Opinión

Eduardo Rivo e o soño da Inchadiña

Para os que se criaron ollando o encher e devalar do Ulla era un soño. Era un soño para os que viron os derradeiros mecos, dornas e galeóns subiren e baixaren coas mareas. Para os de Padrón e para os de Cesures, para os de Laíño e os de Lestrobe, para todos era un soño. O proxecto xurdiu dentro das celebracións do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, en 2013. A Fundación Rosalía de Castro propúxolle á Escola de Navegación Tradicional (ENT) Dorna da Illa da Arousa renderlle homenaxe a Rosalía de Castro desde o mar, desde a súa cultura e a súa xente. O punto de partida eran uns versos do libro que se conmemoraba e nos que a escritora describía os encantos da súa Terra de Iria (“Como chove miudiño”) e en concreto unha escena náutica no Ulla, na denominada Ría de Padrón, no mar que din os vellos: “Que inchadiña branca vela / antre os millos corre soa, / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / «Palomiña, voa!, voa!». Esa “palomiña” (bolboreta) á que lle fai “arrolo a branda ría”, esa vela branca, misteriosa estrela que navega co casco invisíbel entre o millo, era sen dúbida unha dorna. Podería corroboralo Staffan Mörling. O soño era, pois, navegar en dorna no mar de Iria, volver incha-las velas e chegar coa marea polo Ulla e polo Sar deica a estatua de Rosalía en Padrón. A ENT Dorna da Arousa, feita de homes e mulleres entregados á causa comunal do mar e da dorna cunha xenerosidade pouco vista, tamén se entregou á causa Rosalía, á causa “Inchadiña branca vela” e acolleu a idea e mailo soño con entusiasmo. Deseñouse e perfilouse a navegación e preparáronse os detalles da loxística. Sairiamos da praia fluvial de Vilarello, en Cordeiro (Valga). Había que mover por terra máis dunha ducia de dornas. Aliñariámonos fronte a Rosalía amarrados a un cabo de banda a banda no Sar, izariamos as velas ó son da Antiga Marcha do Reino de Galicia facéndoas flamexar en honra da nosa autora. Logo en terra, cos nosos remos ergueitos, cantariamos a coro o himno diante dela, feita pedra no Espolón padronés. As fiestras do soño estaban xa para sempre abertas. Que marea viva do verán se axeita en día e hora para arribarmos? Que vento dan os semáforos das predicións?

E o soño acabou realizándose. E a el se incorporaron co tempo lanchas e galeóns e embarcacións tradicionais doutras rías: bucetas de Muros, gamelas de Cangas, botes de Marín, carochos do Miño. O libro de fotografías Inchadiña branca vela de Eduardo Rivo que acaba de ver luz así o documenta e certifica. Eduardo traballa desde dentro, coma Manoel Antonio. Non fotografía coma espectador: fotografía como patrón e proel, olla de couse e de meo, desde a dorna, desde o mar. Entramos entón a bordo da súa Leica nunha paisaxe insólita, nun mar de río e selva e braña e naves que nunca se vira. Este magnífico traballo non ten para min outra explicación: Eduardo fixo seu o soño de todos. A súa mirada ten as tatuaxes rosalianas da estrela: non pode ser máis feliz a branca vela entre o millo. A óptica somérxese nunha paixón de bolinas e encalmadas, en rumbos infinitos. A embarcación, en vela ou remo ou desarmada, sempre co seu nome, é protagonista. O ollar de Eduardo retrata tanto as luces como as sombras das apuradas manobras mariñeiras. Retrata en escala de grises as dornas varadas entre o canaval, ávidas de soños, pero tamén as que lanzan un S.O.S. porque varan sen marea, que se vai nun adeus momentáneo a Rosalía entre o escintilar das estrelas acuáticas. Detense Eduardo na profundidade de campo dos esforzos comunais das botaduras, pero tamén no regreso canso das dornas perdidas entre a néboa: o pano das velas, o cánabo dos cabos, o pau dos remos e as escarvas, entre a pel e a mirada das persoas, anos de mar e séculos de soños.

Este ano haberá outra Inchadiña. Ese milagre contemporáneo da nosa cultura náutica e mariñeira que o Piueiro é subirá desde a ribeira da Guarda ata a estatua de Rosalía en Padrón, poida que acompañado por algunha dorna. Leva na súa vela de grandiosa lancha do alto como emblema a imaxe de Rosalía e un desafiante “Eu son libre”. Eduardo Rivo, proel amigo quen tamén voga e driza, achica e mais fai banda, estará alí, na travesía, para soñalo por todos.

Comentarios