Opinión

O Picaraño

Cando a Fundación Rosalía de Castro iniciou a súa campaña para recuperar o modelo comunal e colaborativo asociado á xénese da institución e da Casa de Rosalía en pleno franquismo, un dos primeiros concellos que se quixo sumar ó proxecto foi o de Entrimo. Do mesmo xeito có de Tomiño, xa colaborara na causa común rosaliana en 1971. Chama poderosamente a atención que os primeiros concellos en da-lo paso nesta nova xeira sexan estremeiros: un da estrema miñota e outro da limiá. Eles foron os pioneiros. No caso de Entrimo, ademais, como único representante de Ourense, diocese e provincia.

O caso é que cando o señor alcalde de Entrimo se achegou á Matanza para facernos unha visita institucional e formalizar o seu apoio, entregounos como agasallo o primeiro número de O Picaraño, unha publicación local que acababa de ver luz en decembro de 2018 e que recuperaba unha cabeceira de había cen anos. De primeiras intrigounos o nome. O picaraño é apeiro de labranza e ferramenta propia de carboeiros. De parroquia en parroquia, a onomástica dos apeiros organízase en sistemas familiares, pero distintos. O picaraño, formado sen dúbida a partir dun nome e dunha ferramenta ben estendida como é a picaraña (este tamén é nome de diferentes aldeas de Galicia), non frecuenta os dicionarios, fortuna similar á de picocha ou espiocha, da súa mesma familia. En todo caso, o nome da revista hai que pólo á beira doutros que buscaron nos apeiros unha simboloxía de inscrición social e política. Lembremos desde logo A Fouce, pero tamén O Sacho.

Entrimo foi pioneiro en apoiar a campaña para recuperar o modelo comunal e colaborativo da Casa de Rosalía

Aquel periódico fundado por Vicente González en 1909, un americano retornado a Entrimo, que se autodeclaraba na portada dalgún dos seus números como “Periódico Republicano Radical Revolucionario”, que era anticlerical e anticaciquil, é agora unha ferramenta para a esperanza, un berro, como se di no editorial do seu primeiro número, un aturuxo contra o proceso de desintegración que desde hai décadas vive Entrimo e todos estes concellos limiaos e arraianos, que é o mesmo có de boa parte de Galicia: “O herdo dos nosos devanceiros non pode ser outro que darnos valentía para escribir estas páxinas coas que conseguiremos transmitir ese sentimento común que asegura a supervivencia de Entrimo. Mocidade, nova e vella! É tempo de faernos fortes”.

Tivemos a fortuna de colaborar no número 7 e de acudir á presentación do número 8 deste novo Picaraño. É realmente digno de admiración o esforzo que están levando adiante un grupo de mozos e mozas de Entrimo, con formación e inquedanzas: Reis Rodríguez, Cristian Oliveira, Alva Ferreira e Xoana Domínguez. A historia, a socioloxía, as tradicións, a creación literaria..., en todos estes ámbitos traballa O Picaraño. Mentres, ó pé do campo da feira da Terrachán, ouvíase o francés dos emigrantes que regresan no verán, o mesmo de Crasto Laboreiro, entre o galego que asobía de cociña en cociña, de casa en casa, desde as máis fondas de Aceredo e Buscalque, en tódalas hortas de ameixoeiras e en tódalas laxes de montes e vieiros. Mentres un documental feito en París nos levaba polos camiñiños entre o millo das veigas da freguesía da Illa, fomos acordantes daquel luminoso ascenso á Pena de Anamán que Lidia e Sebastião fixeran, entre vacas piscas ou cachenas, desde Queguas, polas páxinas d´A Trabe de Ouro arriba. Na proxección sentimos lonxe a concertina de Sindo de Olelas, que puxeran a flote Xurxo Souto e Pedro Pascual. No medio da calor do verán evocamos a auga fresca e limpa das pozas e pozos do Pacín, do Agro e do Barcia. E non faltou o lobo nin o seu aire no relato destes mozos que nun pequeno mural que nos mostraron no interior do Concello inscribiron os perfís de Rosalía no mapa de Entrimo. 

A vida regresa firme a Entrimo con cada número d´O Picaraño. É o que se sente nas penas do Quinxo

O vello Picaraño desapareceu ó pouco de nacer cando Vicente González tivo que exiliarse fuxindo do caciquismo dos Bugallal. Pero este permanecerá. Estes mozos e mozas, donos de Rosalía e do aire do lobo que leva impreso o seu novo Picaraño, son quen nos devolven a vida co seu aturuxo limpo, co seu ouveo esperanzado.  

Si, a vida regresa firme a Entrimo con cada número d´O Picaraño. É a mensaxe que se sente nas altas e escuras penas do Quinxo, escoitámosllo decer ós piñeiros da Cabeza da Vella, dínolo o mar bravo das uces de Anamán.

Comentarios