Opinión

Carballos e figueiras

A publicación de O xardín da Casa de Rosalía (2017) de Carlos Rodríguez Dacal puxo en valor todo o patrimonio vexetal que vive arredor da Casa de Rosalía na Matanza, que desde logo non é menor. Trátase dun traballo moi ben documentado e ilustrado que, ó tempo que fai un percorrido pola riqueza e variedade das plantas e das árbores do xardín, ó final é tamén un percorrido moi proveitoso pola historia da propia Casa. Co libro vai implícita unha homenaxe a unha autora que utiliza criterios e posicións estéticas e políticas moi avanzadas no que se refire a paisaxe, natureza e patrimonio vexetal. Que o digan o prólogo de Cantares ou “Los robles” e “Jamás lo olvidaré!” de En las orillas del Sar. 

No catálogo deste xardín, con máis de 50 especies, destaca desde logo o conxunto de camelias, entre elas a que leva o nome “Rosalía de Castro”, criada no Porto, e son moi significativos varios rexistros monumentais e senlleiros do patrimonio natural galego. Están entre eles a Figueira da Casa de Rosalía (que resiste centenaria a pesar dos anos e dos temporais), o Loureiro dos Poetas (ó pé do cal se fixo a coñecida foto familiar, derradeira de Rosalía), o xigantesco Ombú (procedente da Casa de Galicia bonaerense e plantado cando se inaugurou a Casa-Museo en 1971 xunto coa Árbore do Coral ou Eritrina) e outras plantas memorables, coma o Carballo de Gernika, plantado por Avelino Pousa Antelo e símbolo dos lazos fraternos entre Galicia e Euskadi. 

Precisamente, cando este emblemático carballo secou por causa dun perigoso fungo (a Armillaria mellea, o mesmo que matara a árbore que fora testemuña do criminal bombardeo), solicitamos das Xuntas Xerais de Biscaia un novo descendente do Gernikako Arbola. Había que ir buscalo ós viveiros onde ser reproducen innumerables herdeiros de tan emblemático exemplar. Como a Fundación Rosalía de Castro ordenara reproducir a figueira centenaria con varias fillas a partir das súas pugas de inverno, traballos que xenerosamente realizou o equipo técnico do Xardín Botánico de Padrón, chegara o momento de exercer o que Rocío Castro denominou con moito acerto “diplomacia botánica”.

Así, trouxemos un novo Carballo de Gernika e deixamos en Euskadi unha filla da figueira rosaliana. O carballo plantouse arredor do Día de Rosalía de 2019 e veu Ana Otadui, presidenta das Xuntas, para facelo con toda a honra que merecía. A figueira, infelizmente, non puido aínda plantarse debido á pandemia na que aínda vivimos.

No catálogo deste xardín, con máis de 50 especies, destaca desde logo o conxunto de camelias, entre elas a que leva o nome “Rosalía de Castro”, criada no Porto

Asombrounos como o Gernikako Arbeloa tiña todo un extenso espazo dedicado á súa cría e conservación. Pero é lóxico se temos en conta que hai centos de descendentes do carballo de Gernika polo mundo adiante: dos levados a América coa emigración do XIX ó que acaba de plantarse en Auschwitz. Tanto as Xuntas de Biscaia coma o Goberno de Euskadi utilizan a repoboación a escala planetaria do seu carballo coma un símbolo de paz e convivencia asociado ó pobo vasco e ás súas liberdades: a diplomacia botánica.

Moito máis humildemente, a Fundación Rosalía de Castro vénlle propondo a aquelas entidades que colaboran coa institución e apoian as súas actividades a plantación desta figueira coma un símbolo rosaliano asociado á súa Casa, á defensa do patrimonio natural e dos grandes perfís e valores da nosa autora. Agora medran figueiras da Casa de Rosalía pola Gándara de Narón, no parque que leva o nome da autora; en Moaña, ó pé co Centro Rosalía de Domaio; nas terras de Vedra, que Rosalía cita en “Domingo de Ramos”; na horta do Parlamento de Galicia; no Xardín do Recordo do Pazo do Faramello en Rois; no parque de Santa Margarida na Coruña, onde fai par coa maceira que dá as mazás de Newton; e axiña medrará tamén na terra de Castelao, Dieste e Manuel Antonio: así o quere o Concello de Rianxo, con Adolfo Muíños á fronte, que se acaba de facer “Amigo da Casa de Rosalía”. 

As fillas da figueira son pequenas e aínda así recoñecemos nelas a feitura da vella e centenaria. Medrarán vizosas, certamente, cos seus doces figos e coa súa fresca sombra, como vizosa vive e medra en Galicia, nas hortas, nos corazóns e nos camiños da liberdade, a figura que representan.

Comentarios