Opinión

Retorno a Muxía

Cando no 2013 celebramos os 150 anos de Cantares gallegos, Muxía sumárase con decisión. Cumpría lembrar, e así se fixo, o poema da Virxe da Barca e a presenza de Rosalía de Castro na vila mariñeira para asistir á famosa romaría en 1853. Nesta ocasión retornamos a Muxía para dedicarlle unha xornada completa a “Rosalía na Costa da Morte”. Fixémolo cadrar no 31 de outubro, para celebrar tamén o Día das Letras Galegas neste ano infortunado. Era un día de outono chuviñento e frío e as condicións sanitarias, como se sabe, ben adversas. E aínda así resultou unha xornada verdadeiramente memorable.

E foino en primeiro lugar grazas a Xulio Castro, director do Parador da Costa da Morte, que nos acolleu para a celebración e nos deixou unha sala realmente privilexiada para o noso acto: ao pé, a praia de Lourido; perto, a furna da Buserana de López Abente; alá lonxe Muxía, entre a Camposa e o Corpiño, e mailo célebre santuario; aquí e acolá o mar, o bravo mar que roxe e roalla agre, coma no bayroniano poema a Sir John Moore. Non podía haber mellor localización para falar de Rosalía na Costa da Morte e en Muxía. Alí estaba a Virxe da Barca e, sobre todo, a xeografía e a paisaxe de La hija del mar. Manuel Vilar, que estaba na súa terra, situounos no contexto histórico da visita de Rosalía a Muxía para participar na popular romaría en 1853. Recentemente soubemos, grazas ás investigacións de Anxos García e Quique Sanfiz, que a outra romaría popular que aparece en Cantares, a de “Se a vernos Marica natronte viñeras”, é a do Seixo de Mugardos, que seguramente Rosalía tamén coñeceu. Vilar indagou na saga dos Abente, que acolleron aquela moza padronesa e súa amiga, deles familiar, Eduarda Pondal Abente. O percorrido histórico e social que se nos proporcionou, acompañado de imaxes, enriqueceu enormemente a idea que tiñamos daqueles anos e destas terras, non só de Muxía. Pola súa banda, María López Sández explicou a paisaxe hostil de La hija del Mar, aquela que estabamos vendo, á luz das principais correntes artísticas e intelectuais do século XIX. A paisaxe, como María que é experta no tema nos explicou, é unha poderosa construción cultural que lle afecta desde logo fondamente tamén á construción da identidade, algo no que as achegas de Rosalía foron decisivas. E, como non, en Muxía non podiamos esquecer, falando de mar e de paisaxe, o desastre do Prestige e Nunca Máis.

Recentemente soubemos, grazas ás investigacións de Anxos García e Quique Sanfiz, que a outra romaría popular que aparece en Cantares, a de “Se a vernos Marica natronte viñeras”, é a do Seixo de Mugardos, que seguramente Rosalía tamén coñeceu.

O día non levantara de todo pero permitiunos, guiados pola man mestra de Xurxo Souto, a partir do lugar no que Rosalía fixera noite, pisar as rúas e prazas da Muxía festeira e musical, con especial evocación de Pazos de Merexo. Non faltaron as axudas de Viki Rivadulla e Lupe Blanco. E Xurxo rematou no privilexiado cume do Corpiño, ó que Rosalía chama en La hija del mar Peñón de la Cruz, “gigante que resiste las tormentas”, berrando coa buguina: Que brúe a Buítra! Despedímo-la xornada con música e poesía en homenaxe, na voz e no talento de homes e mulleres da Costa da Morte: Miro Villar, Rosalía Fernández Rial, Estevo Creus, Concha Blanco, María Canosa e Rafael Lema. Belém Tajes, saudando o faro de Camariñas, púxolle un ramo espléndido a todo. Loxicamente non houbo moito público pero a xornada puido levarse adiante sen problemas e ó noso xeito celebramos tamén o Día das Letras Galegas. Virán outros anos, sen dúbida, máis favorables.

Era xa ben noite. Moitos dos alí presentes marchamos pensando en volver, nunha reedición anual da xornada. Abríranse as portas para moitas novas indagacións. Sobre a consideración histórica da Virxe da Barca, que aparece antes ca en Rosalía en Sarmiento (como non?) ou en Pintos e logo despois en Gonzalo López Abente. Sobre a visión da mesma paisaxe que este parente dos Pondal e o propio Eduardo nos ofrecen. Sobre as embarcacións tradicionais de Muxía e da Costa da Morte. Que lanchas e que botes eran aqueles tan ben portados e con aparellos de festa? Como evolucionou a pesca e a náutica da Muxía de La hija del mar aos nosos días? Acaso Eduarda Pondal e Rosalía chegaron a Muxía por mar nunha destas embarcacións desde a Ponte do Porto?  A algúns, incorrixibles, xa se lles pasou pola cabeza facer esa travesía a vela e arribar á Praia das Lanchas no vindeiro, e xa agardado, retorno a Muxía.

Comentarios