Opinión

Letras no mar

Por moitos motivos foi este 17 de maio un Día das Letras Galegas distinto, pero aínda que fose dun xeito virtual, Galicia volveu celebralo. E é que o 17 de maio, sexa festivo, cadre en domingo e en estado de alarma, independentemente de a quen se lle dedique, ten un vigor social extraordinario que se manifesta de múltiples maneiras e dun xeito descentralizado, participativo e libre. Ó final a data transfórmase nunha especie de Festa Nacional da Cultura.

A Fundación Pondal, todo un exemplo neste sentido, celebra unha semana enteira de actos no Couto, en Ponteceso: o Festiletras. Unha pequena aldea, e leva varias décadas facéndoo, convértese nunha auténtica capital: música, conferencias, libros, recitais... O ano pasado, ademais, o Festiletras acolleu algo novidoso: media ducia de dornas remontaron a vela o río Anllóns en homenxe a Pondal e a aqueles seus náuticos versos: “De bolina, tesa a escota / que os ventos subiar fan”. O marabilloso teatro xeográfico pondaliano erguido no esteiro do Anllóns, desde as dunas e as xunqueiras ó alto do Monte Branco, conmoveu ós participantes e ós espectadores daquelas velas de relinga que regresaban a Ponteceso e arribaban ó pé da casa do inmortal poeta.

Foi esta unha homenaxe inspirada na “Inchadiña branca vela” que organiza a Fundación Rosalía de Castro xunto coa A. C. Dorna da Arousa. Precisamente a A. C. Dorna vén celebrando desde hai décadas o Día das Letras Galegas moi ó seu xeito cunha xornada denominada “Letras no mar”. Nela, desde a primeira hora da mañá, as gaitas e as danzas da Asociación alegran a ribeira do Xufre e a do Chazo. É frecuente que durante os actos haxa algún bota-abaixo de embarcacións tradicionais e presentación de libros a bordo do galeón Rei do Mar, espazo fundamental da conmemoración. As actividades rematan coa primeira travesía do ano, normalmente realizada no citado galeón de dous mastros, na lancha xeiteira Nova Marina e na dorna de tope Peza de Rabo, embarcacións tradicionais que xunto con varias ducias de dornas a Asociación da Arousa, ano a ano e sen axudas, se esforza por manter. A data marca o inicio dunha nova tempada de navegación. Este ano, loxicamente, foi distinto. Pero a A. C. Dorna, aínda que non se navegase, non esqueceu celebrar, como puido e virtualmente, o Día das Letras. É unha data profundamente interiorizada e asimilada a unha múltiple reivindicación con tres elementos fundamentais, como pode acontecer en Ponteceso ou en Celanova (Raigame): lingua, literatura e cultura. Agora ben, na Arousa toda esa reivindicación está orientada cara ó mar, cara a reivindicación desa parte da nosa cultura xeralmente excluída e descoñecida, a cultura náutica e mariñeira galega: “Letras no mar”.

Foi amplamente chorado estes días polos que aman o mar de Galicia o sueco Staffan Mörling, de Navia á Guarda, con parada central en Ons. E ben, é a xente da Guarda a que nos deu unha especial sorpresa coa súa celebración deste 17 de maio. Xa nola dera no verán de 2019 organizando o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Alí se presentou todo un milagre da cultura galega contemporánea: o Piueiro, un volanteiro, embarcación que na Poba irmá da Guarda (Pôvoa de Varzim) é lancha do alto e que desaparecera da ribeira guardesa hai cen anos, varada nas fotos máis antigas. A Asociación O Piueiro púxolle proa á construción comunal desta nave extraordinaria, que é memoria secular de todo un pobo. O memorable bota-abaixo fíxose na ribeira do Miño, no porto da Pasaxe de Camposancos, onde se botara tamén o Constantino Candeira de Manuel Antonio. Por riba dos problemas destes tempos, os do Piueiro quixeron tamén celebrar o Día das Letras Galegas. Foi verdadeiramente emocionante ve-la tripulación drizando o pano xigantesco ó son da Marcha do Antigo Reino de Galicia. A medida que a verga gabeaba polo mastro foi descubríndose, ben cumprida e próxima ó penol, a figura de Rosalía de Castro e o lema “Eu son libre”.

Este 17 de maio será lembrado por moitos motivos. O Piueiro, referente dos nosos días dese esforzo comunal por pervivir que levamos ó lombo desde Sarmiento, quere navegar polos mares do mundo acompañado do grande emblema das nosas letras e de todo ese proceso nacional que é camiño cara á liberdade. Navegarán xuntos. O Piueiro e Rosalía berrarán a onde vaian “Eu son libre”. Todo un exemplo, desde o mar.

Comentarios