Opinión

Airiños de Asados, sempre

Leva na súa dedicación ó teatro popular o Airiños de Asados o fío que nos trouxo ó nobelo do presente. É o fío do teatro, invisible, e máis se non é profesional, nas historias da literatura e da cultura na Galicia contemporánea. Foi o teatro en galego o que nunca morreu nin tivo séculos escuros. Foi o teatro quen mantivo viva unha tradición escrita e cultural desde o século XV. Foi o teatro o camiño por onde viu luz o primeiro libro impreso en galego, o Entremés galego de Salvador Francisco Roel, representado na Coruña en 1707. Airiños é quen está chamado a representalo e darlle nova vida e a dignidade que merece.

Leva no nome o Grupo de Teatro Airiños de Asados as raíces da nación. Son aquelas que se afunden no luminoso século XVIII. E se non é en Sarmiento, que podería, a copra dos “airiños, airiños, aires” está na do seu discípulo e tamén bieito, o Padre Sobreira. Entrou con forza en 1861 polos Xogos Florais da Coruña avante e da man de Francisco Añón presidindo o “Ai, esperta adorada Galicia!”. E no Álbum de la Caridad (1862) con Rosalía, “soia nunha terra estraña / onde estraña me alomean”, que os fai estourar definitivamente e para sempre en Cantares gallegos. Os de Curros Aires da miña terra (1880) son talvez os primeiros ecos, e grandes, daquel estalido. E logo viñeron “airiños” e “aires” que percorreron todo o mundo na cabeceira de revistas e xornais, en voces de coros, en música de gaitas, en transmisións radiofónicas, en centros e outras congregacións asociativas, médicas, masónicas, deportivas... Aqueles “airiños” da cántiga arrincada da cultura popular convertéronse nunha columna vertebral da patria humilde que chega ós nosos días.

Leva na xénese, na súa fundación en 1933 o Grupo de Teatro Airiños, tódolos soños e esperanzas vividas no verdadeiro Rexurdimento de Galicia,  naqueles anos (1916-1936) onde a soñada Galicia Ceibe dos Precursores nos parecía leda e facedeira. E leva a resistencia antifranquista cando houbo que facela, porque década a década, Airiños representou e representa coma ninguén, co seu teatro, que por riba de tódalas adversidades, aqueles soños e esperanzas continúan.

Leva no corazón Airiños a idea de cultura comunal. É Airiños unha comunidade permanente e participativa para a freguesía de Asados e o Concello de Rianxo. Airiños é algo máis ca teatro e a súa dimensión comunitaria e autoxestionada fai grandes os proxectos, por humildes que sexan ou parezan. Por iso Airiños, camiño dos cen anos, é a compañía máis lonxeva de Galicia. Porque son as causas comunais as mellor dotadas da cerna necesaria para resistiren e entusiasmaren as sucesivas xeracións de veciños. 

Era xuño de 1971. Non vou falar das épicas representacións dos anos 40 e 50. Tampouco da represión que veu despois de abrir A fiestra valdeira en Catoira por 1961 e das persecucións e censuras “por esa manía de dar siempre obras en gallego”. Nin sequera da memorable posta en escena nos oitenta d´Os vellos non deben de namorarse. Nin de Ramón Pimentel, nin de Xesús Santos, dous actores e directores que sempre serán asociados á historia deste proxecto. Non. Era xuño de 1971. Desde marzo xa se viña falando do asunto na prensa, con Xosé Luís Cristobo. En Asados constiuírase unha delegación do Padroado Rosalía de Castro, que xa anuncia o seu desexo de representar varias obras con Airiños e facer outros eventos para axudar á Casa de Rosalía. Todo abril e maio se foi en pedir autorizacións a través de Sixto Seco, sen resultado. Era o seis de xuño e aínda os permisos non chegaran. Airiños estaba marcado a nivel político municipal e nacional. Pero por fin A morriña, Un home de sorte e Na casa do ciruxano puideron representarse naquel ateigado inmenso cine Centro de Asados os días 18, 19 e 20. E non só. Houbo poesía e música, de tal xeito que tódolos asistentes corearon o “Venceremos nós” con entusiasmo. Airiños acabou denunciado polas autoridades locais e novamente perseguido.

Están en Airiños as comadres críticas de Roel, o pobo traballador do Coloquio de Sarmiento, que é o de Rosalía, e a forza descomunal do teatro posta ó servizo da causa de Galicia, a causa da liberdade, que naquel momento se chamaba Casa de Rosalía. Son estes Airiños aires que nos levan e nos traen de Cerdeiras, onde Manuel Antonio alou da poutada para sempre, polas fontes, ríos e océanos da nosa memoria, da nosa esperanza e do noso corazón.

Comentarios