Opinión

Alborada 2020

Publicou nestas mesmas páxinas Daniel Fernández López, da Asociación de Gaiteiros Galegos, “Historia dunha melodía”. Trátase dun artigo no que apunta sucintamente algunha das claves da historia musicolóxica que hai arredor da melodía a partir da cal Rosalía de Castro compuxo a súa “Alborada” de Cantares gallegos (1863). Na procura desta melodía orixinal xurdiu unha controversia entre Perfecto Feijóo e Castro Sampedro, entre o entusiasta activista e o rigoroso erudito, estudada xa por Filgueira Valverde e que daría para unha ben boa novela histórica de disputas musicolóxicas na que terían un especial protagonismo tamén Alejandra Murguía e o gaiteiro de Lestrobe, Clemente Eiras. O certo é que, segundo nos di Daniel Fernández, neste ano de 2020 cúmprese o centenario tanto da versión musical para canto coral de Perfecto Feijóo como da versión de Castro Sampedro que interpretou Mercadillo. Nun ano no que as vai haber ben intensas, non sería esta unha celebración menor.

O ano 2013 en que se conmemoraban os 150 de Cantares gallegos, foi a Alborada de Rosalía un dos grandes leit-motiv da celebración, sen dúbida. O día 24 de febreiro aquel ano, nunha iniciativa conxunta da Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteiros Galegos, centos e centos de gaitas soaron por Galicia adiante e no mundo co son da Alborada para saudaren o nacemento da nosa escritora. Na exposición inaugurada en Vigo en maio dese ano, unha sección da mesma estaba dedicada á Alborada, con imaxes, partituras e gravacións. Desde aquela a Fundación Rosalía de Castro propuxo que fose a música da Alborada a que se erixise como banda sonora da celebración do Día de Rosalía. Por que?

A “Alborada” non é calquera poema. Primeiro porque se trata dun texto claramente experimental, no que a autora, como ela mesma indica, ten que versificar a partir dunha música nada convencional. Antes foi a música cá letra. Segundo porque está disposto nun lugar privilexiado, na clausura de Cantares gallegos, o que lle outorga un plus simbólico. Efectivamente, Rosalía xa escribira unha alborada digamos canónica en "Cantan os galos pró día”. Pero esta é outra alborada, na liña de Añón e Pintos. Unha alborada simbólica asociada ó proceso que nace en Sarmiento. A Alborada é o espertar, o renacer de Galicia, que despois tamén Pondal leva á letra do himno galego: “desperta do teu sono / fogar de Breogán”. Esta idea de alborada, e a de Veiga está na mesma liña, vertebrou estruturalmente a nosa historia cultural e política contemporánea. Ramón Rey Baltar na súa “Alborada de door” de A gaita a falare (1939) explica moi graficamente que “unha noite sin estrelas / veu cando o día pintaba” e Alfonso Daniel R. Castelao recuperou para todos a esperanza en momentos moi duros na súa Alba de Groria, que nos remite sen dúbida a toda esta tradición simbólica.

A meniña gaiteira rosaliana é consciente de que está asistindo non, de que está contribuíndo a unha nova idade para Galicia, a do seu rexurdir, a do seu espertar. Por iso a súa alborada vai dirixida especialmente ás outras meniñas (“arriba todas, / rapaciñas do lugar”), suxeito literario e político da Galicia futura, e por iso é o poema para o que se reserva unha disposición relevante no cabo da obra, con toda a súa alegría e esperanza.

A ancoraxe fortemente popular da forma, pero tamén o seu carácter declaradamente experimental; o discurso aparentemente inocuo asociado ó lirismo de paxaros e mociñas, pero un fondo político e feminista indiscutíbel; un xogo simbólico de noites e amañeceres simple, pero cunha carga épica en que a alegría e a esperanza resultan unha verdadeira arenga… Todo isto converte a Alborada de Rosalía nun auténtico metatexto de Cantares gallegos e nunha referencia literaria e histórica chea de simbolismo tamén político para a Galicia contemporánea. E esta alegría e esta esperanza é o que celebramos ó son da Alborada, tocada e cantada polos Carapaus desde 2013, o Día de Rosalía.

Sería bo lembrar e facerlle homenaxe tamén a Perfecto Feijoo e Casto Sampedro, á música popular e á súa tradición oral, ás gaitas e ós coros que arredor da Alborada tanto contribuíron no mesmo proceso de espertar e rexurdir para o que escribiu Rosalía e no que a temos por bandeira.

Comentarios