Opinión

Ferve o pote

Acaba de saír do prelo Rosalía e a cociña de Xavier Rodríguez Baixeras, un escritor de dilatada e recoñecida traxectoria como poeta, brillante entre a denominada xeración dos 80, e como tradutor, ponte magnífica entre Galicia e Cataluña e aínda con Italia. Por outro lado, ademais da súa edición crítica de Cantares gallegos, Baixeras leva tempo visitando desde diferentes camiños a cultura gastronómica de Galicia, seguindo así un ronsel que vén de lonxe e que ten en Álvaro Cunqueiro un faro de coñecida referencia. Ademais de ir debullando a cociña galega na obra da padronesa, o volume inclúe ilustracións históricas e numerosas receitas de varias especialidades culinarias e mesmo un menú rosaliano, “enxebre e farto”, como nos di o autor.

Dentro do que é a propia Casa de Rosalía, a cociña, coa súa lareira e o seu forno, debe forzosamente considerarse un espazo especialmente relevante, porque relevantes tamén son as páxinas dedicadas por ela á cultura gastronómica popular galega. Rosalía, tamén neste aspecto, está na liña iniciada por Sarmiento. No Chan da Parafita das primeiras páxinas do Coloquio o pobo traballador de homes e mulleres e meniños recréase na xuntanza aberta e libre arredor dunha merenda. Máis de cen anos despois, Cantares gallegos comeza tamén cunha nutrida enumeración: zonchos, bolos do pote, proia, papas con leite, sopas con viño, torradas con mel, patacas asadas... A acumulación é similar á do poema da vella que se fai a xorda para cear un algo e quentarse, onde o repertorio gastronómico se fai especialmente farturento: dos callos ás papas de arroz. Sarmiento e Rosalía empeñáronse en dignificar, fronte ós desprezos e insultos que viñan da literatura española (e tamén portuguesa), tanto a lingua, como a paisaxe e cultura galegas, incluíndo desde logo a gastronomía. Contestan nisto, por así decelo, aquel “papas de mijo en cuencas de madera” e cousas polo estilo de Góngora. 

Dentro do que é a propia Casa de Rosalía, a cociña, coa súa lareira e o seu forno, debe forzosamente considerarse un espazo especialmente relevante

Pero a cociña e o gastronómico ten aínda outras orientacións e aproveitamentos na nosa autora, nunca allea á dimensión social e política da literatura. A mata e maila “proba do porco” están descritas con primor no poema de Vidal. Agora ben, a súa inevitable dimensión costumista (nun conto en oitavas reais!) agranda aínda máis a fonda carga política do poema contra a exclusión social dos que non teñen nada, dos que non son propietarios, e ilumina a radiografía social da aldea que executa Rosalía e que desmente calquera idealismo: nela tamén hai clases. 

E nisto ten tamén un protagonismo especial a muller. Non a muller do feminismo clasista, non: a muller que é meniña gaiteira ou eterna vella dos camiños, que é costureira ou Penélope abandonada que tece soa a súa tea: “Ferve o pote, mais meu caldo / soíña te hei de cear”. Hai para o caso en “Miña casiña, meu lar!” de Follas novas unha lección extraordinaria de cociña, de política e de feminismo. O poema contén a un tempo a receita do caldo dos máis probes, con bolo do pote incluído, e a épica doméstica e diaria do pobo traballador que protagoniza esta muller que non ten nada, pero que logra sobrevivir ás adversidades, incluída a avaricia dos seus veciños. A Fundación Rosalía de Castro reparou nestas dimensións do texto para levar adiante a celebración do Día de Rosalía coa alegría da “Alborada” rosaliana e tamén coa lección desta muller que elabora o que ela mesma chama un “caldo de groria”, o caldo feito coma un milagre, desde a resistencia e a estreiteza, pero que a alimenta e a reconforta e que, por riba de tódalas penurias, a fai feliz.

Achégase o 24 de febreiro e seguro que podemos celebrar de novo a Rosalía

Cadra o libro de Baixeras, en cuxa portada chama a atención unha navalla de Taramundi, co día de Robert Burns na Escocia amiga, celebrado co haggis, a comida dos pobres que o poeta cantara. Achégase o 24 de febreiro e, sexan cales foren as circunstancias sanitarias que haxa daquela, seguro que podemos celebrar de novo a Rosalía, en Galicia ou lonxe dela. Celebrar que nos testou a alegría e a confianza no noso rexurdir coa “Alborada” e o recoñecemento da patria humilde (Novoneyra), da xénese que nos marca, mediante o “Caldo de groria”, que Rosalía escribiu á beira das mulleres e á beira do seu pobo, da súa fame e da súa feluxe, da súa lingua e da súa esperanza.

Comentarios