Opinión

No nome da nai

Os documentos que acabamos de coñecer grazas ó labor investigador de Sagrario Abelleira testemuñan, por fin e ben claro, que a Galicia de Rosalía de Castro é unha nai solteira. 

Teresa de Castro, ós seus trinta e oito anos e polo tanto maior de idade, veciña da vila de Padrón, o día tres de xuño de 1843, definitivamente diante de todos nós di: Que o día 23 de febreiro de 1837 dei a luz unha nena e que lle encarguei a María Francisca Martínez, da freguesía de San Xoán do Campo, que levase a pícara ó Gran Hospital de Santiago para que fose bautizada solemnemente, como así fixo José Vicente Varela y Montero, póndolle os nomes de María Rosalía Rita. Que o propio día do bautismo, que foi o 24 de febreiro, María Francisca recolleuna co meu coñecemento para póla en aleitamento no colo dunha tal María, da aldea do Santo, freguesía de San Xoán de Ortoño, onde estivo seis meses, ó cabo dos cales regresou á miña compaña, na que permanece. Que a recoñezo como filla natural para que poida usar do meu apelido e gozar das vantaxes establecidas por dereito e para que teña tódalas consideracións que as leis lle conceden e non sexa prexudicada nas que lle corresponden.

No nome da nai temos diante, por fin, a aclaración de dous datos biográficos de extraordinaria relevancia, tanto dela como de Rosalía, recoñecida como filla de nai solteira. O primeiro é moi importante porque afecta a unha cuestión simbólica de relevancia dado que a partir do día do nacemento edificouse nos últimos anos unha celebración de referencia como é o Día de Rosalía, consolidada a tódolos niveis: na rúa e na escola. Temos claro que cómpre celebrar a Rosalía, estámolo facendo de múltiples e creativas maneiras, pero agora temos que acordar cando celebramos o Día de Rosalía e desde logo ter en conta este dato irrefutábel: naceu o 23 de febreiro. Xa se podía deducir. É o día que figura no Diccionario de escritores de Murguía, o día que ela mesma asina Follas novas... Pero agora temos a confirmación inequívoca.

O outro dato biográfico non ten este tipo de impacto, pero si é de extraordinaria envergadura para a visión xeral de Rosalía e de Teresa de Castro. Desde que se documentara que vivían xuntas no ano 1842 e logo dos traballos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, fora totalmente cuestionada tanto a crianza de Rosalía coa suposta familia paterna en Ortoño, como o abandono causado pola “desnaturalizada” nai. En dous documentos do Arquivo da Fundación, hoxe accesibles tamén dixitalmente, xa nos dicían Ángel Baltar e Xosé Hermida que Rosalía se criara con súa nai na casa da Rúa do Sol, onde o sabio Bouza Brey ordenou pór unha placa conmemorativa en 1963. A casa xa non é a mesma, pero os versos permanecen e recobran estes días toda a súa verdade: “Inda vexo onde xogaba / cas meniñas que eu quería, / o enxidiño onde folgaba, / os rosales que coidaba / i a fontiña onde bebía”. A Rosalía criada lonxe da nai e educada na universidade das lareiras de aldea, onde aprendeu galego, a vida dos labregos e os cantares populares, acabouse definitivamente. Coma se houbese que desposuíla da súa condición fidalga herdada da nai para ser entendida, coma se houbese que pasala polo bautismo aldeán para ser explicada. Polo tanto, Rosalía de Castro criouse con súa nai, que a protexeu e que velou moi positivamente pola súa formación e educación. Rosalía aprendeu galego con súa nai, nas lareiras dos pazos da Arretén e da Hermida e en Xoán Rodríguez, na casa e nas rúas da vila de Padrón, á beira do Sar. Con súa nai solteira aprendeu de rapariga “as cantiguiñas” que quedan para sempre impresas con “biquiños xuntamente”. E con ela aprendeu pola outra banda que todo pasa, que así o mundo vai rolando, tamén as risas, os cantos e a harmonía, as brandas músicas e o contento, mentres chove miudiño por toda a Terra de Iria. Con súa nai aprendeu a vida do pobo, en Padrón, no Liceo de la Juventud de Compostela e en Madrid. E aprendeu en por ela, pero no nome na nai, a vida dos orfos e dos excluídos, dos que non teñen nada, e sobre todo, a vida das mulleres, tanto das que resisten en soidade e pobreza, como das que se botan a escribir e a pensar na independencia, na liberdade e na igualdade.

A porta aberta leva a novas portas. Cómpre seguir. De momento, materno en aloumiño, un bico de case douscentos anos no nome da nai.

Comentarios