Opinión

Escocia amiga

Jane e Eric viñeron a Galicia coa intención de se instalaren entre nós. Coñecían algo do país. Hai tres anos pasaron o mes do Entroido xa integrados entre os festexos. Para eles era Galicia unha terra irmá da súa Escocia, aínda que con moito mellor clima. Veñen de Fachabair, unha pequena vila á beira do río Spey, que baixa das Terras Altas Escocesas e, ó pouco de pasar por ela, da longa e dura e accidentada peregrinación súa acha repouso. Alí, ó pé dos vellos estaleiros de ribeira de Geàrr Magh, pouco antes de entregarse en foz e cun sarillo de insuas ás altas ondas do Mar do Norte, chega e parte sen fin este río rápido, fértil de salmón e troita e whisky. Estamos no norte escocés, onde aínda hai meniños que brincan no quinteiro falando no seu gaélico.

Cando Jane e Eric andaban pola Ulla e a Terra de Iria á procura dunha casa de xeito para se asentaren cos galaicos, a pandemia da COVID-19 e o estado de alarma con obrigatorio confinamento sorprendeunos na aldea de Imo da freguesía de San Xoán de Laíño. Estaban de alugueiro na pequena Casa do Corral, ó pé da Lavandeira e do seu monumental conxunto de canastros, onde un día brincaron de meniños, antes de se perderen na sombra das latas dos camiños da aldea, Sixto Aguirre del Río, Avelino Abuín de Tembra ou Moncho Reboiras. Foi un tempo insólito para todos nós, pero para eles aínda tivo que selo máis, loxicamente. Foron axudados de xeito comunal polos veciños. Durante estes últimos tres meses, Xoán Xosé Vicente, dono da Casa do Corral, prolongoulles de balde o alugueiro. Sen saberen galego ou castelán, foron traducidos e interpretados, alí onde cuestións legais e outras o facían imprescindible, por Verónica Sanmarco, de Lestrobe. E tamén tiveron o apoio de Pilar Aymara, que sabe de pontes entre Galicia e Escocia.

Agora, xa con mobilidade, Jane e Eric reanudaron a procura dunha casa con horta a partir da cal recomezar en reprise as súas vidas. Queren unha casa sinxela para faceren unha vida tranquila, afastada dos barullos e á beira da terra, desta terra que eles consideran irmá da súa. Quérena coma o seu Fachabair, non lonxe do mar. E entón no medio do proceso, como nin Xoán Xosé, nin Verónica nin Pilar aceptaron cobrar nada polos servizos que lles deron durante todo este estado de alarma, fixeron un alto na súa procura, centrada agora no Concello de Dodro, e achegáronse coa súa furgoneta á Matanza. Alí fixeron entrega dunha axuda económica desde logo moi xenerosa á Casa de Rosalía e deixaron ditos os motivos. Non querían nada, só compensar con eses cartos toda a axuda desinteresada, case en forma comunal, que eles recibiron. Na nosa reacción apresurada, antes de marcharen, conseguimos pór nas súas mans as magníficas traducións de Erín Moure de Galician Songs e New Leaves.

Por que escolleron a Casa de Rosalía? Pilar Aymara ten como bandeiras do seu traballo The bridge between Galiza and Scotland as imaxes de Robert Burns e Rosalía de Castro. Non sei que máis información poden ter da nosa autora nin de onde a puideron tirar. Tampouco creo que coñecesen a nosa campaña Faite Amiga ou Amigo. Non a mencionaron. Eles son abertamente independendistas, iso si. Pero algo ten que haber de fondo para que, eles que andan a buscar casa, axuden tan xenerosamente a de Rosalía para compensar a hospitalidade comunal que recibiron.

O que coñecían de Galicia deulles para saber que Rosalía e a súa Casa son unha causa comunal para Galicia. A ela, a esa causa, como veciños nosos que van ser, quixeron contribuír. É seguro que o próximo 25 de xaneiro celebrarán desde aquí a súa patria. Cearán haggis e lerán a oda que Robert Burns, o poeta nacional escocés, lle compuxera a ese prato dos humildes. E cando o 24 de febreiro chegue o Día de Rosalía, estou certo de que han celebrar á nosa beira a oda ó caldo dos pobres convertido en “caldo de groria” pola nosa escritora nacional. E se nós comezamos o día coas alegres gaitas da “Alborada”, eles daranlle a despedida co solemne “Auld Lang Syne”. Tamén a patria de Jane e Eric é, como a nosa, unha patria humilde.

Andan buscando casa pero xa teñen unha e para sempre. A Casa de Rosalía tamén é deles. Eles son a Escocia amiga de Walter Scott, tan citado por Murguía e Rosalía, a Escocia da poesía arrincada das lareiras de Robert Burns, a Escocia que se quere digna e que se soña ceibe.

Comentarios