Opinión

Dodro en camiño

Dodro é un concello moi pequeno. Está na Terra de Iria, entre Rianxo e Padrón, coas súas tres parroquias e pouco máis de vinte aldeas con menos de 3.000 almas. Dodro non ten vila nin tampouco propiamente capital. É humilde en todas esas cousas e en moitas máis. Pero tamén a Dodro se lle pode aplicar aquilo que, cando era alguén, Risco repetira no prólogo ás Perelinaxes de Otero (1929): “Ti dis: Galiza é ben pequena. Eu dígoche: Galiza é un mundo”. Si, Dodro tamén é un mundo, un universo xeográfico no que se xuntan as augas do Sar, do Ulla e do mar da Arousa, devalando ou enchendo, á beira das veigas de Lestrobe e das brañas de Laíño, un dos espazos húmidos e salvaxes máis importantes de Galicia. É este un patrimonio natural que ollan lonxe os montes de castros e cabalos bravos que se estenden e se perden cara Rois e Lousame. Nas lareiras de Dodro, coma nas Comedias Bárbaras de Valle-Inclán, aínda se oe nas noites de inverno, baixando pola cambota ou peneirado entre as tellas, o bruante mar de Corrubedo.

E gora que xa non hai vacas nin bois de Laíño, nin herba na braña comunal nin cooperativas do leite, este concello humilde mantén outras riquezas. Unhas son de índole arqueolóxica e outras arquitectónica, unhas son etnográficas e outras paisaxísticas, unhas culturais e outras especificamente literarias. De feito, todo este patrimonio, toda esta riqueza, está posto en valor grazas ás diferentes rutas organizadas polo Concello, que son algo así como as pelerinaxes de Otero e Risco do noso tempo. Nisto Dodro é ben grande. Nunca o daremos andado todo.

Célebres por Dodro son Luís Aguirre del Río, Fortunato Cruces Angueira, Avelino Abuín de Tembra, Xosé Ramón Reboiras Noia, Ramón F. Reboiras, Eusebio e Manuel Lorenzo Baleirón ou Rosalía de Castro. Con ela Dodro aparece na cartografía literaria de Galicia. Mencionouno nalgún artigo, pero sobre todo inmortalizou Laíño e mais Lestrobe en emblemático poema. Ademais retratou a escena náutica da dorna navegando coma bolboreta entre o millo da veiga de Lestrobe e baixou como viúva e suicida pola braña de Laíño, ó pé do mar, deica as Torres de Oeste. E todo isto porque Rosalía, antes e despois de Murguía, tiña casa en Dodro, en Lestrobe: as Torres de Hermida do seu curmán José de La Hermida Castro. Torres e curmán arredor dos cales, con Rosalía, están conectados fíos que nos levan e nos traen a Ruiz Pons, Manuel Barros, Castelao e o pacto republicano de Lestrobe de 1930, toda unha tradición da Galicia contemporánea, emerxente e mesmo revolucionaria.

Foi nestas Torres de Hermida, hoxe ben conservadas, onde Rosalía viviu en diferentes épocas da súa vida. Aquí lle naceron os xemelgos Gala e Ovidio, bautizados en Santa María de Dodro, aquí asinou varias das súas obras, coma “Padron y las inundaciones” ou El primer loco, e aquí quixo pórlle as fiestras a ó cume literario que é En las orillas del Sar. Outro pazo dodrense, coma o de Bendaña na aldea de Vigo, foi desmontado pedra a pedra e trasladado a Meirás por Franco nunha das agresión máis graves, e impunes, ó patrimonio. Este das Torres non. Este, ademais, é pazo fiel ó seu pasado e á memoria dos seus ilustres. Grazas a Marina Vázquez, garda un exemplar do Sempre en Galiza onde Castelao o cita, o cuarto principal ten o nome de Rosalía e conserva o documento conmemorativo do Pacto de Lestrobe, un tesouro deseñado por Camilo Díaz Baliño, mestura de nacionalismo, masonería e republicanismo, que recolle os nomes de tantos e tantos que logo, coma el mesmo, foran asasinados.

Despois de Tomiño, Entrimo, Teo e Rois, concellos tamén humildes que tampouco daremos andado nunca, xunto co máis industrial Arteixo de Murguía, vén estes días sumarse Dodro ó mecenado da Casa de Rosalía, o que culmina todo un intenso proceso logo de apadriñar o número 4 da revista Follas novas e de apoiar a “Inchadiña branca vela”. Dodro é pequeno, pero ten unha noite estrelecida, a que inmortalizou Amor de Artur: “Estaba tacholado de luces o ceo de verán en Dodro”. Agora, por iniciativa da alianza política que rexe o Goberno municipal e co apoio unánime da corporación, Dodro entra na Ruta Rosaliana da memoria e da esperanza, pelerinaxe que camiñamos, de noite e de día, sen podernos deter endexamais.

Comentarios