Opinión

Cadraba coas Sías

Tódolos Días das Letras Galegas son felices. Todos nos abren fiestras para ler e coñecer ou portas para ir á rúa, para achegarnos, cando se poida, á Raigame de Vilanova dos Infantes ou ó mar da Arousa, para escoitar a Marcha do Antigo Reino de Galicia nun bota abaixo de vela tradicional no porto do Chufre. Tódolos Días das Letras Galegas son felices. E tamén especiais e distintos, coma este de Xela Arias, porque é o dunha pícara filla de Barreiros e Fingoi, moza nas Travesas de Vigo para sempre, que se nos revira como gran poeta que é: “A de quen comprende non é / palabra feliz”.

Arredor de Xela Arias, a Fundación Rosalía de Castro vai lembrar un dos fitos máis relevantes da súa propia historia, aquel en que coa dirección e coordinación de Ana Blanco, que foi quen tivo a iniciativa, e baixo a presidencia de Agustín Sixto Seco, levou adiante o proxecto Daquelas que cantan. Era o cincuentenario do Patronato Rosalía de Castro (1947-1997) e ben merecía celebración. Arredor do esforzo persoal de Xosé Villar Granjel e de Xosé Mosquera xuntáranse as vontades políticas (en 1947!) das diversas sensibilidades galeguistas. No retrato conxunto dos membros na súa constitución había unha única muller: Pura Lorenzana. 

Pois ben, 50 anos despois, naquel en que se lle concedeu o feliz Día das Letras Galegas a Ánxel Fole, Ana Blanco, actual vicepresidenta da Fundación, collía o leme para lle dar visibilidade ás mulleres e ás mulleres escritoras e poetas na casa da poeta nacional de Galicia. Alí se xuntaron, vindas das diversas xeracións, Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Chus Pato, Pilar Pallarés, Xela Arias, Ana Romaní e Yolanda Castaño. O resultado deste encontro é unha publicación: Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas. Cincuentenario da Fundación Rosalía de Castro (1997). Con presentación de Carmen Blanco, a obra recolle textos das poetas (non todos inéditos) nos que estas dialogan libremente con Rosalía. Tamén recolle fotos en branco e negro realizadas por María Esteirán, tanto de cada unha das autoras como do grupo, a quen a fotógrafa noiesa xunta diante da imaxe emblemática da casa e ó que lle consegue tirar un aire de familia entre informal, distendido e feliz. Para cada poeta, postas na Ruta Rosaliana (Bonaval, Bastavales, A Arretén, Lestrobe...), María Esteirán, coma María Cardarelly 150 anos antes, procura miradas orixinais desde puntos de vista que foxen do convencional. O libro acompáñase cun CD que recolle tódolos recitados cun fondo musical de Rodrigo Romaní e os once gozosos temas instrumentais completos. Ademais da música, só polas voces nel gardadas o CD é un tesouro. O deseño, cheo de rosas, cunha capa que pon a Rosalía de Luís Sellier nun centro arredor do que xiran as poetas, é de Fausto Isorna. En 1983 o aínda Patronato tivera unha iniciativa similar: Rosalía na voz dos poetas (en CD e LP). Estaban convocados Antón Avilés de Taramancos, Ramón Lorenzo, Ana Romaní, David Pérez Iglesias, Ánxeles Penas, Xesús Rábade, Helena Villar, Ramiro Ponte e Eusebio Lorenzo Baleirón. Recuncan Helena Villar e Ana Romaní, pero o salto entre as dúas iniciativas é todo un fiel espello dos avances realizados dunha década para outra e sempre arredor de Rosalía. Un título como Daquelas que cantan dicíao todo, todas.

Xela Arias tiña 35 anos en 1997. No seu ronsel ficaban xa Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990) e Darío a diario (1996). En Daquelas que cantan cola un pasquín poético monumental: “Se na vida cotiá o balazo / non rebenta en estourido a estupidez, / pouco importa intelixencia ou sentimento”. Xela ataca abertamente a reclusión nun sagrario (tamén laico) de Rosalía: “Inmaculábante. Eras necesaria. / Inmacúlante. Es o principio da camiñada”. Tamén os seus usos e apropiacións: “Tal sempre mulleres confinadas na construcción / doutros”. Porque Xela Arias é daquelas que cantan e se reviran e buscan a independencia e a liberdade, a pesar de que “A de quen comprende non é / palabra de feliz”. Ela cadraba coas Sías.     

Volveremos a escoitar a súa voz e o poema estalará de novo e retumbará da Casa de Rosalía ó mar de Vigo. Tódolos Días das Letras Galegas, grazas a escritoras coma Xela Arias, son e serán felices.

Comentarios