga, un capítulo de relevancia vaino merecer a emigración galega en Cataluña e especialmente a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro.

Hoxe chegou un libro. Con el viñeron desde Cornellà os aires da nosa terra perdidos e recobrados entre algúns dos refachos poéticos que afagan, feren e moven o mundo.        

comentarios